luns 03/08/20

As soberanas leccións do Ecuador ao mundo

O Ecuador é un país de tamaño relativamente pequeno, con 15 millóns de habitantes, pero desde 2006 está dando ao mundo un bo número de auténticas leccións quer polo seu exitoso modelo económico, quer polas apostas políticas radicalmente democráticas, tanto no plano interno como no internacional.

 

O Ecuador é un país de tamaño relativamente pequeno, con 15 millóns de habitantes, pero desde 2006 está dando ao mundo un bo número de auténticas leccións quer polo seu exitoso modelo económico, quer polas apostas políticas radicalmente democráticas, tanto no plano interno como no internacional.

"Hoxe Ecuador está nos antípodas daquel Ecuador neoliberal que destruiu a economía do país e botara cara a emigración a millóns de ecuatorianos. Hoxe boa parte deles xa retornaron ao seu país e mesmo se converteu en país de inmigración."

No económico pasou de ser un país en permanente declive, envolto no turbillón neoliberal que levara por diante a agricultura e a industria ecuatorianas, a ser un país que experimenta un crecemento acelerado en todos os seus sectores produtivos. Unha economía que crece a un ritmo do 5% anual de media neste periodo; crea emprego até situar a taxa de paro no 4,2% (chegara a ser do 15%); aumentaron os salarios (p.e., un profesor universitario pasou de cobrar 800 dólares en mensuais en 2008 a 3000 dólares na actualidade); baixou a taxa de pobreza do 17% ao 11%. Como resultado diso o país escalou dez postos na clasificación mundial do Indice de Desenvolvemento Humano (IDH); aumentou enormemente o número de estudantes universitarios, grazas a que a nova Constitución estableceu a gratuidade total da educación, incluida a universitaria. Amén dun programa xeneroso de bolsas (tan só condicionado á superación do curso, caso contrario deben ser devoltas).  Está en marcha o plan para establecer un sistema público unificado de Seguridade Social (antes eran corporativos ou privados) e ampliouse a ritmo acelerado a rede de hospitais públicos, que cubren con carácter universal a todo o mundo (cotice ou non, sexa nacional ou estranxeiro). Ten en marcha o proxecto máis ambicioso a nivel mundial de integración laboral e social de persoas con discapacidade. As infraestruturas viarias experimentaron unha ampliación vertixinosa (novas redes de autoestradas, novos aeroportos, proxectos en marcha de camiños de ferro e metros urbanos...). 

Hoxe Ecuador está nos antípodas daquel Ecuador neoliberal que destruiu a economía do país e botara cara a emigración a millóns de ecuatorianos. Hoxe boa parte deles xa retornaron ao seu país e mesmo se converteu en país de inmigración. A tal punto é asi que puxeron en marcha un programa específico (Prometeo) para captar investigadores e profesores doutores de todo o mundo, para reforzar a súa capacidade científica, mellorar as súas universidades e mesmo poñer en marcha parques científicos ou crear ex novo “cidades do coñecemento” (p.e. o proxecto Yachay xa en marcha na provincia de Imbabura para crear unha nova cidade centrada nas biotecnoloxías mariñas).

Todo iso non foi resultado dunha miragreira alineación dos astros senón que foi o produto dunha profunda mudanza política que se produce a partir de 2006 coa rebelión cidadá (popular e das comunidades indíxenas) e a chegada ao poder do economista Rafael Correa, encabezando o proxecto da “Revolución Cidadá”. En 2007 foi elixida unha Asemblea Constituinte que elaborou a nova Constitución de 2008 e que senta as bases dun novo modelo político e institucional. Sobre esa base asenta a nova estratexia económica (“Socialismo del Buen Vivir”) que arrancou cunha ruptura radical co FMI, cos mercados da débeda e co modelo neoliberal. O eixo central da nova política económica é unha pragmática combinación do soberanismo e unha decidida intervención pública.

O primeiro que fixo Rafael Correa foi renegociar a débeda co FMI, romper coas súas receitas e imposicións e logo gañar habelenciosamente a batalla aos especuladores dos títulos de débeda pública, saneando as contas do país. A continuación puxo en marcha un plan de rescate das concesións a empresas multinacionais para a explotación de recursos naturais (en particular, o petroleo, parte dos recursos mineiros, acuícolas, forestais, servizos públicos básicos ...). Restruturou o sector financeiro impulsando diferentes bancos públicos e as entidades de crédito popular e cooperativo. Puxo en marcha un programa fiscal ambicioso aumentando os impostos de xeito intenso e progresivo cos que ía financiar un vasto programa de investimentos en infraestruturas públicas, en educación e investigación. Investiu fortemente en sanidade, ampliando e modernizando a rede de hospitais públicos e está poñendo en marcha unha completa seguridade social pública.

"O primeiro que fixo Rafael Correa foi renegociar a débeda co FMI, romper coas súas receitas e imposicións e logo gañar habelenciosamente a batalla aos especuladores dos títulos de débeda pública, saneando as contas do país".

No plano político puxo en marcha unha reforma radicalmente democratizadora en diferentes dimensións: eliminou privilexios das diferentes élites sociais do país (a militar, a policial, a económica, a mediática...); ampliou os mecanismos de participación popular directa; aumentou a transparencia e o achegamento da xente ao poder; recoñeceu as comunidades indíxenas como nacións, coa súa língua e culturas, integrándoas nun novo estado que se define como plurinacional; puxo en marcha un proceso para romper o monopolio mediático dos poderes oligárquicos do país, que remata na promulgación o pasado 20 de xuño da nova Lei de Comunicación, que senta as bases para garantir a pluralidade efectiva de medios e a libertade de opinión para todos e non só para os poderosos propietarios dos medios. Establecendo o modelo de tres tercios: un tercio de medios privados, un tercio de medios públicos e un tercio de medios comunitarios. Ademais introduce mecanismos para empoderar aos periodistas profesionais fronte aos propietarios dos medios e os mercenarios da información.

E, por se isto fose pouco, desprega unha valente, soberana e libre política internacional que o leva a comprometerse con aqueles que batallan pola transparencia e denuncian os abusos dos grandes e escuros poderes planetarios. Un pequeno David que se atreve a desafiar ao xigante americano expulsando a dous espias da CIA e a embaixadora americana, dando asilo político na súa embaixada en Londres a Julian Assange, reclamado por EEUU por dar a coñecer en WikiLeaks as tropelías e conspiracións da diplomacia americana e das grandes empresas dese e doutros países. Agora está a calibrar se procede dar acubillo político a Snowden, tamén perseguido polos EEUU por ter denunciado a masiva espionaxe cibernética da NSA e o MI5 británico violando a privacidade de millóns de cidadáns americanos e de todo o mundo, coa vergoñenta connivencia de Google, Facebook e outros xigantes da comunicación.

Como mostra da súa vontade soberanista acaba de renunciar unilateralmente ao tratado preferencial Atpdea que garante arancel cero para 6.300 produtos ecuatorianos, xustamente porque os EEUU estaban estes días ameazando con ese asunto para impedir que dese asilo político a Snowden. Correa acaba de anunciar o 28 de xuño que, “decidan o que decidan no caso Snowden”, non están dispostos a aceitar chantaxes e por iso deciden romper o acordo arancelario unilateralmente.   

"Ese é o tipo de experiencias nas que, mutatis mutandi, o BNG quer referenciar a súa aposta para o noso país".

Correa ten a gala aplicar unha política radicalmente soberanista que non fuxe do pragmatismo da integración latinoamericana; unha política de esquerda pragmática que recela da vácua retórica ultraesquerdista; unha política democrática que non ten medo a poñer firmes aos poderosos do país utilizando todos os resortes do poder institucional; unha política a prol dos pobres e a xustiza social que non renuncia a unha transacción pragmática co mundo empresarial para mudar a matriz produtiva; unha política que sitúa a loita pola pluralidade informativa no centro da batalla pola democracia e a igualdade social. Eses son os eixes da súa estratexia política e os piares da súa incuestionábel vitoria democrática nas últimas eleccións de febreiro cun 76% dos escanos na Asemblea Nacional. 

Eses son os vímbios que converten a un país pequeno como Ecuador nun país soberano, dinámico e democrático no complexo mundo actual. Un país que aposta decididamente por un novo marco de relacións internacionais en pé de igualdade, empezando pola integración latinamericana para gañar autonomía fronte ao dólar e aos EEUU. Ese empoderamento soberano é a base do seu éxito económico, da súa capacidade para saíer en tempo record do pozo neoliberal e tamén da inusitada extensión e profundización da súa democracia. 

Ese é o tipo de experiencias nas que, mutatis mutandi, o BNG quer referenciar a súa aposta para o noso país.

comentarios