Opinión

O legado de Feixoo

Calquera análise que se faga, dato que se observe ou indicador que se examine da situación social, laboral, económica, cultural, lingüística... dos trece anos de maioría absoluta de Feixoo a conclusión é rotunda: trece anos perdidos e funestos para os intereses de Galiza. Actuou como un delegado dos intereses españois para perpetuar a nosa dependencia e subordinación e reforzar o papel colonial de Galiza, continuando así co saqueo dos nosos recursos, enerxía, aforro e excedente económico. Amosou unha disposición permanente á españolización de Galiza, negando a nosa identidade nacional e marxinando a nosa cultura e idioma.

Durante estes trece anos, Feixoo, nen sequera reclamou as competencias contempladas no Estatuto que, despois de 41 anos de vixencia, continúan sen ser transferidas. Mostra de que todo o que supere a cativa descentralización administrativa non é posíbel no deseño que o PP e Feixoo teñen para o Estado español, no que non cabe un maior autogoberno para Galiza e moito menos un status político soberano. Por iso, para el a presidencia da Xunta sempre foi un trampolín para o importante: aspirar a gobernar unha España que negue e reprima, aínda máis, os dereitos nacionais, afonde nas grandes carencias democráticas e reforce o capitalismo neoliberal, baseado nunha extrema desigualdade social que condena as clases populares á pobreza.

Feixoo déixanos unha maior privatización e deterioro da atención social e dos servizos públicos. Entregoulle ao capital financeiro estranxeiro as caixas galegas xunto coa concesión da primeira universidade privada, no canto de crear unha banca publica galega que freara a expatriación do aforro galego. Combateu a proposta dun modelo de financiamento e fiscal propio e soberano, aínda que o actual supoña que Galiza contribúa cada ano con 3.000 euros máis do que recibe do Estado e que máis de 4.000 empresas cos seus centros de produción en Galiza tributen fóra, maioritariamente en Madrid.

As súas políticas destruíron emprego e tecido industrial, expulsaron cara a emigración a 80.000 mozos e mozas, acrecentando o continúo avellentamento e perda de poboación. Aliouse e serviu ao capital oligárquico do sector enerxético para pór os nosos montes e ríos ao seu dispor, no entanto, negouse a unha tarifa eléctrica propia e a crear un sector público. Lexislou a favor de converter a Galiza nun eucaliptal mentres se desmantelaba o sector agrogandeiro coa desaparición de miles de explotacións e se reducía a superficie agraria produtiva. A súa permanente disposición de servidor dos intereses de España e do grande capital contribuíu a que a brutal inflación actual sexa maior en Galiza e a que continuemos cuns dos salarios mais baixos e as segundas pensións máis reducidas do Estado.

O trazo definitorio da súa política lingüística foi a obstinación permanente por perseguir e prohibir o galego. O desprezo e uso diglósico deliberado foi unha constante do seu mandato. A primeira medida que tomou como presidente foi lexislar en contra da nosa lingua (suprimiu a obriga de realizar en galego unha das probas de acceso a función pública) para despois impor o "Decreto para o plurilingüismo no ensino" que prohibe impartir en galego as materias técnico-científicas e tamén a educación Infantil nos ámbitos españolfalantes. Un balanzo de trece anos letal para o noso idioma: retroceso de falantes, ruptura xeracional no seu uso, exclusión e prohibición en numerosos ámbitos e funcións, menos ensino en galego, negación decotío dos nosos dereitos lingüísticos... Un camiño deseñado e premeditado para a súa extinción como lingua de uso social e normal.

O modelo político-ideolóxico do PP dunha Galiza submisa, subordinada e asimilada que nos nega como nación e prosegue coa cruzada contra o galego, aplicado por Feixoo, vai ser a senda a seguir por Rueda. Só cabe lembrar a súa participación na campaña e manifestación galegofóbica en contra da "imposición del gallego" e o uso do español en parte do seu discurso de toma de posesión como presidente da Xunta.

Galiza precisa un cambio de rumbo radical e urxente para decidir e asegurar o seu futuro como Pobo. Ese é o propósito de Vía Galega.

Comentarios