Opinión

Cando Luís Seoane polemizou coa Irmandade (sobre a lingua)

Co gallo do Día da Patria Galega de 1967 asistín no Teatro Avenida de Bos Aires a un acto conmemorativo. Había pouco que me ligara á Irmandade Galega desa cidade, despois de pasar pola Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, xa que estaba na procura dunha asociación con máis contido político, na que se reflectiran os meus anceios a prol da liberación nacional e social de Galiza. Aquela foi unha celebración polémica.

Co gallo do Día da Patria Galega de 1967 asistín no Teatro Avenida de Bos Aires a un acto conmemorativo. Había pouco que me ligara á Irmandade Galega desa cidade, despois de pasar pola Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, xa que estaba na procura dunha asociación con máis contido político, na que se reflectiran os meus anceios a prol da liberación nacional e social de Galiza. Aquela foi unha celebración polémica.

O teatro Avenida, que fica na principal rúa da cidade a uns centos de metros da Casa Rosada (o Goberno nacional), estaba ateigado de xente. Cando o coñecido actor galego Fernando Iglesias (Tacholas) apresentou o poeta Lorenzo Varela que se dirixiu aos presentes en castelán, a resposta dunha parte do público, encabezados polos dirixentes da Irmandade Galega, foi unha ruidosa protesta. Fernando Iglesias intentou calmar os ánimos argumentando que Varela nacera en Cuba, mais non colou, porque sabia falar moi ben o galego e vivira moito tempo na Terra. Continuaron os asubíos e os berros e Varela non puido intervir.

"Foi un toque de atención a unha parte do galeguismo, ligado ao ámbito da cultura, que non tolerou ben que os irmandiños os puxeran diante das súas contradicións"

Aquel foi un toque de atención a unha parte do galeguismo, ligado ao ámbito da cultura, que non tolerou ben que os irmandiños os puxeran diante das súas contradicións, polo que o tema rexurdiu anos despois, xa como unha polémica entre Luís Seoane, moi amigo de Varela, e a Irmandade Galega (IG). O primeiro fíxoo por medio dun boletín chamado “Cuco rei” e a IG a través de A Nosa Terra (ANT). Neste periódico tratouse nos números de decembro de 1970 e xuño de 1971, aínda que o motivo que acendeu a muxica foi un comentario encol da lingua na columna “Revoldaina” de Lourenzo Fragoso (alcume de Moíses Da Presa), publicado no mes de setembro de 1970.

Neste momento eu era o secretario da IG, Ricardo Flores o presidente e Bieito Cupeiro o vicepresidente. Lembro que esta organización naceu por iniciativa de Castelao, fundada en decembro de 1941, e tivo como primeiro presidente a Antón Alonso Rios, vicepresidente a Ramón Rey Baltar, secretario a Xosé Abraira e vicesecretario a Daniel Nogueira. Por certo, neses números de ANT aparecen varios artigos meus con diversos alcumes; no de setembro de 1970 “Galiza colonia de Hespaña”, en decembro de 1970, “Albania”, “Movimento Obreiro” e “Xustiza e desenrolo”, e no de xuño de 1971 “Unha consiña liberación” e “A UPG e o seu programa”. As dúas noticias máis sobranceiras nese intre na colectividade foron a morte de Manuel Puente, e a derrota do franquista Mourente nas eleccións do Centro Galego. Daquela esta entidade galega tiña 110.000 socios e socias, era a maior do mundo, e votaron 21.000 afiliados/as (15.376 votos a prol da candidatura encabezada por Sánchez Millares e 5.729 a Mourente). Constituiu un feito chamativo, non ben visto polo Goberno arxentino, xa que a Arxentina estaba sometida a unha ditadura militar. A campaña fíxose casa por casa, e cunha intervención pouco disimulada da Embaixada franquista.

"En ANT de setembro de 1970, Da Presa criticaba que Rafael Dieste empregase o castelán na inauguración do Museo Carlos Maside de Osedo (Sada)",

En ANT de setembro de 1970, Da Presa criticaba que Rafael Dieste empregase o castelán na inauguración do Museo Carlos Maside de Osedo (Sada), dicindo que non lle estrañaba xa que “é un intelectual hespañol ao servizo da cultura colonialista na nosa Terra... que ten no haber, un pecado de xuventude, mellor dito dous: unha fermosiña obra de teatro, un libro de contos, e ambos os dous en galego. E non volveu a pecar máis... Pouco despois  Seoane emitiu unha nota no programa radial Galicia Emigrante e publicou o boletín Cuco Rei para defender os seus amigos. O boletín tiña catro páxinas, nas que aparecían algunhas novas e colaboracións, mais a súa finalidade era atacar o que consideraba sectarismo da Irmandade Galega. No boletín xustificaba a Dieste dicindo que dera dúas charlas en galego e unha en castelán, esta última  “tal como llo solicitou o Museo Maside”, como se non dependera del a última decisión.

Moisés Da Presa, que militara na S.N. Pondal, e que foi o cerne da chamada Fouce “Vermella”, daba contestación a Seoane dun xeito moi duro nos voceiros de decembro de 1970 e xuño 1971, que alguén pode considerar como inxustificado, se non se coñece o contexto. Ante todo cómpre saber que algúns galeguistas adicados á cultura, que sen dúbida fixeron moito a prol da cultura nacional e a súa divulgación, tamén adoecían de ollar aos galegos e galegas do pobo por riba do ombreiro, culpalos do proceso de alienación e xustificar as propias debilidades, e consideralos incapaces para dirixir os seus destinos. Un xeito de axer que, por certo, non é só parte do pasado e da Galiza emigrante. Eran actitudes nas que había un chisco de elitismo, por máis que se arroupase cun discurso popular e vencellos co Partido Comunista de España. No Revoldaina de decembro de 1970 Da Presa facía outra critica que seguramente non foi ben acollida por Seoane. Nela sinalaba que o voceiro do Partido Comunista de Galiza (PCG) A Voz do Pobo “en tan pomposo marco agachase o ataque máis ruín e alevoso ao idioma galego. Todos os tídoos e sobtídoos -doce en total- están escritos en galego, e os textos, na súa totalidade, en castelán (...) Como é posíbel, preguntamos, tolerar a tal aldraxe á nosa lingua e diñidade como pobo?”.

"Seoane contestou cunha carta aberta dirixida á colectividade asinada como “incondicional bilingüista”, máis clarificador imposíbel".

Os debates continuaron, xa que Seoane contestou cunha carta aberta dirixida á colectividade asinada como “incondicional bilingüista”, máis clarificador imposíbel. No Revoldaina de xuño de 1971 Da Presa aguilloaba: “a Irmandade Galega movemento nacionalista fundado por Castelao e do cal é órgano de expresión A Nosa Terra, sempre estivo e está na liña radical a prol dunha Galiza plena dos seus dereitos nacionais, entre os cales, a nosa lingua, o idioma dos galegos, é o atributo máis característico e acusado da nosa nacionalidade, e endexamais ten de ser compartido nun bilingüismo claudicante co castelán, a lingua dos asoballadores da nosa Patria, xa que elo suporía acertarmos o magoante colonialismo contra o cal loitamos”.

Nese mesmo número de ANT na primeira páxina, para lle dar releve ao tema, saía un artigo a modo de editorial co titulo de “Bilingüismo reacionario” no que a IG daba resposta a Seoane, e os tres asinantes da Carta Aberta. Este artigo entra a fundo no tema: “Un pequeno fato da inteleitualidade galega ven dando na teima de querer amostrar que a problemática lingüística de Galiza fica xa menos que arranxada de xeito definitivo coa adoución dunha actitude bilingüista e facendo uso indistintamente do galego ou do castelán asegún o intre e as circunstancias así o aconsellen”. Esta actitude “equival a unha verdadeira claudicación conformista co estatus cultural opresor do xenio nacional da Nosa Terra, no seu atributo máis entrañabel, o idioma”. A postura da Irmandade Galega, ou sexa do galeguismo político na Arxentina, ficaba clara en relación coa cuestión idiomática.

"A IG era no ideolóxico moi plural: comunistas, anarquistas, socialistas, socialdemócratas e mesmo algún socialcristián. Porén no lingüístico, en todo aquilo que daba entidade á nación, non existía diverxencia"

Debo lembrar que na Irmandade Galega confluían militantes da SN Pondal e do Partido Galeguista, ou sexa de persoas que apoiaban unha solución independentista (arredista) ou confederal, sempre incluíndo Portugal. Mais tamén a IG era no ideolóxico moi plural: comunistas, anarquistas, socialistas, socialdemócratas e mesmo algún socialcristián. Porén no lingüístico, en todo aquilo que daba entidade á nación, non existía diverxencia. Cómpre saber que daquela viviamos en Bos Aires sobre medio millón de galegos e galegas emigrados, e que todos tiñan como propia a lingua nacional. Rosa Puente, filla de Manuel Puente, de conversas que escoitou na súa casa, lugar de moitas das reunións do Consello de Galiza, salienta a un Castelao defensor teimoso do carácter central do noso idioma nas reivindicacións populares de Galiza.

En realidade o transfundo do debate sempre foi o desexo dalgúns sectores da cultura do país que, na procura de acadar unha maior divulgación das súas obras dado que “Galiza quédalles pequena”, queren dar normalidade ao bilingüismo sen perder por iso ren da súa coherencia galeguista (hoxe nacionalista) no ámbito ideolóxico. Negan polo tanto o carácter colonial da nosa nación, sometida ao Estado español, e relegan a lingua a algo exclusivamente funcional, dependendo do ámbito e do momento.

"Para poder construír a ferramenta que conquiste a liberación nacional e social do pobo galego cómpre recoñecerlle a cada quen exactamente os méritos que ten"

Por último, unha anécdota e unha reflexión final. Estando nun acto, na Federación de Sociedades Galegas, Seoane convidoume á súa casa. El quería falar comigo e eu tiña interese en saber o que me diría. Foi un encontro do que non saíu unha relación estreita; estabamos moi afastados no xeito de pensar, no contexto no que viviamos, e nos nosos compromisos coa revolución na Arxentina e cunha Galiza liberada. A anécdota, que para min sería significativa, foi a seguinte. Tanto el como a súa muller falaban comigo en galego e entre eles en castelán. Era kafkiano.

Sen dúbida Luís Seoane fixo unha importante contribución á cultura galega, mesmo a través dunha significada presenza neste ámbito durante a súa estadía na República Arxentina. Tampouco se pode ignorar o seu papel durante a Segunda República a prol do Estatuto e na loita contra a ditadura franquista. Mais iso non significa que poda ser considerado un guía e exemplo para os galegos e galegas no eido político, na asunción coherente dos valores das clases populares da Galiza. As inconsistencias no ámbito lingüístico son unha evidencia dilo. Para poder construír a ferramenta que conquiste a liberación nacional e social do pobo galego cómpre recoñecerlle a cada quen exactamente os méritos que ten, destacando as contribucións e sinalando as eivas.

http://manuelmera.blogaliza.org/