Opinión

A gloria literaria

Achégase Sant Jordi, o día máis esperado e temido polos libreiros e escritores cataláns, o día en que muitos dos que fantasean coa posibilidade de alcanzar a gloria literaria comprenden que, máis que remota, é inalcanzábel. Este ano, en cuanto a maioría de autores planifican até o último detalle os seus movimentos, as cidades e librarías en que asinarán as súas obras, podo permitirme o luxo de participar na festa do 23 de Abril como un espectador máis. O meu próximo libro de contos eróticos, Vides Lascives -desculpádeme que faga un pouco de propaganda- non será editado por Bromera até xuño, cando as multitudes xa terán desaparecido e, como costuma pasar, só reparará na miña obra un pequeno, mas selecto grupo de leitores. E de leitoras, por se alguén o dubidar.

Non penso darlle a razón [a John Irving sobre Hemingway]. Nen quitarlla. Ao fin e ao cabo, o mundo literario é unha selva.

Falando de leitoras...a que até hai ben poucos días era a miña moza agasalloume por Sant Josep a última novela de John Irving, En una sola persona, cunha dedicatoria no mínimo inquietante: "Literatura e sinxeleza e profundidade. Como ti. Como o que tentas transmitir". Ao parecer, estaba certa de que gosto de Irving. Acertou de cheo. Máis discutíbel é que algún día poda achegarme, nen de lonxe, á súa aparente sinxeleza e á súa evidente profundidade. Mas o tentarei, por suposto. Con muitas dúbidas, tamén é certo. E máis aínda após ler o que Irving dixo esoutro día en Barcelona sobre Ernest Hemingway, outro autor co que pasei bons momentos. "É a maior fraude da historia da literatura norteamericana. Se só podes escreber frases curtas, dedícate á publicidade", afirmou, explicitando, alén do máis, o seu rexeitamento da estereotipada masculinidade de Hemingway. E aínda engadiu: "É un escritor alcohólico sobrevalorado. Eu gosto da complexidade, a frase complicada, as historias complicadas, as personaxes complicadas".

Non penso darlle a razón. Nen quitarlla. Ao fin e ao cabo, o mundo literario é unha selva. Os egos son enormes e cada ponto de vista é tan aceitábel como calquer outro. Sexamos realistas, aliás: a maioría dos escritores nen saben por que carallo escreben. E os que fantasean con escreber poucas veces poden concretizar as súas motivacións. No meu caso, o único que teño claro é que non me importaría ser tan lido como Irving ou Hemingway e que non me había vir mal o Premio Nobel ou, no seu defeito, o Pulitzer.


 

 

Comentarios