Opinión

Crise demográfica e mistificación da maternidade

  Galiza envellece. Non precisamos estatísticas para comprobalo. Chega con observar a paisaxe humana da maior parte das nosas vilas, aldeas e cidades. É situación común na vella Europa, acentuada no caso galego. Expertas, investigadores, gobernos, organizacións políticas e medios de comunicación alertan do grave problema de futuro que isto supón e da necesidade de modificar a tendencia. Non é tarefa sinxela.

Galiza envellece. Non precisamos estatísticas para comprobalo. Chega con observar a paisaxe humana da maior parte das nosas vilas, aldeas e cidades. É situación común na vella Europa, acentuada no caso galego. Expertas, investigadores, gobernos, organizacións políticas e medios de comunicación alertan do grave problema de futuro que isto supón e da necesidade de modificar a tendencia. Non é tarefa sinxela. Mudar a tendencia demográfica dun país é cousa de décadas. Existe coincidencia na enunciación da crise demográfica como problema, mais coido que hai diverxencia nas receitas a aplicar. Para mostra un botón: o Plan de Dinamización Demográfica que vén de aprobar a Xunta de Galiza. Un documento ao que lle vén grande a denominación de “plan” e forma máis ben parte da categoría “propaganda”, da que tanto abusa o goberno galego.

A solución que ofrece o PP a tan fondo problema pasa por apoiar á “familia” e “impulsar a maternidade”. Obvian aspectos clave como a nosa situación económica, ou a revisión dos roles tradicionais como elementos centrais á hora de reverter as tendencias demográficas. No fondo, agroma ese rancio concepto, de que a “culpa” reside nas mulleres que decidiron non teren descendencia. É unha nova volta de torca no rancio discurso sobre a maternidade ao que,obsesivamente, tantos esforzos dedicou o PP nesta lexislatura. Unha trampa máis para poñer pedras no camiño da igualdade de dereitos e oportunidades das mulleres. Parecía este un debate superado –a maternidade como fin das mulleres-, mais nestes tempos convulsos zoan con forza os ventos do pasado.

A maternidade é un dereito que debe ser protexido e amparado polos poderes públicos, que deben evitar que se convirta nunha carga gravosa para desenvolvemento das mulleres. Sabemos ben que isto non é así. A decisión de ter fillos e fillas repercute de maneira diferente en homes e mulleres. Maioritariamente seguen sendo elas quen renuncian ao seu posto de traballo, soportan dupla xornada laboral e mesmo, a pesar de estar prohibido por lei, son despedidas por quedar embarazadas –decisións que mesmo se teñen producido no caso da administración pública. A desprotección é evidente e as últimas reformas laborais, minguaron aínda máis os dereitos de conciliación.

O discurso e actuacións do PP non son inocentes.Teñen transfundo ideolóxico e político. A discriminación das mulleres é funcional na lóxica do sistema e clave en todo o proceso de desmantelamento dos servizos públicos. O coidado de maiores, crianzas e atención das mal denominadas “tarefas do fogar” son elementos imprescindíbeis para a vida mesma, para o funcionamento da sociedade. A súa prestación “gratuita” é moito máis “económica” que a provisión por parte dos poderes públicos dos servizos e recursos necesarios para a súa atención. Eis a intencionalidade real do PP e a causa última deste revivalda mistificación da maternidade.

Comentarios