Opinión

Orzamentos 2014, a educación pública de rebaixas

O PP pretende aprobar uns orzamentos para o ano 2014 que afondan  no desmantelamento do ensino público e dificultan o acceso universal á educación gratuíta. Estes orzamentos acrecentan, aínda máis, as múltiples carencias que padece o sistema educativo público galego e atrancan,  por non dicir imposibilitan, a igualdade de oportunidades. 

O PP pretende aprobar uns orzamentos para o ano 2014 que afondan  no desmantelamento do ensino público e dificultan o acceso universal á educación gratuíta. Estes orzamentos acrecentan, aínda máis, as múltiples carencias que padece o sistema educativo público galego e atrancan,  por non dicir imposibilitan, a igualdade de oportunidades. Conducen aos sectores máis desfavorecidos, social e economicamente, ao abandono escolar temperán e afastan, cada vez máis, a educación dos indicadores necesarios para que alcance  un mínimo de calidade. Reafirman e amplían a desigualdade  social ao distanciarse dun ensino equitativo, baluarte da cohesión social. 

"Son orzamentos para avanzar na destrución  dos servizos públicos e de encarecer, máis aínda, o acceso á educación"

Un ano máis, estamos antes uns orzamentos que se desentenden de cuestións fundamentais para garantir un ensino que non discrimine polo lugar ou familia en que se nace.  O dereito á escolarización, aínda que  teoricamente  está garantido no ensino desde os 3 anos até os 16, supón un custo para moitas familias, difícil de enfrontar. Son orzamentos para avanzar na destrución  dos servizos públicos e de encarecer, máis aínda, o acceso á educación. A  adquisición de material escolar, a compra  dos libros de texto, o acceso ás actividades extraescolares e o uso do comedor escolar terán que ser sufragados pola maioría das familias.   Nun momento de crise como o actual, no  que o 23% dos galegos e galegas están en paro, no que se rebaixan  os salarios, os despedimentos son permanentes, non se crea emprego e en moitos fogares non entra ningún salario,  proxéctanse  uns orzamentos que imposibilitan a gratuidade da educación, a escolarización obrigatoria será  deficitaria e a súa calidade estará ausente.  A todo isto, haille que sumar a insuficiente oferta de prazas públicas para o primeiro ciclo de educación infantil (0-3 anos), que implica que miles de crianzas queden na listaxe de espera e que outras, debido á suba desorbitada dos prezos, desista de solicitar praza por non poder enfrontar eses gastos.  

O proxecto de orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2014 fíxase en 2.086 millóns e continúa coa tendencia dos últimos anos de rebaixar as partidas destinadas á educación pública. Redúcense nun 0.93% en relación aos do ano 2013,  mentres se transfiren centos de millóns de euros ao ensino privado concertado. Así, desde o ano 2009, o decrecemento supera o 33,5%, é dicir, 680 millóns menos en euros correntes.

O PP ten a intención de dedicarlle á Consellaría de Educación, nestes orzamentos, 20 millóns menos que no exercicio 2013, 170 menos que no do 2012 e 183  menos que no do ano 2011. Así mesmo, o gasto en educación supón un 20.86% dos orzamentos totais da Xunta de Galiza, cando chegou a supor o 27% nos anos 2007 e 2088, situándose agora nas porcentaxes máis baixas dos últimos anos. 

O capítulo I, que fai referencia a gastos en persoal, mingua nun 1.33%,  e faino en maior proporción que o de Administración xeral, que queda nun 1%. Porén, non hai decrecemento no referido ao persoal eventual do gabinete, malia ter un incremento do 27% no exercicio do ano 2013, asegurando así a continuidade do aparato propagandístico e clientelar do PP. 

"O PP ten a intención de dedicarlle á Consellaría de Educación, nestes orzamentos, 20 millóns menos que no exercicio 2013, 170 menos que no do 2012 e 183  menos que no do ano 2011".

Son uns orzamentos que se obstinan en seguir castigando o profesorado,  reducindo os seus salarios e as pagas extras, obrigándoo a desempeñar funcións que non lle corresponden, a impartir materias da que non é especialista e a ter un horario lectivo sobrecargado. A desconsideración do traballo docente e a falta de interese por acadar a maior formación posíbel do profesorado persiste nestes orzamentos, ao rever, nun 30%, a partida destinada á formación (1.4 millóns) para 30.000 docentes, ou, o que é o mesmo, 4,1 euros anuais por profesor/a para a súa formación permanente. Vulnérase así o dereito que lle asiste de innovar e actualizar a súa formación, imprescindíbel para a súa práctica docente e para a calidade do ensino. 

Estes orzamentos constatan, tamén, o desprezo absoluto do PP polas resolucións xudiciais, ao dedicar soamente 7.617 euros para a prevención dos riscos laborais, a mesma cantidade dos últimos exercicios, a pesar de que o TSXG, despois dun recurso da CIG-Ensino, obrigue a Consellaría a garantir o recoñecemento médico anual ao profesorado. Dereito recollido na Lei de Prevención de Riscos Laborais desde hai 18 anos e que se lle vén negando até agora. 

Infelizmente, estes orzamentos persisten na destrución de emprego e insisten na redución do profesorado, malia a recorte de máis de 3000 postos docentes nos últimos anos e da xubilación de miles de docentes. Porén, destínanse 27,7 millóns de euros para contratar preto de mil profesores e profesoras de relixión, nomeados/as polas xerarquías eclesiásticas e pagados por todos e todas nós. 

O PP porfía na limitación da taxa de reposición a un máximo de 10% dos efectivos, de tal maneira que, no mellor dos casos, a oferta de emprego público só abranguerá 10 de cada 100 vacantes que se produzan. As consecuencias perniciosas amplifícanse debido a que esta medida vénse xa impondo nos últimos anos, implicando ausencia de ofertas de emprego, menos profesorado nos centros, cadros de persoal inestábeis, abandono da atención á diversidade, descoido da atención ás necesidades educativas especiais, maior número de alumnado por aula e substitucións de profesorado sen cubrir. Toda unha infinidade de prexuízos e carencias que reverten negativamente na prestación adecuada dun servizo esencial e imprescindíbel como é a educación.

"Estes orzamentos persisten na destrución de emprego e insisten na redución do profesorado, malia a recorte de máis de 3000 postos docentes nos últimos anos e da xubilación de miles de docentes" 

Estes orzamentos confirman, máis un ano, a política privatizadora e benfeitora do PP co ensino privado concertado. A Consellaría vai transferir directamente 244.7 millóns de euros á patronal dos centros concertados, maioritariamente pertencentes á xerarquía da Igrexa Católica, entre os que están os  centros que segregan alumnado por razón de sexo. Non deixa de ser unha indecencia que se continúe concertando ensinanzas non obrigatorias como formación profesional e educación infantil, mentres miles de alumnos e alumnas non poden cursar un ciclo formativo de FP por falta de prazas no ensino público. Neste nivel educativo, a Consellaría destina a concertos 12,4 millóns, só un 0.4% menos que no ano 2013, que xa nese ano se incrementaran nun 5.8% fronte á redución do 6.62% dos orzamentos do conxunto da Consellaría. O mesmo ocorre co segundo ciclo de educación infantil que recibe 36.4 millóns de euros do erario público, cantidade practicamente idéntica á recibida no exercicio do 2013. Nos propios orzamentos, recóllese como liña de actuación da Consellaría “favorecer a participación activa dos centros privados concertados nos plans de mellora das competencias lingüísticas”, co obxecto de achegar, amais dos concertos, máis fondos ao ensino privado por outras vías, incrementando, neste caso, esta  partida nun 50%. As cantidades destinadas aos concertos supera o 12% dos orzamentos da Consellaría de Educación. Estes centros ven ampliadas as súas subvencións, mediante distintos mecanismos que actúan para bonificar e desviar diñeiro público ao ensino privado, ao mesmo tempo que utilizan todo tipo de artimañas para seleccionar o alumnado e estabelecer idearios de centros, segregadores, sexistas, confesionais e retrógrados, mentres a Consellaría segue sen atender debidamente as necesidades máis urxentes do ensino público. 

Os investimentos reais continúan o camiño descendente, minguando nun 15% en infantil, primaria e ESO, chegando a diminuír a partida destinada a reparación, ampliación e mellora nun 35,3%, cando xa tiveron unha caída do 22% nos orzamentos do ano 2013.  No bacharelato e formación profesional decrecen un 30%, cando xa decaeran un 41,8% nos do 2013, e a partida destinada á reparación, ampliación e mellora dos centros destes niveis educativos redúcese nun 40%. Todo isto dáse nun momento en que é preciso acometer obras para adecuar os espazos na formación profesional para adecualos aos novos ciclos formativos que se están a implantar. Hai moitos centros que necesitan mellorar as súas instalacións ou ampliar as súas dependencias e que terán que esperar igual cá construción de novos centros que seguen sen ser orzados. O proxecto de orzamentos só contempla a construción de dous centros en toda Galiza e reformas menores en nove. Destínase a esta partida soamente 5,3 millóns para todos os niveis educativos, decrecendo un  18% respecto aos orzamentos de 2013. 

"A Consellaría vai transferir directamente 244.7 millóns de euros á patronal dos centros concertados, maioritariamente pertencentes á xerarquía da Igrexa Católica, entre os que están os  centros que segregan alumnado por razón de sexo"

De novo, rebáixase a partida dedicada ao funcionamento dos centros de educación infantil, primaria e ESO nun 2,44%, mentres a partida dos centros de secundaria e formación profesional só se incrementa 0,5%, cando o ano pasado decreceu un 9,47%.

Con estes orzamentos, moitos centros continuarán se ter persoal administrativo. A Consellaría desenténdese de dotar todos os centros de comedor escolar con prazas suficientes, da súa xestión con persoal específico dependente da Consellaría e da súa gratuidade. Pola contra, continuarán encarecendo os prezos para os usuarios e usuarias, restrinxindo a súa gratuidade  e  prohibindo  o uso a moito alumnado por falta de recursos ou de prazas. Decrece tamén a partida destinada ao transporte escolar nun 1.34%. O mesmo podemos afirmar da partida destinada ao fomento da lectura que  sofre uns recortes que alcanzan o 93%, pasando de 165 mil euros a 11.059. Os fondos para bibliotecas (600 mil euros) mingua nun 8,4 e a atención ás bibliotecas escolares queda só en 25.000 euros

 Nun contexto económico precario como o actual, faise máis necesaria a extensión e a gratuidade de todo o material escolar, nomeadamente os libros de texto. Mais o PP segue obstinado en seguir recortando o número de beneficiarios, condenando a máis da metade do alumnado galego a ter que pagar os libros de texto como consecuencia da eliminación da gratuidade estabelecida  mediante o modelo de préstamo. O proxecto de orzamentos  para o ano 2014 destínalle 9,5millóns, reducindo a partida en máis do 25% en relación  ao orzado para o ano 2013. A perversidade deste modelo leva a que as achegas económicas que nestes últimos anos dedicou o PP a este concepto, sendo semellantes ás que gastaba o goberno do bipartito, só benefician aproximadamente ao 60% do alumnado, mentres que o modelo de préstamo  garantía a gratuidade do  libro de texto a todo o alumnado. Esta irresponsabilidade e desatino do PP está causando que sexan as ANPA e concellos os que, mediante diferentes sistemas, procuren libros de texto gratuítos para intentar así suplir os recortes ideolóxicos, inxustos e discriminatorios  da Consellaría.

Desta política antisocial e mesquiña tampouco se ve exenta a universidade que non se ve resarcida da queda dun 6,6% que sufriu nos orzamentos do ano 2013, pois o seu crecemento non supera o 1%.

"O orzamento destinado á nosa lingua pasa de 19,8 millos de euros do ano 2009 aos 7,09 millóns previstos  para o ano 2014"

Estamos ante uns orzamentos que continúan a combater a normalización lingüística. O PP está empeñado en marxinar o noso idioma, reducir o seu uso e apartalo o máximo posíbel do sistema educativo. A falta dunha política lingüística normalizadora amósase na redución sistemática da partida dedicada ao fomento da lingua galega, que se ve minguada nun 5.05% para o ano 2014, cando xa tivo unha diminución do 25.31% no ano 2013 e do 10.05% no ano 2012.  O orzamento destinado á nosa lingua pasa de 19,8 millos de euros do ano 2009 aos 7,09 millóns previstos  para o ano 2014. No entanto, a cativa presenza do noso idioma nestes orzamentos non é óbice para que, dentro deste programa, a partida referida ás transferencias ás empresas privadas se incremente nun 240%, pasando de 250.000 euros do ano 2013 aos 850 mil asignados para o ano 2014, que supón máis do 12% dun montante total que a Xunta de Galiza dedica á promoción e potenciación do noso idioma. Este proxecto de orzamentos fai caso omiso da obriga legal de potenciar a nosa lingua e non ten en consideración a perda galopante de galegofalantes, a  diminución do ensino en galego, a menor relevancia que cada vez ten o noso idioma como lingua de uso social, a pervivencia do uso diglósico e a marxinación a que está sometido permanentemente.. 

Destes orzamentos, que inciden nos recortes na educación pública, nin sequera se salva a partida destinada á prevención do fracaso escolar (17,4 millóns de euros), que mingua nun 0.83% respecto do ano 2013, que xa decrecera nun 5.32%. Non importa que máis do 24% do alumnado non alcance a titulación en ESO, nin as altas cifras de abandono escolar prematuro que se centra, nomeadamente, nas clases sociais de menos recursos, afondando así, aínda máis, nas desigualdades sociais. É inaceptábel que todas as medidas que até agora se viñan desenvolvendo para mitigar o fracaso escolar se concentren nos “contratos programa”. Contratos programa que se fundamentan na “produtividade” dos centros, sen abordar as necesidades educativas dos mesmos para enfrontarse ás carencias educativas do alumnado. Modelo mercantilista que procura canalizar recursos extras a determinados centros, baseándose na taxa de éxito escolar, sen considerar a procedencia social e económica, e as necesidades e características do alumnado.   
  . 
En definitiva, o  proxecto de orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2014 afastase, máis aínda, da necesidade de dedicar o 7% do PIB á educación, cando nunca se chegou a investir nin sequera o 5%, arrastrando así  un déficit histórico cuxas consecuencias comportan reducir a oferta educativa, encarecer e limitar o acceso á mesma e empeorar a súa calidade, pois, en educación, o binomio investimento-calidade é indisociable. Sen recursos, non é posíbel nin a equidade, nin o dereito universal á educación en igualdade.

Santiago, 9 de decembro 2013

Comentarios