Opinión

Cambiar a vida

Cando era profesor adoitaba preguntarlle aos adolescentes que tiveron que soportarme que en que consiste o que venden os anuncios da tele. Polo xeral eran ben poucos os que se decataban de que a resposta acertada era felicidade.

Cando era profesor adoitaba preguntarlle aos adolescentes que tiveron que soportarme que en que consiste o que venden os anuncios da tele. Polo xeral eran ben poucos os que se decataban de que a resposta acertada era felicidade. Se reparades nos anuncios veredes que, anuncien coches ou viños, planos de pensións ou un xornal, no fondo sempre é o mesmo o que prometen: un mundo mellor, días gloriosos, sexo a esgalla se compras tal produto, risos ata que che saia por fóra a epíglote de tanto rir. Daquela, debe de ser que a felicidade é un asunto importante para os seres humanos, e que o capitalismo que todo o vende (incluso a vida é capaz de vendernos) sábeo e por iso enfoca a mercadotecnia así. E por iso tamén, imaxino, están cheas as fotos da publicidade cos sorrisos inmaculada e inauditamente brancos de fermosísimos seres humanos que semellan, véndome como me miran, mirándome como me ven (son de Vigo e non sei distinguir entre ver e mirar, por iso poño os dous verbos xuntos, para disimular), que queren algo comigo e non só os meus cartos, vostedes xa me entenden e disimulen.

A medida que imos cumprindo anos deberiamos ir comprendendo que iso non funciona así, e que non é certo o paradiso consumista que predica que pasando por caixa todo é posible, que serás menos feo, que terás pelo, que ligarás máis. Pero, polo que sexa, quizais porque nos emociona a posiblidade de que todo sexa así de simple, que a base de mastercard ou billetes do común a felicidade vai chegar a nós dun xeito automático, seguimos vivindo nesa ficción consumista e, como se verá agora polo Nadal e a súa Grande Orxía Consumista, seguimos pagando segundo nos manden as modas e os deseñadores de campañas comerciais.

Nos últimos tempos, a exclusiva deste bálsamo para cambiara as vidas teno a tecnoloxía. Os gadgets tecnolóxicos entran en nós, no noso máis íntimo, e van xa vivindo con nós, como se fosen parte dunhas extremidades de cable que non sabiamos que tiñamos, extensións de nós mesmos sen os que non poderiamos vivir e, o peor de todo, sen os que non poderiamos ser felices. E ipads, iphones, smartphones, readers e outros trebellos érguense agora e sen discusión como novas realidades máxicas que levarán o noso destino cara a Terra Prometida do Riso Eterno.

E é un erro. Porque a pesar de todo isto, o ser humano non mudou nadiña en tantos séculos de historia. E o que seguimos querendo é que nos aloumiñen, que nos fagan compaña, que nos dean bicos e, chegado o caso, que nos acompañen pola vida. E iso, dende logo, aínda non se vende no Gran Zoco da Mentira Consumista Atafegante, por poñerme maiúsculo e transcendente. Así que non pensedes en mercar felicidade, que non se pode.

Como moito, pedídella aos Reis Magos. Como republicano, creo moito neles.

Comentarios