Opinión

A centralidade da clase obreira na ruptura democrática

Malia que todos os partidos sistémicos falan decote do traballo e dos mil padecementos da clase obreira, despois non lle outorgan ningún protagonismo político. Dende a dereita faise acotío porque o discurso a prol da xeración de emprego e de condicións dignas de traballo é pura leria. Supedítase sempre á acumulación ascendente de riqueza e do poder no gran capital, e só diante da presión social en certas ocasións cede unha parte menor da máis-valía.

Malia que todos os partidos sistémicos falan decote do traballo e dos mil padecementos da clase obreira, despois non lle outorgan ningún protagonismo político. Dende a dereita faise acotío porque o discurso a prol da xeración de emprego e de condicións dignas de traballo é pura leria. Supedítase sempre á acumulación ascendente de riqueza e do poder no gran capital, e só diante da presión social en certas ocasións cede unha parte menor da máis-valía. Na esquerda porque, para alén da rectificación no discurso durante a crise, a súa tendencia socialdemócrata perdeu hai moito tempo as sinais de identidade, un exemplo disto é o PSOE. Polo tanto, asume o capitalismo con “correccións”, sen rachar coa explotación laboral. 

Non é estraño que nesta conxuntura, cun duro reaxuste do capitalismo a nivel mundial que se reproduce tanto pola vía da explotación de clase como dunha maior opresión-depredación dos estados e nacións dependentes, a loita de clases se agudizara tanto (no aspecto social e nacional). O aumento das contradicións cuestionou o xeito de facer dos partidos e organizacións sociais ligados coa xestión do sistema. Ademais esta desconfianza tamén atinxe, aínda que en moito menor grao, ás forzas que ofrecendo propostas alternativas procuraron na participación na xestión das institucións un camiño para mellorar no inmediato as condicións de vida da poboación. Porén esta andaina non era o que esperaba unha gran parte de base militante, que apostaba por unha ruptura democrática, tanto dende a presión na rúa como no marco das institucións, e que rexeitou que este obxectivo ficara adiado decote ou reducido aos discursos. 

"A crise, ou sexa a agudización das contradicións, tamén incidiu no  afastamento entre o social e o político-institucional".

A crise, ou sexa a agudización das contradicións, tamén incidiu no  afastamento entre o social e o político-institucional. Por esta razón, por exemplo no nacionalismo anticolonial, cando se fala das condicións de vida da clase traballadora o sindicalismo pon o acento nos baixos salarios e no desemprego, e os partidos na perda dos sectores produtivos e na soberanía. Mais, ambos factores son interdependentes e parte da loita de clases na nosa nación (como o son a cuestión cultural e lingüística, de xénero, ecolóxica e democrática). Na vida cotiá, a desfeita económica, a persecución da lingua, a recentralización, son vividas con maior intensidade polas clases populares. Porén no discurso, nas propostas, na oferta á sociedade, segue a faltar unha ligazón clara entre desfeita económica, desemprego, traballo precario, emigración e desafiuzamentos, ou sexa o factor traballo, e a falta de soberanía e dunha democracia popular. Unha división de tarefas e de discurso que se pode entender nos países con soberanía e un avanzado estado de benestar (aínda que ao meu entender tamén é trabucada), porén no nosa realidade eiva que a clase obreira teña un papel activo e protagónico nas tarefas nacionais. Na práctica non vincula estreitamente, para alén da cúpula dirixente e algúns activistas, o suxeito social ao proceso de liberación, debilitando así o suxeito político. 

E, por se non abondara cos métodos de traballo trabucados, un sector da esquerda sumouse as teses tradicionais da dereita, negando a importancia da centralidade do traballo e pondo énfase na fragmentación e debilidade da clase traballadora (fixos e temporais, ocupados e desempregados, funcionarios e laborais, grandes e pequenas empresas). Sobre este aspecto dinos Ricardo Antunes, sociólogo, estudoso do tema e profesor na Universidade de Campinas, Brasil, o seguinte: “O mundo do trabalho hoje é composto, como pensava Marx, pelo trabalho produtivo e também pelo improdutivo (...) a clase trabalhadora hoje é mais ampla do que o proletariado industrial do século passado, embora o proletariado industrial moderno se constitua no núcleo fundamental dos assalariados” (Os sentidos do trabalho, Ricardo Antunes, Boitempo Editorial, Brasil 1999).  

"Esta centralidade do traballo, fai da clase obreira o principal actor de calquera transformación social, malia a súa fragmentación".

Antunes adica unha boa parte do seu libro a analizar a afirmación de que o traballo na sociedade en que vivimos foi perdendo importancia na vida do ser humano, un valor que seica foi gañando o lecer, e demostra con multitude de dados e exemplos prácticos como o traballo segue sendo central (ante todo porque medrou no mundo). Esta centralidade do traballo, fai da clase obreira o principal actor de calquera transformación social, malia a súa fragmentación. Argumenta que “hai un proceso de tecnoloxización da ciencia que, polo dagora, non pode eliminar o traballo vivo, aínda que pode reducilo, alteralo, fragmentalo”. Algo evidente tamén no noso país, onde hoxe máis do 80% da poboación activa forma parte da clase traballadora. Asemade, os subempregados/as, que son morea, cambian arreo dunha actividade ligada á produción de bens á unha de produción de servizos, ou fican no desemprego. A complicidade social entre un obreiro/ra do metal e unha limpadora ou traballador do lixo é moi grande, así como a súa consideración social é moi semellante. Mesmo actividades ligadas ás novas tecnoloxías fóronse degradando e achegando aos traballos que teñen no esforzo físico o seu valor engadido. 

Se facemos unha caracterización da contestación social, aínda que hai novos suxeitos que se sumaron á protesta, ningunha é tan masiva, constante e ampla como a laboral. Ademais, as organizacións sindicais seguen sendo as únicas cunha afiliación considerábel, que duran no tempo, e que teñen unha organización nacional e estruturada. Se analizamos protesta laboral podemos ollar que a maior participación nas folgas e mobilizacións dáse nas empresas máis ligadas á produción. Son feitos que non se poden esquecer. Porén tamén é verdade que o movemento obreiro recluíuse nas empresas hai décadas e polo tanto foi perdendo incidencia política no interior dos partidos e nas institucións. Isto ten varias causas. Unha delas, que o sindicalismo asumiu un papel moi economicista, tal como se reflicte na súa propia estrutura organizativa. Encol disto reflexiona o profesor de filosofía francés Alain Bihr “A organização sindical não mais pode desempenhar seu papel tradicional de unificação do proletariado (de divisão concorrencial e da sua segmentação) senão com uma condição: romper radicalmente com sua organização corporativa e profissional atual e retornar as relações com a inspiração do sindicalismo revolucionário, privilegiando as estruturas interprofissionais e estabelecendo a identidade política e cultural do proletariado em base desde logo mais ampla do que somente a empresa”. (Da grande noite á alternativa, Alain Bihr, Boitempo editorial, Brasil 1998).

"Se analizamos protesta laboral podemos ollar que a maior participación nas folgas e mobilizacións dáse nas empresas máis ligadas á produción".

En resumo, o traballo continua a ser central, o reaxuste coloca o tema económico e social como a preocupación máis urxente da xente, e existe un afastamento evidente entre a poboación e os partidos políticos (especialmente os sistémicos). A solución a estes condicionantes, desde unha óptica favorábel á maioría social, só é posíbel convertendo a clase traballadora en protagonista do cambio. Vista a clase traballadora como un todo formado por distintos segmentos, e isto significa que a clase obreira que é chave na vangarda da loita social debe ter un papel destacado como suxeito político, para garantir así a ruptura democrática e a liberación nacional e social. Hoxe nos partidos políticos, mesmo nos que se reivindican como socialistas e comunistas, os dirixentes obreiros/as son escasos e os militantes moi poucos. Por este motivo, os subempregados/as, desempregados/as e traballadores/as con salarios baixos e condicións laborais precarias, que son a maioría, non albiscan nos referentes políticos todas as complicidades necesarias para velos como propios. Un círculo vicioso que se debe rachar dende as organizacións sindicais e os partidos políticos, para poder avanzar na liberación social e nacional de Galiza. Non hai outro camiño. Non esquezamos que “non hai salvadores supremos, nen rei, nen tribuno, nen deus”. A mesma análise débese aplicar no relativo ao xénero e á representación xeracional. 

"A clase obreira que é chave na vangarda da loita social debe ter un papel destacado como suxeito político, para garantir así a ruptura democrática e a liberación nacional e social".

Que mellor reclamo a prol da soberanía nacional de Galiza, que un pronunciamento de centos de delegados sindicais, dirixentes de asociacións de veciños, de grupos culturais de base, de asociacións agrarias e estudantís, de afectados polas agresións da banca, etc, dándolle cara a interdependencia entre o económico-social e o dereito a decidir? O nacionalismo galego sempre foi vangarda na loita a prol da soberanía, mais tamén da xustiza social, dos dereitos democráticos, da defensa do medio ambiente, dunha economía autocentrada e sustentábel. O nacionalismo galego anticolonial, como antes outros movementos de liberación social e nacional no mundo, ten a súa maior potencialidade no colectivo, debe fuxir da representación reducida a unhas poucas figuras (sempre condicionadas pola hexemonía mediática do sistema), sen por iso restarlle valor aos órganos de dirección e ás responsabilidades persoais. Pensemos estratexicamente, confiemos no pobo.

http://manuelmera.blogaliza.org/