Opinión

A modo coa baralla

Levo moitos anos facendo política, antes mesmo de participar na fundación dun partido político na Galiza do ano 1964. Porque facer política e actuar, falar, escribir, facer teatro, expoñer por calquera medio público unhas ideas inconformistas que protesten contra a inxustiza, a falta de liberdade e tendan a conseguir a igualdade entre a humanidade.

Levo moitos anos facendo política, antes mesmo de participar na fundación dun partido político na Galiza do ano 1964. Porque facer política e actuar, falar, escribir, facer teatro, expoñer por calquera medio público unhas ideas inconformistas que protesten contra a inxustiza, a falta de liberdade e tendan a conseguir a igualdade entre a humanidade. Facer isto supón un risco, maior ou menor dependendo do réxime ao que nos enfrentemos. Pois ben, teño unha amiga, que hai poucos anos ingresou nun partido político e cando discutimos me di: “e que ti non sabes nada de política”.

Velaí. É diferente facer política que estar en política. Aínda que a liña poida ser saltada nalgunha rara ocasión con perigo de quedar fóra da partida.

Estar en política é xogar cunha baralla. Xogan, saen, botan carta, retrucan, matan o tres ou gardan o as na manga. Son contrincantes, pero coidan da baralla.

A xente que non temos baralla ocórrensenos moitas xogadas, vemos unhas saídas para as dificultades políticas, unhas solucións para impedir as agresións ou atallar as corrupcións que non son posibles cunhas determinadas cartas ou sen riscar a baralla.

Este preámbulo serve para explicar por onde podería derivar a situación actual española.

Hai quen pensamos que estamos no momento idóneo para acabar dun só impulso co goberno conservador e coa monarquía. Nunca estiveron tan tocadas ambas institucións e no mesmo saco corrupto. De termos un parlamento ben formado, unha oposición intelixente, unha clase política libre, sería o intre de conseguir que goberne unha República democrática e progresista. Está a punto de caramelo.

Pero, madía levan, os que xogan coa baralla non son quen de botar os triunfos na mesa, no Parlamento, con ímpeto, facéndoa trepidar. Teñen medo. Queren seguir xogando. Defenden a baralla. Neste momento, a baralla é de ovos. A oposición semella unha galiña choca. Pitos sairán. Pero o país que necesitamos rara vez terá unha oportunidade coma esta.

Pero non me fagan caso. Xa mo dixo a miña amiga: Ti non entendes de política.

Comentarios