Opinión

Abecedario

Día tras día deixámonos devorar polas palabras. Unha fervenza de palabras-fel, voces-neve, atronadoras, usurpadoras, discriminadoras, intrigantes, roubadas, roucas, necias, traidoras, reguladoras, machistas, represivas, vixiantes, sancionadoras, rancias, amedrentadoras inzaron o vocabulario do acordar matutino.

Día tras día deixámonos devorar polas palabras. Unha fervenza de palabras-fel, voces-neve, atronadoras, usurpadoras, discriminadoras, intrigantes, roubadas, roucas, necias, traidoras, reguladoras, machistas, represivas, vixiantes, sancionadoras, rancias, amedrentadoras inzaron o vocabulario do acordar matutino.

Un día e outro día máis, preguntámonos onde viven as palabras-mel, as voces-lume que aquecen diálogo, tregua, consenso, reflexión, respecto, igualdade, benestar, autoavaliación, mudanza, construtivismo, xustiza, coherencia, equilibrio? Por que a condena ao seu esquecemento? Por que resistírmonos a fosilizalas nun barolento dicionario no canto de lles doar vida nos nosos dicires e faceres? Por que as arredarmos ao andel das utopías ilusas de mentes infelizmente insensatas? Por que renegarmos do seu uso convencido para tapar bocas que bufan coma un touro bravo ou menten obscenamente?

Pechei os ollos e axustei contas coa memoria dun final de ano 2012 reiterado en titulares e audicións permanentes que non lle permitiron ser un pleno vinte doce.E buliron, á primeira chamada, burbullantes de significado, interminábeis elos de siglas que agochan temores e voces rechouchiantes que simplicaban un ano que a memoria -e o alcance- teima en superar para poder continuar a alma en pé, iso si, sen esquecer. Porque, acreditamos en que a memoria argumentada é a tarabela que choerá ignorancias comenenciudas duns e mentiras intereseiras doutrosOrdenei o balbordo enxordecedor baixo a partitura do alicerce lingüístico por excelencia, o alfabeto, aquel espello que nos retrata os sons que primeiro o ouvido nos aprendeu.

Chegou, entón, o trebón de siglas e palabras dun ano que esmorece.

A: antisocial, anulación, afectad@s, asasinadas, asteleiros, anacronía, aborto, autoestradas, TAV...
B: banca privada, banca pública, burócrata, Burla Negra ...
C: crise, copago, censura, cultura, cargas, contestación, catedral, Códice Calixtino, Corcoesto, Celso Emilio Ferreiro ...
D: desafiuzamentos, desempregados, despenalización, despidos, decreto, diglosia, defraudadores, denuncia, desprotección, desigualdade, deputacións ...
E: españolización, ERE, eleccións, eólico, educación, estafados, exclusión, eléctricas, elitismo ...
F: fraude, fracaso, folga, funcionariado, fame, FAES ...
G: galegofobia, gandeiros, GB ...
H: hipocrisía, humillación, homosexualidade ...
I: ilegalidade, inxustiza, Igrexa, imputación, intolerancia, inseguridade, insubmisión, involución, impostos, IPC, IVE, ILP ...
L: loita, leite, labreg@s, lingua, litixio, liquidar, lonxevidade, LOMCE ...
M: manipulación, mariñeiros, manifestación, mina, maniqueísmo, mocidade, maiorías, minorías, mentiras, mobilización, medicamentazo ...
N: negacionismo, Nunca Máis, negocio, neglixencia, naval, neoliberalismo, NGB ...
O: obstrución, ofensa, Obradoiro ...
P: protesta, pobreza, preferentes, pensionistas, peches, Prestige, parad@s, prexuízos, paga extra, Preescolar na casa, Pokemon, ProLingua, privatización, prepotencia, peaxes, PEMEX ...
Q: Quintana, queixas, Queremos Galego ...
R: recortes, repago, robo, recentralización, regulación, recuar, redución, represión, reválidas, rescate, reclamación, renegar ...
S: sentenzas, supresión, sanidade, suicidios, soberbia, segregación ...
T: temor, teatro, tribunais, TSXG ...
U: universidades, ultraconservador ...
V: veto, valedor do pobo, vítimas, vaidade, vasalaxe, virachaquetas, votos, votantes, Vendex, Valentín Paz Andrade ...
X: xustiza, xuíces, Xunta ...
Z: zumbar, zoscar, zurrar, zoupar, zorregar ...

Un final acedo nos deixa este abecedario, consecuente con 365 días vividos baixo a continua ameaza do aínda ha ser moito peor, testemuñando en carne propia e allea o abusivo recorte de dereitos, laborais e sociais, amparado no contexto de crise económica -cando empezará a se falar tamén da crise de valores?-, soprando feridas abertas pola fenda no estado de benestar e rubricando a sentenza de que efectivamente fomos a moito peor.

Mais tamén é hora de apostarmos por un aninovo que ha requirir do noso protagonismo. O vindeiro 2013 será o Ano Europeo da Cidadanía. Resulta evidente que neste substantivo común, abstracto e colectivo cabemos tod@s, como ten que ser!, mais tamén resulta obvio que o exercicio dunha outra cidadanía activa, participativa e solidaria é imprescindíbel.

Velaí o meu alfabeto léxico aposta para o 2013*:

Autoestima; Benestar; Conciencia; Dignidade; Educación; Feminismo; Galeguización; Humor; Irmandade; Lectura; Música; Nacionalismo; Opinión; Público; Querencia; Resistencia; Sanidade; Traballador(a); Utopía; Valentía; Xuventude; Zanfona.

* Nota para os seguidores da doutrina educativa Wert: as grafías que andarán a procuraren omítense conscientemente por non pertenceren ao alfabeto galego; tamén se evita a grafía “Ñ”, malia estar incorporada certamente a este abecedario, ao non acharmos na súa cativa representación léxica -ñac, ñam-ñam, ñandú, ñáñaras, ñopo, ñu- ningún vocábulo aproveitábel para este catálogo de propósitos firmes para o aninovo.

Comentarios