Opinión

As profecías dos mercados

Os representantes na terra dos deuses mercados lanzaron, ao comezo da crise económica, as súas profecías. Prognosticaron cando e como sairiamos dela e sentenciaron as medidas que había que adoptar para conseguilo. Os gobernos, cegos de fe, acataron. Para conseguir o seu perdón, sen escrúpulos e desalmados, recuperaron o ancestral ritual de entregarlles sacrificios humanos. Os nosos sacrificios. Un tras outro fracasaron.

Os representantes na terra dos deuses mercados lanzaron, ao comezo da crise económica, as súas profecías. Prognosticaron cando e como sairiamos dela e sentenciaron as medidas que había que adoptar para conseguilo. Os gobernos, cegos de fe, acataron. Para conseguir o seu perdón, sen escrúpulos e desalmados, recuperaron o ancestral ritual de entregarlles sacrificios humanos. Os nosos sacrificios. Un tras outro fracasaron. Hoxe, transcorridos varios anos desde o comezo da crise, a situación é peor ca nunca. E o túnel semella non ter fin. Ou cando menos, de telo, non se albisca que sexa feliz.

Rodrigo Rato, un dos representantes na terra deses deuses, hoxe caído en desgraza, tratou de convencernos das bondades do neoliberalismo avanzando no camiño trazado xa polo PSOE de Felipe González, durante o seu mandato como ministro de Economía de Aznar. Prometeu riquezas e puxo en marcha, para conseguilas, un programa de planificación (o capitalismo chámalle liberalización) económica baseado na construción incontrolada, na privatización de sectores estratéxicos e empresas públicas, na asunción masiva de hipotecas por parte da poboación e na obtención de insultantes beneficios, por parte das entidades financeiras que as outorgaban, nos mercados especulativos.

Repetiu o seu labor no FMI, como Director Xerente, onde conseguiu a dubidosa honra de ser cuestionado pola propia institución. Como premio, foi nomeado en 2010 presidente, primeiro de Caja Madrid e logo de Bankia. Por xestionar a entidade hoxe afundida, á que o PP está disposto a inxectar máis de 23.000 millóns de euros do erario público, Rato tiña unha remuneración anual de 2,34 millóns de euros. Case nada!

Como esquecer o labor de Miguel Ángel Fernández Ordoñez (MAFO) á fronte do Banco de España, entidade á que chaman o regulador pero que, ao que se ve, regular non regula nada. O pobre non debeu ler as advertencias feitas en 2006 polos inspectores da entidade, cando aínda estaba á súa fronte Jaime Caruana, e tampouco foi quen de propor máis medidas para solucionar a crise que aquelas que recomendaban o FMI, a Comisión Europea ou o BCE. Hoxe sae pola porta de atrás da entidade, cunha denuncia da Fiscalía Anticorrupción, tanto contra el como contra Caruana, por non adoptar medidas contra a excesiva exposición ao sector inmobiliario.

Con eles, o profético presidente da CEOE, Gerardo Díaz Ferrán, que sabía exactamente o que había que facer para saír da crise, e así nolo dixo a nós e ao goberno do PSOE: ademais de “traballar máis e cobrar menos”, reformas “valentes” como privatizacións, recortes, redución do déficit, do gasto público... Pero, oh, sorpresa! afundiu viaxes Marsans, Spanair, Seguros Mercurio, deixou sen pagar aos seus acredores e na rúa a centos e centos de traballadores. O mesmo Díaz Ferrán que defendía as veleidades da empresa privada e a súa capacidade de xestión fronte á pública! Cárcere? Non, oh! A fiscalía retirou a súa petición de prisión e deixouno unicamente inhabilitado para administrar bens alleos.

O seu homónimo na Confederación de Empresarios de Galiza, Antonio Fontenla, tamén nos quixo dar leccións de xestión, asesorando ao goberno galego respecto das medidas que había que adoptar. El, que avogou pola supresión de servizos públicos “prescindíbeis”, que defendeu a reforma laboral, que louvou a flexibilidade, que pediu o copago sanitario, tivo que declarar concurso de acredores, cunha débeda de 40 millóns de euros, case nada, e mesmo chegou a pór á venda pisos sen construír, sen licenza e sen autorización urbanística!

E que dicir do noso submiso Presidente da Xunta de Galiza, Alberte Núñez Feijoo, que abriu a porta de Galiza aos deuses, que se mostrou hipócrita ante o estranxeiro, que entregou a nosa dignidade como pobo, a nosa cultura, sen importarlle nin o pan, nin o diñeiro das galegas e galegos.

Estes profetas, que para impor a súa maldición intentaron hipnotizarnos con anacos de cristal para paralizarnos e someternos aos seus designios, que aseguraron que todo o sabían, que nos quixeron facer culpábeis porque, manda truco, vivimos por riba das nosas posibilidades!, cos seus erros demostran que non son deuses, que son humanos e teñen nomes e apelidos.

E sendo humanos, son cuestionábeis e as súas accións puníbeis por mentir, manipular e favorecer un modelo económico que é unha fraude e por impor unhas medidas cuxas consecuencias, alén das que xa están a ter, son aínda incalculábeis. Unha fraude que sofren as persoas desempregadas; as que apenas chegan a fin de mes; as que perderon dereitos, servizos; as que quedaron sen acceso á seguridade social; as que non chegarán nunca a ter unha pensión digna; as mozas e mozos aos que se lles nega o dereito de acceder a un traballo; as que quedan sometidas ao libre designio do empresario; as que están perdendo a súa vivenda; as que teñen que emigrar...

Unha fraude que estamos pagando entre todas e todos e pola que deberían de estar sendo xulgados banqueiros, representantes de institucións económicas, empresarios ou representantes políticos. Xulgados e entre reixas.

Comentarios