Opinión

A magnitude da derrota. Declaración pre-política.

Once de xuño de 2013, pouco antes das 24 horas, fundido en negro. A televisión pública grega apágase. O Goberno de Samaras informa de que serán despedidos 2.700 traballadores. Máis adiante unha nova televisión reestruturada, “moderna”, esa é a súa linguaxe, ata só 700 traballadores volverá emitir. A Troika esixe eliminar 15.000 funcionarios antes de finais de 2014. Desesperanza, desolación. Alexis Tsipras, líder de Syriza, cualificou a decisión de “golpe de estado”. 

Once de xuño de 2013, pouco antes das 24 horas, fundido en negro. A televisión pública grega apágase. O Goberno de Samaras informa de que serán despedidos 2.700 traballadores. Máis adiante unha nova televisión reestruturada, “moderna”, esa é a súa linguaxe, ata só 700 traballadores volverá emitir. A Troika esixe eliminar 15.000 funcionarios antes de finais de 2014. Desesperanza, desolación. Alexis Tsipras, líder de Syriza, cualificou a decisión de “golpe de estado”. 

"De Alemaña a Greza as sociedades capitalistas pechan un arco. Da hexemonía da defensa do público ao triunfo da privatización neoliberal. Da construción dos servizos e bens públicos á destrución da sociedade".

Finais dos sesenta, na televisión pública alemá, a única que existe, o socialdemócrata Willy Brandt acusa o conservador Kurt Kissinger de querer autorizar a creación de televisións privadas. Este responde que a democracia cristiá nunca o permitiría, iso sería a morte da democracia na RFA1. A dereita a se mover no marco conceptual estabelecido pola esquerda.

De finais dos sesenta a 2013, de Alemaña a Greza as sociedades capitalistas pechan un arco. Da hexemonía da defensa do público ao triunfo da privatización neoliberal. Da construción dos servizos e bens públicos á destrución da sociedade.

Síntoo como unha derrota. Colectiva, común, mais tamén individual, persoal. Das ideas polas que apostaramos hai tanto tempo. Unha xeración de traballador@s nov@s e estudantes elixiramos loitar pola democracia, mais tamén polo socialismo. Daquela, anos setenta, nas publicacións de esquerda analizábase a transición ao socialismo. Hoxe non somos quen de parar a ofensiva total do capital.

Abstraccións, socialismo, capital. Porén, abstraccións que deseñan o que será a vida dos nosos corpos vivos, o único que temos, o único que somos. Dereito á saúde na enfermidade? Unha vellez libre da angustia da necesidade económica? Raparigas e rapaces ben nutridos, que choran a rabuñar na orelliña só, só cando teñen sono? Ensino para tod@s, gratuíto, dereito ao coñecemento do saber acumulado pola nosa especie? Negociación das condicións nas que se realiza a explotación, a extracción de plusvalía? Ou mercantilización da vida toda, saúde, pensións, pobreza infantil, educación, sometemento individual ás condicións estabelecidas, si libremente, polo patrón?

"E ao volver da manifestación, da enésima manifestación, pregúntome como saírmos da derrota. Como traérmonos de volta a esperanza".

Miña nai como é tan pobre e non ten pan que me dare, éncheme a cara de bicos e despois rompe a chorare. Imposíbel unha síntese máis emotiva. Pensaba, eu, ata hai pouco, que a desigualdade aínda xustificaba o espírito, mais non a literalidade da cantiga popular. Non había fame na Galiza, era impensábel. Si, hai, na rica Europa, Greza, Portugal, Galiza, España... nais e pais que non lles poden dar ás súas fillas e fillos unha alimentación suficiente e suficientemente variada. Cal será o prezo que deberán pagar es@s pequeno@? Cal será o prezo que pagarán esas nais e pais na súa autoestima? E a súa angustia.

E ao volver da manifestación, da enésima manifestación, a camiñar cun compañeiro, pregúntome como saírmos da derrota. Como traérmonos de volta a esperanza. Unha esperanza racional. A esperanza d@s que dispoñen dun instrumento para loitaren, para se defenderen, para teren unha oportunidade de non seren derrotad@s.

Sabemos que liberdade axiña virá e que daquela volveremos desde as sombras (grazas Leonard Cohen). Sabemos que en Latinoamérica cumpriron 10 anos estragados para que os pobos construísen novos instrumentos de liberdade, novas forzas políticas capaces de enfrontaren o poder inhumano do capital financeiro condensado no Consenso de Washington.

E nós? Construirémolo? Cando o construiremos? Cando teremos esperanza?

------------------

1.Citado por Antoni Domènech, revist Sinpermiso, nº 8.

Comentarios