Opinión

A india Malinche e os premios capados

Hai que ver o partido que se lle pode sacar a unha cita. Non sei cantas veces levo contado aquel chiste que Freud recolle no seu libro de 1905, O chiste e a súa relación co inconsciente, no que dous xudeus se encontran na rúa e un deles lle pide prestado ao outro vintecinco floríns da época.

Hai que ver o partido que se lle pode sacar a unha cita. Non sei cantas veces levo contado aquel chiste que Freud recolle no seu libro de 1905, O chiste e a súa relación co inconsciente, no que dous xudeus se encontran na rúa e un deles lle pide prestado ao outro vintecinco floríns da época. Pouco despois o prestador descúbreo nun restaurante de postín zampando un salmón con maionesa e repróchalle: “Dixéchesme que precisabas cartos e agora resulta que estás almorzando coma un pachá”. O comensal replica, case indignado. “E logo non? Antes non podía comer salmón porque non tiña cartos, e agora que os teño tampouco hei poder… Cando nabo vou poder comer eu salmón?”

Hoxe salmón cómeo calquera, sustituíde o peixe por unha lagosta salvaxe e fai o mesmo efecto. Vén o chiste a conto de que se acaban de conceder os Premios da Cultura Galega, aqueles que suscitaran críticas unánimes cando o primeiro goberno de Feijóo os tuneou e os capou para humillar aos creadores galegos aos que pretendidamente homenaxeaba. A foto dos premiados lembra sempre aos debuxos de John Smith con Pocahontas ou a de Hernán Cortés coa india Malinche. Os premios de Feijóo, Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez (case nada ao aparato) non cambiaron unha coma desde que os que agora forman parte dos xuris os criticaban e chamaban ao seu boicot, pero é coma no chiste de Freud, se antes non celebrábamos premios porque non nolos daban e agora que nolos dán tampouco podemos celebralos, cando nabo ímos celebrar nós algo? Ademais, xa protestamos no seu momento, é que iso non abonda? É que imos estar sempre a protestar? Nalgún momento haberá que normalizar a relación, senón isto sería un inferno.

Que lle verá a xente aos premios? Realmente pensan que significan algo? Consideran que o mal momento do acto de entrega e as entrevistas de xornalistas aos que lles importan tres carallos os premiados se compensan co recoñecemento das institucións políticas e académicas do país? E que terán os premios que todos os premiados están convencidos de merecelos? Imaxinamos a esta xentiña ávida de caloriña institucional redactando a súa última vontade: “ Aos meus descendentes, poucos trofeos de ouro bruñido pero si un currículum orlado de placas de prata con polas de loureiro gravadas, unha colección de figuras de Sargadelos, un feixe de diplomas metidos nun tubo e un álbum con recortes das páxinas de cultura da prensa local”… Algo semellante á sala de espera dun dentista.

Comezabamos cunha cita e imos rematar con outra, esta vez da peor calaña porque un se vai citar a si mesmo cando escribiu aquilo de: “Repetireime ata que me entendan”. Ah, e noraboa aos premiados porque acertaron: todos teñen o que se merecen.

Unha cita máis, se disculpades, esta de Marcel Duchamp, cando berraba aquilo de “Nada de xuris. Nada de premios”. Ou mellor aínda, aqueloutra de Erik Satie nos seus Cadernos dun mamífero: “Non abonda con rexeitar a Lexión de Honra, o importante é non ter feito nada para merecela”.

Comentarios