Opinión

Corrupción, elitismo, españolismo

Non é casual que o mesmo partido que tolera que 10 imputados gobernen a capital dunha nación

Non é casual que o mesmo partido que tolera que 10 imputados gobernen a capital dunha nación sexa o que acaba de promulgar unha lei educativa elitista, segregadora, anti-galega, a LOMCE. O modelo de sociedade do PP é un modelo darwinista, cruel, pensado só para as minorías pudentes, e rexido por unha única lóxica, a do lucro, a da maximación das gañancias.

Nun mundo gobernado polo capital, a orixe do beneficio, sexa legal ou ilegal, acaba por ser o de menos. Iso explica a corrupción sistémica. Que o partido que goberna con maioría absoluta en Galiza e no Estado se teña financiado de xeito irregular e dunha forma perfeitamente planificada é algo que hoxe ninguén informado pon en cuestión, como tampouco ninguén ignora que o outro esteo do bipartidismo, o PSOE, tamén tivo a súa Filesa.

De igual maneira que se pretende afastar o pobo da política, a LOMCE tenciona afastar do ensino os sectores populares

No xogo da corrupción, hai sempre dous actores. O corrupto e o corruptor. O poderosísimo aparato de propaganda do establishment tense preocupado moito nos últimos anos por pór todos os focos non tanto nos corruptos, como na falaz idea da política como actividade intrinsecamente corrupta. Todos son iguais. Ese é o mantra que axitan os poderosos. Fano cunha clarísima intencionalidade: protexer os corruptores (os grandes poderes económicos, que fican á marxe do escrutinio dos mass media) e desprestixiar a actividade pública, provocar o afastamento do pobo da política, acender a faísca que poda levar até o fascismo.

De igual maneira que se pretende afastar o pobo da política, a LOMCE tenciona afastar do ensino os sectores populares. O establishment está cómodo coa política dos corruptos (por iso Feijóo non toma medidas en Santiago) e non está cómodo cun ensino que dea igualdade de oportunidades para tod@s.

Non podía estar máis xustificada a folga desta quinta feira 24 de Outubro contra a LOMCE. E non podía estar máis xustificada a exixencia do BNG de que se disolva a actual Corporación de Santiago e se convoque o corpo eleitoral, para restituír a democracia.

Comentarios