Opinión

Chegou a hora, sair ás rúas e loitar

Non tería máis de 5 anos cando meu pai me levou á miña primeira manifestación

Non tería máis de 5 anos cando meu pai me levou á miña primeira manifestación.

“Adoutrinar”, dirán algúns, e atreveríame a apostar que eses “algúns” son, probablemente, os mesmos que bautizan aos seus fillos ó nacer, sen lles dar tempo a crecer e opinar, a decidir en que crer.

"Temos dereito de liberdade de pensamento, consciencia e relixión, temos dereito de expresión e a compartir o noso punto de vista con outros"

Eu, aos meus 5 anos, xa aprendera grazas aos meus pais, mestres e mestras o que eran os dereitos; aprendera tamén que todas/os os temos e mesmo que as/os nenas/os tiñamos uns especiais. Ensináronme que a chamada Declaración Universal dos Dereitos dos Nenos di que temos dereito de liberdade de pensamento, consciencia e relixión, temos dereito de expresión e a compartir o noso punto de vista con outros. Tamén, temos dereito á saúde e dereito á vida.

Aprendín, á mesma idade, que hai unha Declaración Universal dos Dereitos Humanos, unha declaración que fala de igualdade e liberdades de todo tipo, que prohibe que sexamos sometidos a tratos inhumanos, crueis ou degradantes e que, ademais, garante a nosa liberdade de expresión e impide que sexamos importunadas/dos a causa destas. Mesmo, explicáronme, outros artigos desta declaración falan de igualdade ante a lei e do dereito á seguridade social.

Meus pais explicáronme todo isto, explicáronme a importancia destes dereitos e o porqué da súa existencia.

Meu pai, antes da miña primeira manifestación, encargouse de contarme como alguén quería quitárnolos e que tiñamos que loitar para que isto non acontecera. Contoume tamén canta xente loitara ata o final da súa vida para que nós puideramos gozalos e por iso non podíamos permitir que nos fosen roubados. Que indignada me sentira ao enterarme de todo isto!

"Berrei por aquela xente que xa non estaba mais loitara por nós"

Non necesitaba saber máis, entendérao todo, e, da man do meu pai, cheguei ata esa multitude de xente que berraba. Berraban cousas que eu non chegaba a entender por completo pero que semellaban bastante lóxicas. Berrábanlle ao goberno e eu berrei xunto a eles. Berrei por aquela xente que xa non estaba mais loitara por nós. Berrei polo que me ensinaran, por eses dereitos que crera que sempre estarían. Berrei para acompañar os berros daquela multitude e berrei, sobre todo, porque cría niso.

Non sei se aquela, a miña primeira manifestación, logrou algo. A día de hoxe non chego a lembrar nin por que era. O que si lembro é aquela sensación, aquelas ganas de loitar e non deixar que xogaran con nós.

"Só acado a preguntarme que pasou e que ten que pasar para que este pobo esperte e recupere o lugar que lle corresponde"

Unha sensación que perdura a día de hoxe. Unha indignación que manteño ao ler os xornais e ver as novas na televisión; raiba e incomprensión polas accións dos nosos políticos e raiba, sobre todo, por un pobo que deixou de loitar.

Despois de tantos anos só acado a preguntarme que pasou e que ten que pasar para que este pobo esperte e recupere o lugar que lle corresponde. Un lugar que, se me permitides engadir, non é esmagado pola clase pudiente)

Acho que chegou a hora de saír as rúas e loitar. 

Comentarios