Opinión

A importancia dos símbolos patrios

Paul Kennedy escribía en El País (4 de agosto de 2012) o artigo "La importancia de los símbolos patrios", uníndose á cumprida lista de «pensantes» que vai desde o inefábel Savater e o seu rexeitamento de «todas as patrias» até o anorgásmico himno galego de Yolanda Castaño.

Paul Kennedy escribía en El País (4 de agosto de 2012) o artigo "La importancia de los símbolos patrios", uníndose á cumprida lista de «pensantes» que vai desde o inefábel Savater e o seu rexeitamento de «todas as patrias» até o anorgásmico himno galego de Yolanda Castaño.

A «benpensante» tese destes novos filósofos universais é que todo o relativo a himnos, bandeiras, festas nacionais (ou estatais), historia , mitos etc... é un invento, unha creación humana artificiosa, unha recreación de algo que foi dunha maneira e se magnifica, etc, etc.

Parto do principio de que todo o que nos rodea e nos fai humanos é feito polo home, tanto o bo coma o malo. A exaltación do «natural», como primixenio ou non contaminado é propia de sociedades cosmistas e culturetas. Non todo o natural é bo (furacáns, inundacións, ser comida por un tigre famento, etc) nin todo o creado (inventado) polo ser humano é malo.

Podo albiscar unha artificiosidade plástica e forzada no tento de poñerlle letra ao himno dos españois para que os deportistas poidan cantar algo nas competicións internacionais. A bandeira da comunidade de Madrid, o seu concurso público de «notábeis» (entre eles Savater) para dotar de letra o seu himno, etc, non deixan de ser algo artificioso.

Hai un pouso que nada ten de artificioso, que é colectivo, que existe, que está aí. Os galegos ( e outras nacións sen Estado) non precisaron de ter un Estado propio para dotarse de símbolos propios que os diferenciaban dos demais. Non son diferentes por teren símbolos propios, teñen símbolos propios por seren diferentes.

Non é casualidade que, nestas recentes Olimpiadas en Londres, os deportistas galeses e escoceses protestasen por teren que escoitar o himno inglés. Desde logo que estes símbolos non som importantes para aqueles que durante séculos impuxeron a outros o que quixeron. Non é casual que hoxe que se fale dunha Europa unida, sen fronteiras etc... nunca existiron tantas fronteiras externas e tantos controis coma hoxe, e o primeiro que fixo a Unión Europea, no seu momento, foi dotarse de bandeira e himno, que por certo a min no me din nada, pero simplesmente porque non son os meus símbolos senón os de catro burócratas de Bruxelas.

Comentarios