Opinión

Chávez: «perro, pericote y gato»

«Perro, pericote y gato» (can, rato e gato) son os tres animais que fixo comer nun mesmo prato, todo un milagre, o santo mulato peruano san Martín de Porres, o humilde santo que tiña como único traballo no convento varrer.

«Perro, pericote y gato» (can, rato e gato) son os tres animais que fixo comer nun mesmo prato, todo un milagre, o santo mulato peruano san Martín de Porres, o humilde santo que tiña como único traballo no convento varrer. Chávez obrou o mesmo milagre, fixo que moitos comeramos no seu prato, na súa man, o seu alimento esperanzador e cheo de dignidade que ía desde alimentar os latinoamericanos, non só os venezuelanos, coa arma da saúde e da cultura, até chantarlle cara e chamar ao inimigo polo seu nome.

Nese mesmo prato comeron os membros da ALBA e a primeira institución panamericana na que non estaban nin os Estados Unidos nin Canadá: o CELAC. Pero eses logros internos e externos dun home irrepetíbel para a historia vense ensombrecidos pola ditadura da caverna en que o mundo occidental e «desenvolvido» mantén a súa poboación, lendo, escoitando e vendo sombras.

"Fixo que moitos comeramos no seu prato, na súa man, o seu alimento esperanzador e cheo de dignidade"


Para min hoxe é un día triste. Estiven o día 11 de abril de 2002 fronte ao Palacio de Goberno de Miraflores defendendo a Revolución. Comigo estaban venezuelanos de todas as clases sociais, tamén estivo Farruco Sesto, amigos vascos, descendentes de cataláns; un deles, o fotógrafo Jorge Recio, quedou parapléxico por unha bala dos golpistas. Todo estes esforzos non van quedar orfos. O pobo venezuelano é un pobo valente e consciente do seu destino e Latinoamérica avanza coma un tren de alta velocidade no camiño correcto, porque Chávez entendeu ben que ningún home é unha illa e ningún pobo pode dar as costas á humanidade.

Resumindo, mentres a nosa historia pasada e recente, nacional e estatal, está inzada de políticos melifluos, intranscendentes e paifocos, veu este home, milagre de América, milagre do mundo, pedirnos a man, o ombro, as letras, as forzas, as gañas, a conciencia, a intelixencia, a paciencia, o riso, a alegría; para que non nos rendamos nunca. Venceremos! Até sempre, comandante!

Comentarios