Opinión

Adoutrinamento e reforma educativa

  "Esta non é a reforma Educativa que está no programa do PP. Esa instrumentarase ao longo da primeira parte da lexislatura", dixo o

"Esta non é a reforma Educativa que está no programa do PP. Esa instrumentarase ao longo da primeira parte da lexislatura", dixo o ministro de Educación despois de presentar o texto do RD 14/2012 e explicar que o aprobado é a primeira parte, a "condición previa" para que o Goberno poida levar a cabo e impulsar a reforma que quere.

Pois menos mal que nos avisa que esa é a primeira parte.

Un preguntase como será a segunda parte, despois de vermos o incremento das “ratios”, ou o aumento da xornada semanal mínima para o profesorado; como non se substitúe o profesorado en baixas inferiores a catorce días ou se elimina o requisito de ofertar dúas modalidades de bacharelato; como se atrasa a posta en marcha dos ciclos de formación profesional e se incrementan as taxas universitarias.

E el haberá tempo de descanso entre a primeira e a segunda parte?

En todo o caso -non sei se é primeira ou segunda parte- xa sabemos que unha das grandes reformas do sistema consistirá en mudar Educación para a Cidadanía por Educación Cívica e Constitucional, alegando que era, a EpC, “unha materia cunha carga moi elevada de adoutrinamento”

Polo mesmo razoamento agardamos que o señor ministro propoña, aínda que sexa na segunda parte da reforma, a supresión da Relixión, pois aí si que hai adoutrinamento, por máis que desde hai anos, se utilice, por parte de algúns sectores, o argumento constitucionalista para xustificar a presenza da relixión no sistema educativo, ocultando que a Constitución o que fai é garantir a liberdade relixiosa individual ao tempo que atribúe a pais e nais a posibilidade de adoutrinar relixiosamente a súa descendencia, garantíndolles o Estado ese dereito mesmo dentro do propio sistema educativo público.

Por outra parte, a propia Igrexa confirma ese carácter de adoutrinamento á hora de contratar o profesorado: "el Obispo de la diócesis debe discernir si este profesor es creyente católico y puede entregarle la missio canónica, esto es, el mandato de enseñar en su nombre, como miembro de la Iglesia, de cuya misión participa con el anuncio de Jesucristo en su acción educativa" (Señor, ¿que quieres que haga? ). A mesma referencia podemos topala na LXXXIX Asamblea Plenaria da Conferencia Episcopal.

Mesmo o Tribunal Constitucional confirma o evidente: que no Estado Español o ensino da relixión é confesional, as Igrexas son responsábeis dos contidos, das propostas do profesorado (e tamén do seu cese) sendo o Estado quen contrata e paga o profesorado, deixando para a administración educativa o único traballo de “asinar o cheque”.

Non imos entrar nos moitos os argumentos que se poden dar en contra da inclusión de clases de relixión confesional no sistema educativo sen que por iso os nosos alumnos e alumnas sexan uns ignorantes á hora de entender o protagonismo da materia relixiosa na nosa cultura, mais se o que se trata coas medidas contempladas no RD 14/2012 é “proporcionar ás administracións educativas un conxunto de instrumentos que permitan conxugar os irrenunciables obxectivos de calidade e eficiencia do sistema educativo co cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e o seu ineludible reflexo na contención do gasto público” coa supresión das aulas de relixión, e xa de paso coa asignación á Igrexa Católica, podíase encontrar un bo feixe de recursos “para a racionalización do gasto público no ámbito da educación, de conformidade cos principios de eficiencia e austeridade que deben presidir o funcionamento dos servizos públicos”.

E ademais, seguramente con iso contribuíse a dar a Deus o que é seu e á sociedade o que lle pertence.

Comentarios