Opinión

A nosa dictadura

A frase de Rajoy: “sei que non cumprín as miñas promesas pero sinto que cumprín co meu deber” sitúase ao noso ver entre as máis dramáticas que se teñen dito nos últimos tempos, vindo a certificar sen veos nin eufemismos o que os acontecementos xa viñan pondo en práctica desde hai anos: a disociación antagónica entre os gobernantes e a cidadanía.

A frase de Rajoy: “sei que non cumprín as miñas promesas pero sinto que cumprín co meu deber” sitúase ao noso ver entre as máis dramáticas que se teñen dito nos últimos tempos, vindo a certificar sen veos nin eufemismos o que os acontecementos xa viñan pondo en práctica desde hai anos: a disociación antagónica entre os gobernantes e a cidadanía. Máis aínda, esta determinación implacábel para facer todo o contrario do que o pobo supostamente soberano quere, alimenta o sofisma de que o doado sería darlle a razón á xente, e se non se fai é porque é imposíbel. Así as cousas, canto máis en contra da cidadanía, máis razón parecen ter. 

O poder político elimina a idea inxenua de que a súa actividade é delegada por vía da representatividade electoral e sustitúea pola idea do que xa moitos denominan “o despotismo iletrado”, una dictadura que se lexitima a si mesma pola ameaza (da forza ou da lexislación laboral e social que acurrala as persoas), pola burocracia xerarquizada e polos procesos electorais apoiados nunha lei electoral curtada coma traxe á medida para… como eles mesmos din últimamente… “blindárense” no exercicio do saqueo e a escravización do pobo.

O “perfeccionamento” do certificado de morte que para a democracia conleva a frase do triste rexistrador de Pontevedra resalta aínda máis porque “cumprir co deber” exuda un resignado ton de obediencia castrense (á troika e os mercados), e porque se pronuncia nunha entrevista cun medio de comunicación estranxeiro, The Economist, nun contexto de silencio pétreo fronte ao escándalo de corrupción máis xigantesco desde a morte de Franco, un escándalo que destapou a financiación mafiosa e sistemática do P.P. ao longo de décadas. 

Rajoy non concede entrevistas nin fai roldas de prensa aos medios do Estado porque na disociación descrita o poder non ten que dar explicacións, ten que ordenar o que lle conveña ao propio Estado e aos seus verdadeiros representados: as oligarquías económicas, mentres que o papel da cidadanía limítase a obedecer e a escoitar que calquera protesta constitúe un grave ataque ás liberdades e á supervivencia do sistema.

Non só iso, o triste da cana tinguida que fronte ás cámaras non para de botar a lingua e chiscar un ollo apostílalle ao xornalista anglosaxón o pracer que supón que “por fin alguén lle faga preguntas importantes”, un comentario do que se deducen tres cousas: a primeira que é máis cómodo contestar preguntas de quen non está ao tanto da situación que de quen a vive e a coñece a fondo. A segunda que el decide cales son as preguntas pertinentes e cales non, ponteando absolutamente o papel da prensa (algo previsíbel despois de que esta se someta, por exemplo, a asistir a lecturas de comunicados disfrazados de rolda de prensa). A terceira que as preguntas todas dos medios españois considéraas una merda, por iso el fai un comentario que equivale a tirar da cisterna. Á súa vez destas tres conclusións do déspota iletrado dedúcese una cuarta: que a opinión pública da cidadanía é igualmente una merda picada nun pau e non ten máis valor que o das opinión privadas.

"O goberno fai absolutamente o contrario do que a xente lle pide e entende que iso é o seu deber"

Certo é que este desprezo é consustancial a todos os réximes totalitarios e una tendencia sempre presente nos réximes representativos. Por limitar o noso campo imos dar por inaugurada a presente vaga de despotismo na decisión de Aznar de ir bombardear Iraq contra a opinión do 94% da poboación. Aí víase ben claro que os gobernos xa non “cumpren co seu deber” de canalizaren os intereses e a opinión do electorado ao que din representar: van por libre porque eles saben mellor o que hai que facer, e o que hai que facer é o que lles convén a eles persoalmente e á maquinaria pesada dun Estado que adquiriu vida propia, coma o ordenador de 2001, funciona coma o muro e o foxo dos castelos medievais.

Ao primeiro goberno de Zapatero hai que recoñecerlle unha tépeda ansia por distanciarse do modelo Aznar, simbolizada na retirada das tropas de Iraq, posibilitada pola coincidencia cun momento de expansión económica. Tíñase daquela certo coidado en que a actuación dos executivos e a opinión pública non se desacompasasen chamativamente. Cando, coincidindo coa segunda lexislatura, comezaron a vir mal dadas, a maquinaria cambiou de agullas, papou aquel disimulo respectuoso e Zapatero esqueceu o seu programa para “cumprir co seu deber” como agora fai o señorito do Lérez.

Desde hai máis dun ano é raro o día en que non vemos unha enquisa nos xornais na que se constata que os intereses da xente discorren en dirección oposta aos dos seus gobernantes: o 90% pode estar en contra da reforma laboral, pero sae adiante, e o mesmo coa subida do IVE, as talladas de motoserra en educación, sanidade, pensións ou investigación, as taxas da xustiza, o rescate dos bancos, os desafiuzamentos, a pasividade fronte a corrupción institucionalizada… O goberno fai absolutamente o contrario do que a xente lle pide e entende que iso é o seu deber. Por empregar unha metáfora que eles mesmos repiten sempre, que un país é coma unha comunidade de veciños, imaxinade que o voso presidente de comunidade fai as obras que lle peta en contra do que pensan o resto dos propietarios…

A sabedoría etimolóxica está hoxe de capa caída e a democracia, que nun tempo significou o goberno do pobo, non pasa agora de ser o que parece na superficie: o goberno do demo. Resumindo, que lle chaman democracia e non o é, que carallo vai ser! E que non nos representan, que non, ao que nós humildemente engadiriamos que: Hai que botalos.

Comentarios