Opinión

A lei de prensa de Ecuador

Hai uns días foi aprobada en Ecuador a Lei Orgánica de Comunicación, popularmente coñecida como Lei de Prensa ou, para os opositores, "lei mordaza". Abonda con buscar en Internet para atopar as feroces críticas expresadas pola grande industria mediática de América Latina e, por suposto, de Estados Unidos. 

Hai uns días foi aprobada en Ecuador a Lei Orgánica de Comunicación, popularmente coñecida como Lei de Prensa ou, para os opositores, "lei mordaza". Abonda con buscar en Internet para atopar as feroces críticas expresadas pola grande industria mediática de América Latina e, por suposto, de Estados Unidos. 

A controvertida norma ten como un dos seus obxectivos garantir que non haxa un monopolio comunicativo e para iso establece medidas concretas de promoción dos medios de comunicación de cobertura local e rexional. Tamén pretende eliminar a precariedade laboral dos traballadores de prensa e o fomento da interculturalidade e a paridade nos cadros de persoal. Un dos aspectos máis criticados é a creación dun Consello de Regulación e Desenvolvemento da Información e Comunicación, amais doutros organismos con poderes consultivos e/ou sancionadores. Non inclúe a censura previa pero si a responsabilidade posterior polo que se publique, para evitar, segundo di a Lei, a publicación reiterada de informacións co fin de desprestixiar ou reducir a credibilidade pública de persoas físicas ou xurídicas. Segundo os opositores, esta cláusula servirá para "escudar a corrupción" porque pode obstaculizar investigacións periodísticas.

"Chegouse a dicir que a mellor lei é a que non existe. Pero unha lei como esta pretende filtrar o abuso das industrias da comunicación que ven con ela cuestionada a súa hexemonía na condución da conciencia individual e colectiva".

Non hai dúbida de que en Ecuador se están producindo profundos cambios a partir da Constitución de Montecristi aprobada no 2008. Igual que noutras repúblicas sudamericanas, as clases menos favorecidas e as minorías tomaron máis protagonismo fronte á situación anterior na que o goberno estaba en mans de grupos máis identificados co poder económico.

Por esta razón, a oposición non para de enfrontarse aos cambios impulsados por Rafael Correa e o Movemento Alianza País. E foi o longo debate sobre a regulación da comunicación social o que máis titulares acaparou no escenario mediático. O poder dos grandes medios interpretando os principais puntos do proxecto de lei contribuíu a crear unha intencionada división da opinión pública. Chegouse a dicir que a mellor lei é a que non existe. Pero unha lei como esta pretende filtrar o abuso das industrias da comunicación que ven con ela cuestionada a súa hexemonía na condución da conciencia individual e colectiva.

Nestes últimos anos, a existencia de medios públicos de comunicación ameazou o case exclusivo monopolio dos medios privados. Con este debate, e con esta lei, queda á vista que en Ecuador hai, ademais de sectores privados, outros públicos e comunitarios en condicións de reclamar os seus dereitos relacionados coa información e a comunicación. 

Unha das acusacións expresadas contra os medios públicos é o seu control por parte do goberno. É obvio que o lanzamento destes medios públicos –Ecuador TV, Radio Pública de Ecuador e El Telégrafo– está vinculado ao proceso político actual pero iso non lles resta lexitimidade. Calquera goberno que pretenda cambiar a preponderancia do sector privado nos medios de comunicación necesita dispoñer das súas propias canles de información.

"Os que pretenden controlar a información e se opoñen realmente á liberdade de prensa "non están nin en desertos remotos nin en montañas afastadas": están ben preto de nós".

En todo caso, insisto unha vez máis na necesidade de non xulgar a realidade latinoamericana con ollos europeos. O Premio Nobel de Economía 2001, o estadounidense Joseph Stiglitz chega a dicir que "a concentración da prensa en América Latina alimenta a desigualdade". E segue dicindo que os criterios antimonopólicos deben ser máis estritos na área dos medios, igual que na área financeira, para asegurar a diversidade e que non ocorran casos como o italiano onde a concentración televisiva chegou a poñer en dúbida o seu carácter democrático. A concentración de medios afecta ao mercado das ideas, que é fundamental para a democracia, acaba dicindo este economista. Hai que coñecer a realidade da que parten os pobos sudamericanos e a súa estrutura tan diferente á europea. E por iso, polo seu descoñecemento do contexto ecuatoriano e latinoamericano en xeral, resultoume vergonzoso o ridículo eurocentrismo do que fixeron gala afamadas xornalistas españolas á hora de entrevistar a Rafael Correa. 

E, xa para rematar, rememorando a aquel personaxe de funesto recordo, os que pretenden controlar a información e se opoñen realmente á liberdade de prensa "non están nin en desertos remotos nin en montañas afastadas": están ben preto de nós. Ou como se explica daquela a non inclusión da publicidade institucional do Día das Letras Galegas nos medios non "afíns" ou a concesión de substanciosas subvencións da Secretaría Xeral de Medios e convenios do goberno galego con grupos editoriais por ser "boíños"?

Comentarios