Opinión

A realidade ponderada

O outro día fun tomar café e cobráronme vinte céntimos máis porque seica había unha norma nova e, dependendo da mesa na que un sente, o prezo varía: así equilíbranse os ingresos por zonas da cafetería e mesmo mesa a mesa, algo fundamental para evitar desviacións contabeis.

O outro día fun tomar café e cobráronme vinte céntimos máis porque seica había unha norma nova e, dependendo da mesa na que un sente, o prezo varía: así equilíbranse os ingresos por zonas da cafetería e mesmo mesa a mesa, algo fundamental para evitar desviacións contabeis. Pareceume fantástico e non caín na baixeza doutro cliente que, antes de sentarse, preguntou temeroso cal era ese día a mesa máis barata. O camareiro respondeulle axilmente como se merecía: “Depende”.

Xa debín osmar algo cando na autoestrada me cobraron un suplemento do non sei cantos por cento por ser vehículo par e circular en día impar. “Fanlle o mesmo aos impares?” preguntei. “Faltaría máis”, respondeume a moza da cabina. “Daquela si”, retruquei, e mesmo lle deixei propina. Lóxico, pensei, non se pode cargar o custo aleatoriamente sobre uns ou outros segundo aos condutores se lles antolle: hoxe circulo, hoxe non, e cadaquén fai da súa capa un saio. Imaxinade que un día non circulase ningún vehículo impar, que pode pasar, estatisticamente é posíbel, e os pares tivésemos que pagalo todo. Iso había que regulalo.

A meu fillo custoume explicarlle que lle baixasen as notas no instituto porque os teñen colocados por orde alfabética e seica na súa clase as cualificacións altas coinciden na parte dianteira e na primeira metade do abecedario, co cal a segunda metade fica indiscutibelmente perxudicada, situación que nun sistema de igualdade de oportunidades constituiría un verdadeiro sensentido. Meu filo non quedou moi convencido e busquei a maneira de tranquilizalo e que o entendese mellor: “É moi doado, a partir de agora podes seguir sacando boas notas. O único é que, se queres un nove, no exame tes que sacar un dez”. “E se quero un dez?” Olleino con aceno serio e agardei uns segundos antes de contestar: “Non se pode ser soberbio. Pensa na outra metade da clase”.

Persoalmente apoio a racionalidade, somos fillos da Ilustración, por iso comparto o reparto compensado da riqueza e a ponderación dos esforzos. Desde esta tribuna apelo ao compromiso cívico de todos: cando no super vexamos que a mortadela non ten o mesmo prezo para nós que para outra persoa, non caiamos na crítica fácil ou na protesta contra unha suposta inxustiza, esa fluctuación dinámica é un mecanismo para salvar desequilibrios territoriais e débedas históricas. E quen di mortadela pode dicir... que sei eu! votos electorais.

“Unha persoa, un voto”, di o adaxo. Pois depende. En que se parecen a Devesa da Rogueira e Sanxenxo? É o mesmo un petrucio de Ferreirós de Arriba, no Courel, que unha moza punkirola de Teis? Por que pensabades que os votos das provincias de Lugo e Ourense valen máis que os da Coruña e Pontevedra? A sabiduría da idade hai que poñela en valor e ata agora aínda o faciamos pouco, por iso o presidentiño que fabrica parados, agocha facturas e consume cueiros mentres decide a data das eleccións, pretende darlle outra volta de torca á ponderación dos votos. Non vos estrañe que o voto da moza de Teis, seguramente parada ou obreira nunha subcontrata, acabe puntuando menos que os votos de Lalín, na mesma provincia, e menos igualmente que os votos dos xubilados do propio Teis. Haberá que ir casa por casa, cuarto por cuarto, examinar caixóns, mensaxes telefónicas, rutinas, amizades... para darlle a cadaquén un trato individualizado: hai gabinetes a traballar nas fórmulas.

O problema, Feijóo (“por que sempre ten que haber un problema?” dirás) é que igual en Lugo e en Ourense cando vexan que os tomas por parvos che respondan cun sachazo nos morros, que os hai moi brutos, e pode ser.

Comentarios