Opinión

Seleccións galegas, o dereito dun pobo

Hai uns días rematou a Eurocopa de fútbol 2020. Agora, estanse celebrando os Xogos Olímpicos. Galiza, como nación, estivo excluída é, por tanto, ausente destas dúas citas deportivas relevantes. Porén, participaron deportistas galegos e galegas, pero non como delegación propia. No eido deportivo, como moitos outros, prohíbese  que nos manifestemos como galegos e galegas. A finalidade é borrar os nosos sinais de identidade e impedir calquera  avance que reforce a nosa autoestima como pobo.

Na Galiza a situación de orfandade e desleixo é total. Nin a Xunta nin a Federación Galega de Fútbol  son favorábeis a organizar, nin tan sequera, encontros internacionais amigábeis coas nosas seleccións, interrompendo, así, a etapa iniciada, no 2005, polo BNG que polo daquela estaba ao fronte da Secretaria Xeral de Deportes. Desde que o PP retomou o goberno da Xunta (2009) tivo moi claro que había que paralizar estas competicións, aínda que foran amigábeis, nas que o pobo vibraba e sentía como propias. Galiza visualizábase como nación. Eran as nosas cores, o noso himno, a nosa selección que nos representaba e nos identificaba como galegos e galegas. A razón para esta parálise é evidente. Hai que reprimir calquera manifestación, símbolo, ou actuación que  cree cohesión e conciencia nacional e mostre a vontade de sermos nós mesmos. Todo o que non sexa someternos e subordinarnos á españolización é perseguido dunha ou doutra maneira.

Temos que unir todas as voces para levantar un movemento reivindicativo para que Galiza, como nación, poda competir en todas as modalidades, categorías, niveis e disciplinas deportivas. Tal e como hoxe xa está sucedendo co fútbol gaélico. Precisamos, para isto, rachar coa nosa dependencia das federacións españolas e crear a nosa organización propia e soberana. Necesitamos termos todas as competencias. Do contraio, continuarán existindo todo tipo de trabas para que Galiza non teña recoñecido o dereito a competir oficialmente. Se tiveramos un Goberno Galego, digno de tal nome, estaría encabezando está loita e emprazando ao Goberno do Estado a buscar unha saída satisfactoria a esta reivindicación. Pois, aínda que formalmente a decisión depende das organizacións internacionais das respectivas federacións, sabemos que existe o veto do Estado e das federacións españolas.

A opresión e a subordinación á que estamos sometidos, tamén, se expresa no deporte. Todo este panorama desolador constata a necesidade de dotármonos de plena soberanía política, para decidir por nós mesmos, e mostrarnos como nación coas grandes potencialidades que temos, tamén, no eido deportivo. No que contamos cun historial importante de campións e campioas mundiais, europeas e olímpicas e somos referentes mundiais, entre outros, nos deportes náuticos e no tríatlon.  No entano, mediante o deporte, tamén, se procura inocular no imaxinario colectivo a nosa insignificancia e irrelevancia como país e a incapacidade de  valernos por nós mesmos. Intencionalidade que, así mesmo, se manifesta na falta de promoción e apoio aos deportes populares galegos. Todo está  dirixido a anular a nosa conciencia como pobo e, así, ser máis doado continuar co noso sometemento e dependencia.

Proximamente, Vía Galega iniciará unha campaña orientada a reivindicar a formación de seleccións galegas, tanto masculinas como femininas, en todas as disciplinas deportivas e podermos, así, competir oficialmente e internacionalmente sen ningunha limitación. Como o veñen de facer Escocia e Gales que, sen ter estado propio, representaron aos seus países na Eurocopa. Trátase de reforzar a autoestima; contribuír á conciencia nacional; galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero.

Competir, tanto individualmente como colectivamente, baixo a bandeira galega contribúe á  cohesión nacional e a crear conciencia colectiva de pertenza a un pobo. Por iso, as seleccións se transforman nun símbolo representativo e nunha necesidade, máis, tamén, nun dereito como nación que somos. Queremos exercer o dereito que lle asiste a todo pobo: recoñecerse e verse representado nos seus símbolos e non nos que o oprimen e lle son alleos. Ninguén  pode pretender representarnos. Só as seleccións deportivas galegas son as que sentimos e nos identifican, como o que somos, galegos e galegas.

Comentarios