Opinión

A lexislatura do redeseño do Estado Español

A vindeira lexislatura será crucial para o futuro do país, toda vez que está aberto o debate do deseño territorial e social do Estado cun ataque por parte do Partido Popular ao cativo autogoberno que supuxeron as CCAA e pola demanda de soberanía por parte de Catalunya e Euskadi.

A vindeira lexislatura será crucial para o futuro do país, toda vez que está aberto o debate do deseño territorial e social do Estado cun ataque por parte do Partido Popular ao cativo autogoberno que supuxeron as CCAA e pola demanda de soberanía por parte de Catalunya e Euskadi. Un debate no que Galiza só estará presente se o nacionalismo galego, que ten no BNG a súa única expresión nas vindeiras eleccións, acada a maior cota de representación da súa historia.

Ata os xornais internacionais mais ultraneoliberais, teñen analizado polo miúdo a actitude centralizadora do Partido Popular, a lexislatura que se abrirá despois do vindeiro 21 de outubro, estará marcada polo intento de laminación das competencias da CCAA e da recentralización do Estado e pola demanda de maior soberanía por parte de Catalunya e Euskadi. Os recortes sociais que empobrecen a maior parte da poboación, o proceso de centralización e o empobrecemento da democracia a través da cesión de soberanía cara a unha Europa antidemocrática son a cara da mesma moeda.

Noutras etapas transcendentais da historia Galiza quedou atrás o que tivo como consecuencia o atraso económico e social do país, xogámonos pois o futuro, precisamos un goberno con maioría nacionalista para que Galiza este presente nese debate con plenos dereitos.

Bruselas e Madrid unen as súas forzas contra as CCAA, co actual deseño do Estado estas son as suministradores de servizos sociais públicos á cidadanía, e polo tanto son un adversario a bater por parte do neoliberalismo rampante que persegue a privatización e o sometemento das persoas e dos servizos básicos as regras do mercado. Pero ademais o Partido Popular, que representa un imperialismo español que bebe nas fontes do franquismo, quere aproveitar a ocasión para impoñer o programa de Alianza Popular con ataques a nosa identidade co obxectivo da asimilación absoluta, rematando incluso co Estado das Autonomías.

Pero ademais Galiza precisa ter un maior peso político no Estado Español, para defender aos nosos sectores produtivos, que son os únicos con capacidade para xerar emprego a curto prazo, e para conseguir un maior marco competencial entre outras cuestións en materia económica e laboral. Só dende un goberno galego claramente comprometido coa maioría social poderemos abordar unha reconquista dos dereitos laborais e social perdidos nos últimos anos.

Ese é o auténtico debate que viviremos durante os vindeiros catro anos, Galiza ten dúas opcións ou defenderse votando ao nacionalismo galego ou apostar por forzas españolas manténdonos fora do debate sobre o novo modelo territorial e social. Iso é o que decidiremos o vindeiro 21 de outubro.

Comentarios