Opinión

Unha campaña para unha selección

Todos os Estados opresores teñen o propósito, mediante diferentes métodos, de borrar e anular as manifestacións colectivas que identifican as nacións que teñen subxugadas. O proceso de “doma e castración do Reino da Galiza” despois de 500 anos, continúa actuando. Camúflase como se se tratase dun proceso natural e non inducido e imposto. Adaptaron as formas e modos, segundo os tempos e circunstancias, máis subliminares nuns casos, noutros, represivos, pero sempre cunha finalidade clara de substituír o propio polo alleo para procurar anular todo vestixio da nosa existencia como nación coa súa historia, cultura, idioma e símbolos propios.

O noso rol colonial xunto co espolio da nosa riqueza vai acompañado de todo un proceso de colonización cultural que españoliza as nosas mentes e sentimentos. Despreza, desvaloriza e anula todo o noso para inocular na sociedade a idea da insignificancia da Galiza, da imposibilidade de camiñar por si soa e de emanciparse como nación, como única maneira de labrarse un futuro soberano no que poidamos vivir e vernos como galegos e galegas.

O deporte non é alleo a esta planificación de constante asimilación. Máis agudizada ou visíbel nas competicións internacionais que se converten nunha apoloxía do españolismo de eficacia probada, nomeadamente no fútbol. As competicións da selección española transfigúranse nunha exaltación supremacista, acompañada dunha proliferación da exhibición da bandeira española nunha nación que ten a súa propia. No entanto, prohíbese que deportistas podan subir ao podio coa galega e impóñense importantes multas e sancións se algún ou algunha ten a ousadía de cruzar a meta con ela.

A negación da nosa existencia é tan obsesiva que nas competicións internacionais de atletismo de veteranos, malia ter que sufragar os gastos da viaxe e da subscrición, teñen prohibido competir como galegas e galegos. A persecución da nosa identidade é tan extrema que asistimos a prohibicións e requisas de simboloxía galega en distintos estadios e eventos deportivos, chegando o Ministerio de Interior, ano 2013, a afirmar (ante unha pregunta do BNG no Congreso dos Deputados pola prohibición de introducir as estreleiras nun encontro de fútbol) que “su exposición puede provocar una reacción adversa y violenta por parte de otros sectores del público”.

O proceso de “doma e castración do Reino da Galiza” despois de 500 anos, continúa actuando. Camúflase como se se tratase dun proceso natural e non inducido e imposto

A loita polos dereitos colectivos da nosa nación levou a Vía Galega a despregar por toda a Galiza unha intensa e ampla campaña, baixo o lema: “Galiza, un Pobo, unha selección”, para facer realidade un dereito democrático, tan básico e elemental, como é o de competir como o que somos, galegos e galegas, en todas as disciplinas e modalidades deportivas e podermos ter e gozar das nosas seleccións como símbolo colectivo de unión e de identidade como pobo.

Unha campaña na que xa miles de persoas asinaron o manifesto en prol das nosas seleccións, que abrangue diferentes actividades e publicacións, entre elas, unha exposición itinerante que examina a nosa historia deportiva e que se poderá contemplar en 35 localidades da Galiza. A edición dunha revista con 15.000 exemplares na que temos a oportunidade de coñecer a opinión de relevantes persoas do ámbito deportivo, de gozar das entrevistas da man de Héctor Pena a Ezequiel Mosquera, Belén Toimil, Gustavo César Veloso, Merce Barrientos e Chano Rodríguez. A publicación dun xornal cunha tiraxe de 30.000 exemplares, onde ten cabida a historia da Irmandiña, o xogo da billarda e as entrevistas a Álvaro Pino, Xurxo Otero e Adi Iglesia. A produción dun vídeo no que referentes do deporte galego como Fernando Vázquez, Xulia Otero, Xan Rodiño, Eva Castro, Luís Penín, Caetano Horta, Alba Cuba, Cristina López, Alexandre Sanmatín, Manuel Polo, Xurxo Souto... expresan a súa opinión e sentir sobre a importancia e necesidade da oficialidade para as nosas seleccións. Mais tamén a gravación dunha canción a modo de himno reivindicativo con letra de Bieito Lobariñas. 

A estas iniciativas iránselle sumando palestras, actos informativos e distintas accións a pé de rúa que se desenvolverán durante os próximos meses, co propósito de levantar un amplo movemento social que derrube este centralismo exacerbado que nos oprime como nación, e nos prohibe participar e competir como galegos e galegas.

Comentarios