Opinión

Chávez e a República Galega

Chávez, deixa coa súa morte, un fondo legado político a Venezuela e ao seu proceso de emancipación e segunda independencia. Mais non só. Do que representa Chávez e o proceso que hoxe coñecemos como Revolución Bolivariana tamén podemos tirar proveito os povos que, coma o noso, loitamos pola nosa plena emancipación nacional e social.

Chávez, deixa coa súa morte, un fondo legado político a Venezuela e ao seu proceso de emancipación e segunda independencia. Mais non só. Do que representa Chávez e o proceso que hoxe coñecemos como Revolución Bolivariana tamén podemos tirar proveito os povos que, coma o noso, loitamos pola nosa plena emancipación nacional e social. Este é o patriotismo na Venezuela Bolivariana: unha conciencia plena da súa soberanía nacional e a necesidade de xustiza social para o seu povo.

Baixo o liderazgo de Chávez a fronte do Movimiento V República foi capaz de artellar alianzas amplas cos numerosos partidos da oposición á IV República: nacionalistas, antiimperialistas, rexeneradores, socialistas, demócratas e comunistas que ficarían englobados finalmente no Polo Patriótico que funda a V República. Unha República Bolivariana de Venezuela que nace baixo os “dereitos irrenunciábeis da Nación á independencia, á liberdade, á soberanía, á inmunidade, á integridade territorial e á autodeterminación nacional”.

"Encetamos un camiño onde sectores políticos e sociais, en aumento, demandamos a apertura dun debate nacional sobre a necesidade de dotarnos de soberanía e construir un Estado na Galiza"

A nacionalización de sectores estratéxicos da economía venezolana e o control sobre os seus recursos minerais e enerxéticos abriu as portas a construcción dunha nova república con capacidade económica e vontade política para mudar o rumo da historia en Venezuela. Alfabetización, educación, programas sociais, incorporación dos oprimidos e excluídos ao proceso político son algúns dos seus avanzos. A nivel internacional, Venezuela, convertiuse nun axente de primeiro orde no escenario mundial; instaurando un novo polo de alianzas. En latinoamérica hoxe existe unha integración rexional liderada por Venezuela xunto con Ecuador, Bolivia, Cuba, Arxentina, Nicaragua, Brasil.. e con alianzas en Asia ou Europa confrontadas coas da OTAN: Irán, Rusia, Bielorrusia, Palestina...

Na Galiza hoxe encetamos un camiño onde sectores políticos e sociais, en aumento, demandamos a apertura dun debate nacional sobre a necesidade de dotarnos de soberanía e construir un Estado na Galiza: a nosa V República. Necesidade de artellar o debate político na sociedade galega por volta das saídas á fonda crise política, económica e social que sofremos.

Porque temos a necesidade vital, de emerxencia nacional, de situar as saídas á fonda crise e de sinalar a orixe dos problemas. Situar a saída política, económica e institucional soberanista. Pór o soberanismo na balanza para inclinar a maioría social do País cara posicións de ruptura con España e a UE, auténticas superestructuras do capital.

Son tempos, pois, para falar de solucións políticas. É visto por moitos sectores agredidos: sanidade, educación, naval, preferentes... que hoxe a lóxica xurídico-política deste réxime traballa contra eles. Hai que ofrecer saídas; non simples oratoria anti-recortes desde un parlamento que nada consigue.

Cómpre non esquecer para a tarefa de construcción do novo suxeito da esquerda soberanista que existe un sector social e político, reducido até non hai moito, mais agora con caixas de resonancia, implicado en facernos crer que “si seguís con el soberanismo no os enteráis de nada”. Palabras pronunciadas, como muitos e muitas sabedes, por Iolanda Díaz, de EU e parlamentaria de AGE.

As posíbeis alianzas están xa sobre plano. Con paciencia e rumbo claro cara o exercicio da autodeterminación, seguimos camiñando. Adiante!

Comentarios