Opinión

Clemente López Orozco non debe dimitir pola Pokemon

O alcalde de Lugo debe dimitir, non por estar imputado na operación Pokemon ou casos semellantes, si non por algo mais gordo e grave. Teñen corrido ríos de tinta sobre a mala xestión das Caixas de Aforros Galegas entidades que foron mal xestionadas e que recibiron inxentes axudas públicas con cargo a recortes sociais. El é responsable.

Clemente López Orozco estaba sentado no Consello de Administración de Caixa Galicia e despois da fusión estaba previsto que seguira na poltrona como integrante do Consello de Administración Territorial de novacaixagalicia. Dicimos estaba sentado, xa que non fixo outra cousa, sentar, cobrar, calar e outorgar ante a mala xestión dos Méndez& Cia.

Apoiou sen fisuras, Consello a Consello e reunión a reunión, a xestión de José Luis Méndez , i estamos seguros que tivo que ratificar a indemnización multimillonaria que este recibiu. Nunca foi crítico, sempre foi compracente con quen exercía o maior poder económico e financeiro en Galiza.

Non pode dicir que non sabía nada, el asistiu ás Asembleas Xerais da Entidade, nas que ano tras ano os representantes dos traballadores/as votamos en contra da xestión xustificando os nosos motivos. El votaba a favor e calaba.

A crise no sistema financeiro galego, froito da mala xestión de Caixa Galicia e Caixanova, ten un gravísimo impacto no tecido produtivo e na economía galega, tamén na de Lugo, motivo que por si só xustificaría a súa retirada silenciosa da vida política.

Ser un “arruína empresas”, sexa por incompetencia, por omisión, ou por ser un bandullo agradecido, debería ser motivo de inhabilitación política. É por iso que Clemente López Orozco debe dimitir. O da Pokemon, comparado co burato catastrófico de Caixa Galicia, ten o grao de anécdota.

Comentarios