Opinión

A ninguén lle preocupa tanto nazi solto por aí?

O outro día, vendo un documental na televisión sobre a natureza e as causas do odio, un antropólogo explicaba que, como compartimos o 97 por cento da información xenética cos simios, monos, primates e demais familia, que iso fai que, dalgunha maneira vivan dentro de nós, dun xeito inevitable, tendencias violentas que nos levan a agredir ao diferente, ao que non é da nosa tribo ou a aquel de quen sospeitamos ou intuimos perigoso para, así, atacando, protexernos e sobrevivir. Pero que tamén, como quedou demostrado nos achádegos de Atapuerca onde quedou certificado que o grupo coidaba de nenos con malformacións ou vellos inválidos aos que alimentaban, que tamén levamos dentro un xen solidario que nos leva a sacrificarnos e a coidar dos que, sen o noso apoio, morrerían.
Daquela, na nosa natureza está o mal e o ben, o mellor e o peor, o nazi que goza atacando ao inmigrante e o heroe que xoga a vida por salvar un descoñecido.
Saber isto fíxome entender moitas cousas. Por exemplo, que a civilización, a humanidade, consiste en potenciar a nosa capacidade de empatía (a capacidade, no fondo, de entender como se sinte o outro) ao tempo que minimizamos as ganas de fender cabezas e sacar do medio a quen, por calquera cousa, consideramos inimigo.

" E xa non son catro bestas iletradas e ruidosas. Son proxectos políticos (infames, pero articulados dende un punto de vista programático) respaldados por centos de miles de votantes"

Mais saber isto tamén me fixo reparar no fracaso colectivo que, como especie, padecemos pois, a pesar da educación en valores humanistas e de solidariedade e de respecto e tolerancia, o certo é que, en practicamente toda Europa están a medrar os movementos neonazis e os fascismos de toda caste. E xa non son catro bestas iletradas e ruidosas. Son proxectos políticos (infames, pero articulados dende un punto de vista programático) respaldados por centos de miles de votantes que, dalgún xeito, están deixando que goberne, dentro do seu cerebro, ese xen criminal que, dende tempos protohistóricos, levamos no noso interior. E falamos de cidadáns educados en valores humanistas, de xente incluso moi nova  formada tamén con clases de ética e, por milleiros, nunha relixión que fala fundamentalmente de amor (outra cousa é o que faga o Vaticano).

Daquela, o fracaso é absoluto, e as consecuencias poden ser nefastas.

Dalgunha maneira, seguimos na caverna. Coma eixada do mamut na man. E buscando a quen crebarlle a testa.

E teño como a sensación de que non a moita xente lle quita o sono isto.

Comentarios