Opinión

Galiza nación. A vontade de sermos libres

As políticas neoliberias despregadas conduciron a unha crise económico-social que se arrastra desde o ano 2008 e que agora se ve acrecentada como consecuencia da guerra de Ucraína e a posición militarista do Goberno do Estado. Somos vítimas dunha escalada alarmante dos prezos dos hidrocarburos e de outros produtos básicos. A pobreza enerxética asola moitos fogares galegos polo prezo disparatado da electricidade, sen que o goberno español e galego foran capaces de tomar medida algunha, como por exemplo intervir os prezos e camiñar cara un sector enerxético público, condenando así a amplos sectores das clases populares ao desemprego e a pobreza. E a unha maior desigualdade social.

En Galiza a situación actual é máis letal por termos uns salarios máis reducidos e as segundas pensións máis baixas do Estado. Como se pode chegar a fin de mes con salarios por debaixo dos  mil euros ou unhas pensións cuxa media está en 866 € e unha inflación interanual que en febreiro superaba o 8%? No entanto, no último ano, as eléctricas ingresaron 2.700 millóns de euros da enerxía galega, cuxo 73% se xera da explotación dos 168 encoros e dos 186 parques eólicos. Unha indecencia que certifica a necesidade de soberanía política para sermos propietarios da electricidade que producimos, da cal exportamos un 30%, a través dun sector público galego que garanta unha tarifa propia a prezos populares.

Galiza permanece no seu papel colonial, fornecendo recursos naturais, enerxía e aforro. Este panorama desolador só se pode enfrontar con pleno poder político para conformar un modelo económico, tributario e de financiamento propiamente galego. Para que as 4.000 empresas que, hoxe, teñen sede ou os seus centros de produción en Galiza deixen de tributar fóra. Para dotarnos dunha banca e un sector enerxético públicos e galegos. Para armar un modelo económico  autocentrado, diversificado e sostíbel, alicerzado na base produtiva dos nosos sectores estratéxicos, na soberanía alimentar e nun tecido industrial ao servizo de Galiza.
Desfagamos o discurso, por falso e interesado, das supostas carencias de Galiza para asegurarse un futuro libre e soberano. Os datos e a realidade demostran todo o contrario, pois Galiza aporta 3.000 millóns de euros por riba dos recursos que recibe do Estado. Como é sabido, a maioría dos actuais estados do mundo son de nova creación. Ningunha nación que acadou a independencia se lamentou de tela conseguido. Hoxe en Europa hai 11 países independentes con menos poboación que Galiza e 13 estados europeos teñen un PIB inferior.

Temos dereito e vontade de gobernarnos a nós mesmos. Aválanos o dereito á autodeterminación como nación que somos. Queremos vivir no noso idioma. Dispoñer e pór ao servizo de Galiza as innumerábeis potencialidades coas que contamos, os inmensos recursos que temos e as extraordinarias condicións naturais para revitalizar e asentar unha economía de noso e, así, asegurarmos un futuro de benestar para o conxunto da nosa  sociedade.

Son múltiples as actuacións e os medios que de maneira expresa ou subliminal se orientan a ocultar, negar ou reprimir a nosa identidade nacional. Para enfrontar estas agresións e a españolización permanente, precisamos unha defensa activa dos nosos dereitos nacionais, batallar contra os prexuízos que nos teñen inoculado, reforzar a conciencia nacional, promover a autoestima colectiva e desfacer a mentira de que somos un pobo subsidiado e incapaz de valernos por nós mesmos.

A loita polos dereitos nacionais foi unha constante na historia de Galiza. Como mostra temos a Revolución Galega de 1846 que, despois de ser fortemente reprimida, rematou, o 26 de abril, cos fusilamentos en Carral dos "Mártires da Liberdade". Este abril cúmprense 176 anos. Memoria e recoñecemento para todo aquel movemento que estaba construíndo os alicerces dun nacionalismo con vocación emancipadora. Baixo o berro de Antolín Faraldo, de "non queremos ser máis que galegos", Via Galega fai un chamamento a percorrer en manifestación, o día 24 de abril, as rúas de Compostela para afirmar: somos unha nación e temos vontade firme de sermos libres.

Comentarios