Opinión

A irrealidade das estadísticas do IGE

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) o número das familias que chegan a final de mes con facilidade aumentou en Galiza, pasando do 41,57% no primeiro trimestre de 2010 ao 52,40% no ano 2012. Ou sexa, que un 10,83% máis de familias viven comodamente. Seica foi así malia a profundidade da crise que se concreta nun reaxuste social moi duro, polo que se chegou aos 276.

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) o número das familias que chegan a final de mes con facilidade aumentou en Galiza, pasando do 41,57% no primeiro trimestre de 2010 ao 52,40% no ano 2012. Ou sexa, que un 10,83% máis de familias viven comodamente. Seica foi así malia a profundidade da crise que se concreta nun reaxuste social moi duro, polo que se chegou aos 276.000 desempregados e desempregadas (máis dun 20%), baixaron os salarios reais, reducíronse os servizos básicos, aumentou a presión fiscal, e pechan comercios e pequenas empresas. Aínda así, e que tanto os sindicatos e partidos da oposición como da dereita amosan preocupación pola gravidade do momento, o IGE dinos que están todos trabucados, que canto menos crecemento do PIB, máis débedas e menos salarios, hai un maior número de familias que viven desafogadamente. En poucas palabras, que Rajoy e Feijoo van no camiño correcto, e que sobran as desculpas e promesas de que os sacrificios son momentáneos.

Hai que ter coraxe e ser pouco éticos para divulgar unhas estatísticas que calquera, por menos coñecementos que teña sobre o tema, pode ollar que contrastan coa realidade de todos os días. Se o que se pretendía era máis un titular propagandístico para avalar as nefastas políticas económicas e sociais do PP, fanlle un fraco favor, porque non é críbel. O que resulta preocupante é que un organismo público, necesario e que debe vixiar a fidelidade da información, se preste a este tipo de escenificación partidista, máxime cando a situación é tan grave para unha boa parte da poboación galega.

Sempre fun dos que lle dan moita importancia ás estatísticas, e en xeral a toda a análise técnica dos fenómenos económicos e sociais, a fin de poder afondar e dimensionar correctamente aqueles aspectos que a práctica cotiá nos refrega cada vez que saímos á rúa. Compre para iso termos unha información estatística ben realizada, que non sexa servil aos intereses de quen goberne. No noso caso necesitamos, por exemplo, máis rigor na enquisa de desemprego, xa que non é críbel que o paro que reflicte sexa moito menor que os que están rexistrados nas oficinas de colocación (a diferencia da maior parte das nacionalidades e autonomías). Tampouco se entende que non contemos con táboas Input-Ouput cada poucos anos, a fin de coñecer a evolución do noso comercio exterior, e polo tanto as nosas eivas e dependencias, para solucionalas con medidas axeitadas e a tempo.

Se cadra o fundo do problema sexa que falta persoal, ou que se reproducen acriticamente os desagregados das enquisas do INE, mais en calquera caso a responsabilidade de quen dirixe este organismo público e en última instancia do Presidente da Xunta é evidente, sexa por acción ou por omisión. Con este panorama, é como para confiar nas estatísticas oficiais do IGE!! Cando menos daquelas que son públicas.

Comentarios