Opinión

A criminalización da protesta

  Hoxe ao erguerme da cama lembrei que houbo un tempo, chamábano das “vacas gordas”, no que segundo reflexan algúns libros de historia  todo o mundo pasaba as vacacións en Cancún, todo o mundo tiña cartos para pagarlles os estudos aos fill@s en Harvard, todo o mundo ceaba en restaurantes de cinco garfos cando menos catro días á semana e todo o mundo tiña no garaxe cando menos un cayenne e dous

Hoxe ao erguerme da cama lembrei que houbo un tempo, chamábano das “vacas gordas”, no que segundo reflexan algúns libros de historia  todo o mundo pasaba as vacacións en Cancún, todo o mundo tiña cartos para pagarlles os estudos aos fill@s en Harvard, todo o mundo ceaba en restaurantes de cinco garfos cando menos catro días á semana e todo o mundo tiña no garaxe cando menos un cayenne e dous audi.  Daquela lémbroo ben, quen se manifestaban na rúa eran catro tolos, un par de sindicalistas radicais, e o Día do Patrón de España catro bloqueir@s berrando autodeterminación e dereito a producir. Non había problema, a democracia funcionaba e todo estaba controlado.

"A cada pouco topamos unha manifestación, un peche, un corte de rúa o"u outro tipo de protesta; e para a miña sorpresa non son os de sempre os que están na rúa"

Os anos pasan, quedou atrás xa hai tempo a era das “vacas gordas” e entramos unha nova que pendente aínda de decisión definitiva en canto ao nome poderíamos chamar a era do “antes vivíamos por enriba das nosas posibilidades”.  A cada pouco topamos unha manifestación, un peche, un corte de rúa ou outro tipo de protesta; e para a miña sorpresa non son os de sempre os que están na rúa; é certo que sindicalistas e bloqueir@s andan polo medio pero hai outra moita xente, xente estraña, xente da nosa,  xente de orde.
O sábado vin nunha manifestación dous profesores de historia dos que antes dicían “algo faría” cando despedían a alguén; protestaban porque este curso deben impartir física e química ao seu alumnado
Hai uns días berraba, cun megáfono na man!!!, o Antonio, aquel que a noite anterior ás convocatorias de folga pedíalle ao patrón poder durmr no taller para que os piquetes non lle impediran entrar na mañán seguinte. Despedírono e di só lle cotizaron a metade do tempo traballado.

Onte estaba na porta do hospital agarrando unha faixa unha médica coa que coincido na parroquia todos os domingos na misa de 12 á hora de comungar; di que traballa en urxencias e non ten vendas nin xiringas.

E hai uns minutos atopei ao Moncho, un dos de sempre nos actos de don Manuel e que xa fora concelleiro polo tercio familiar co Generalísimo, vestía unha camiseta denunciando que os do banco lle tiñan roubado parte dos aforros ao tempo que levaba un cartaz acusando a don Mariano de cómplice.
Empezo a estar preocupado, penso que estamos tomando demasiado á lixeira estas protestas, xa non son os catro de sempre, empeza a haber xente normal, xente da nosa, xente de orde, na rúa. Hai que reaxir, non podemos permitir que isto aumente.

(Ao día seguinte)
Xa estou máis tranquilo, mandaron de Génova o argumentario: son todos terroristas e aos terroristas hai que enviarlles a policía e a garda civil.

Comentarios