Opinión

Contra a resignación. 19 teses e unha pregunta sobre a derrota que estamos a vivir.

1. O capital desenvolve, en Europa, a ofensiva contra o traballo máis decisiva, continuada e feroz desde o remate da 2ª Guerra Mundial.

2. Os albos desa ofensiva son a lexislación laboral, o recoñecemento do dereito das clases traballadoras a negociar colectivamente as condicións da explotación; a privatización dos servizos públicos, do dereito das clases traballadoras a xestionar colectivamente a protección da vida, educación, sanidade, renda na vellez, seguro de desemprego; a democracia, a capacidade, dentro do capitalismo, de elixir entre políticas económicas alternativas; a soberanía, a xestión pública da moeda, a política fiscal e o orzamento.

1. O capital desenvolve, en Europa, a ofensiva contra o traballo máis decisiva, continuada e feroz desde o remate da 2ª Guerra Mundial.

2. Os albos desa ofensiva son a lexislación laboral, o recoñecemento do dereito das clases traballadoras a negociar colectivamente as condicións da explotación; a privatización dos servizos públicos, do dereito das clases traballadoras a xestionar colectivamente a protección da vida, educación, sanidade, renda na vellez, seguro de desemprego; a democracia, a capacidade, dentro do capitalismo, de elixir entre políticas económicas alternativas; a soberanía, a xestión pública da moeda, a política fiscal e o orzamento.

3. Trátase de reverter o pacto social entre traballo e capital forxado na loita contra o fascismo e a Gran Depresión. A forza non necesita pactar coa debilidade.

4. O contraataque do capital comezara no remate anos 70 e 80. Os seus líderes políticos e ideolóxicos: Augusto Pinochet, Margaret Thatcher, Ronald Reagan e Xoán Paulo II.

5. A crise financeira provocou dúbidas entre os dirixentes do capitalismo español, europeo e mundial: hai que reformar o capitalismo (Sarkoky, Bush, Díaz Ferrán).

6. A falta de reacción das clases traballadoras permitiu superar esas dúbidas. Os consellos de administración (FMI, BM, OCDE, CE, BCE, BE...) do capital decidiron que era tempo de radicalizar a ofensiva comezada corenta anos antes. We want the world and we want now (The End, The Doors), é a palabra de orde que proclaman.

7. Ese proceso é desigual. Nos países escandinavos o Estado conserva capacidade de xestión económica, soberanía, Statoil, a compañía de petróleo norueguesa é pública. O elo máis feble, onde a ofensiva é máis feroz, son os estados rescatados do sur de Europa, Portugal, Reino de españa, Greza, tamén Irlanda e algúns dos estados que pertenceron ao bloque do Leste (Letonia, Hungría...).

8. A ofensiva total non é unha hipérbole. A enumeración das reformas adoptadas no Estado español desde maio de 2010, Zapatero, ata a primavera de 2013, Rajoy, non permite outra interpretación: despedimento de empregad@s públic@s e redución dos seus salarios, reforma laboral de Zapatero, reformas laborais de Rajoy, endurecemento das condicións das pensións de Zapatero, introdución anticipada do factor de sostibilidade das pensións por Rajoy, reforma da Constitución Española para estabelecer a soberanía dos rendistas sobre os pobos, ofensiva contra a sanidade pública con repagamento e substitución do dereito universal á sanidade por un sistema de seguros ligado á cotización, lei Wert no ensino...

9. É a clase dos ricos a que está a gañar (Warren Buffet1). A velocidade e intensidade das agresións non enfronta unha oposición suficiente para as paralizar. A reforma do artigo 135 da Constitución español, a lei de xullo de 2012 e o Real Decreto-lei de febreiro de 2013 que provocarían hai poucos anos cadansúa folga xeral, arestora pasaron case desapercibidos. A imaxe é a dun boxeador no recuncho que non é quen de eludir as puñadas do seu adversario.

10. A arquitectura da Unión Europea é un elemento fundamental da ofensiva do capital nos estados do sur de Europa. Serviu para os despoxar dos instrumentos tradicionais da soberanía estatal sen llelos ceder nin ás nacións sen estado nin a institución supraestatal democrática ningunha. Hoxe goberna Europa unha alianza entre os representantes do capital monopolista, o capital financeiro e unhas elites cosmopolitas que viven nun mundo afastado das poboacións produtivas, aeroportos, salarios europeos, centros de ensino de elite, sistema de pensións especiais, captación cognitiva e económica dos grupos dirixentes polo capital, cooptación e portas xiratorias, das altas responsabilidades políticas aos consellos de administración das empresas monopolistas e dos consellos de administración das finanzas ao liderado dos consellos de ministros sen pasar polas urnas.

11. A arquitectura europea tampouco é neutral do punto de vista espacial. Hoxe o sur de Europa é un protectorado do núcleo do norte. Alemaña, Austria, Finlandia, Holanda... impoñen as políticas que deberán aplicar os gobernos dos países do sur. Mesmo Francia, que diría o xeneral De Gaulle?, a pedir permiso para adiar dous exercicios a redución do déficit.

12. No Estado español a dereita desenvolve o programa máximo común do capitalismo, mais engadíndolle as aspiracións idiosincrásicas herdadas do franquismo, a volta ao nacionalcatolicismo: apoio aos sectores máis reaccionarios e sectarios da igrexa católica e recentralización, España unha e grande, intento de reespañolización de Cataluña, Euskadi e Galiza.

13. As políticas de austeridade impostas pola Troika (FMI, BCE, CE) están a destruír as sociedades dos estados rescatados. O PIB caeu un 3,9% en Portugal, un 2% no Estado español, un 2,3% en Italia e un 5,3%! en Greza en 2012. A taxa de paro está xa no 27% no Estado español e Greza. As políticas de austeridade e demolición da sociedade producen destrución do tecido produtivo e das garantías solidarias da vida, e producen dor, pobreza, miseria, desigualdade e desesperanza. Cada ano os gobernos anuncian a recuperación do crecemento para o ano seguinte, mais este non se produce.

14. A situación lembra a década perdida dos países latinoamericanos. A trampa da débeda deixounos nas mans do FMI. As políticas impostas de austeridade afondaron a crise sen que servisen, sequera, para reducir a débeda. Tamén alí, aumento da pobreza, da desigualdade, do paro, destrución das sociedades, emigración masiva... ata que romperon co neoliberalismo e o Consenso de Washington.

15. A destrución da sociedade posúe características propias no ámbito nacional galego, aceleración da perda de falantes na nosa lingua, devalo demográfico, baleiro do rural, desmantelamento de sectores produtivos básicos, liquidación do sector financeiro autocentrado...

16. Abaixo, as resistencias. As mobilizacións do funcionariado en xullo de 2012, a folga xeral do 14-N e as enorme manifestacións que a acompañaron, a masiva participación nas rúas do último 1ºde Maio, os novos movementos sociais, 15-M, Stop Desafiuzamentos, Afectad@s polas Preferentes e subordinadas, mareas, as convocatorias internacionais contra a Troika e a débeda, o rexurdimento do movemento estudantil despois de décadas de apatía... amosan unha revitalización da loita social descoñecida desde hai décadas.

17. Esa mobilización non é, aínda, abonda. Consegue éxitos parciais, sitúa no taboleiro político e dos media novas cuestións, repolitiza, atrae sectores antes desmobilizados á loita... mais non muda o rumbo de austeridade, perda de dereitos e mercantilización, o proceso de substitución da sociedade polo mercado e de recuperación de espazos para a valorización do capital. Asistimos a unha segunda Gran Transformación (Polanyi2).

18. É un Estado de excepción financeiro. O capital cobiza unha clase de traballador@s sen dereitos, instrumentos de acumulación, despoxada de todo valor solidario.

19. Esta crise vai volver configurar, está xa a redeseñar o modelo de economía e sociedade, a correlación de forzas entre capital e traballo por décadas. Esa nova correlación de forzas condicionará a capacidade das sociedades e da humanidade para afrontar a relación da economía humana co medio natural. Se a transición da economía produtivista, consumista e enerxívora a unha economía sostíbel semella moi difícil, serao máis para unha sociedade baixo a hexemonía da desigualdade e o movemento acelerado do capital en busca de valoración. A mercantilización capitalista fará tamén máis difícil proceder á socialización de parte da economía dos coidados e á repartición entre sexos do traballo doméstico, fará máis difícil dar o paso da igualdade legal á igualdade real entre xéneros.

20. É necesario un poder das de abaixo para enfrontar o poder desatado do capital (Glyn)3? Queremos construílo? Podemos facelo?

-------------------------------

1.-The New York Times, abril de 2006. Existe unha guerra de clases, de acordo!, dixo o Sr. Buffet, mais é a miña clase, a clase dos ricos, a que está a facer a guerra, e imos gañando. En inglés dise guerra e non loita de clases, o termo é máis rotundo. En 2008 Buffet ocupou o primeiro lugar entre os máis ricos do mundo.
2.-Polanyi, Karl, La gran transformación. Los orígenes políticos y económicos de nuestro tiempo. Fondo de Cultura Económica, México, 2011.
3.-Glyn, Andrew, Capitalismo Desatado, Finanzas, Globalización y Bienestar, Los libros de la Catarata, Madrid, 2010.

 

Comentarios