Opinión

A solución para As Pontes non pode ser máis privilexios para Endesa

O día 27 de setembro cun comunicado ENDESA anunciaba a “descontinuidade” da produción, que en realidade era o anuncio do fin do carbón nas súas térmicas do Estado español e concretamente das Pontes.

No comunicado expresaba con claridade os motivos do peche: o incremento dos prezos das commodities, é dicir do carbón, e a suba dos prezos dos dereitos de emisión do CO2. Isto produciuse despois de 5 meses de parada da térmica polos mesmos motivos. Á empresa non lle é rendible producir cos prezos actuais do carbón e dos dereitos de emisión do CO2.

E ante isto, a resposta do goberno galego é un novo episodio de facer política a prol dos privilexiados.  O PP propuxo eliminar o “céntimo verde” da planta de As Pontes, incrementar os pagos por capacidade e favorecer exclusións fiscais adicionais para que así os propietarios de ENDESA acaden lucro e rendibilidade. Estamos a falar das seguintes cantidades:

- Subida dos dereitos de emisión de CO2, que en agosto de 2017 estaban en 6,08 euros/tm e actualmente sitúanse nos 23,78 euros /tm.

- Nunha instalación como a de As Pontes que consume anualmente 7 millóns de toneladas de carbón de media, pode supoñer se consideramos o seu funcionamento normal pode supoñer un aumento de 120 millóns de euros anuais.

- O prezo da tonelada métrica de carbón estaba en 2015 en 58 euros, en 2017 en 88 euros e no 2018 rematou nos 107 euros.

- ENDESA importaba uns 4 millóns de toneladas anuais. O incremento do custo pola compra de carbón supón entre 80 e 200 millóns de euros dependendo da referencia temporal que tomemos.

- Estamos a falar dunhas diferenzas nos custes de produción que poden ser só no último ano duns 200 millóns de euros.

Alberto Núñez Feijóo foi moi claro na súa comparecencia en sede parlamentaria o pasado 9 de outubro: “Se sobe o prezo dos dereitos de emisión de CO2 o que debe facer o goberno é compensalo coa baixada doutros impostos”.

Nestes momentos non se está a ser honesto coa cidadanía nin se lle está a expoñer con claridade en que poden traducirse decisións como as tomadas no Parlamento de Galicia. Manter o actual modelo de explotación en As Pontes  coas medidas propostas por Feijóo supón ter que  anualmente decenas de millóns de euros, que oscilaría entre os 100 e os 200 millóns de euros anuais, con cartos públicos a ENDESA, mantendo así a actividade económica máis contaminante que temos nestes momentos en Galicia.

E aínda asumindo financiar con cartos públicos a actividade privada de ENDESA non habería garantías laborais de futuro. Precisamos cimentar un futuro sostible para as vindeiras décadas. Claro que debe ser unha esixencia pola nosa parte a urxencia dun Plan de Futuro con recolocación dos traballadores, así como garantir o futuro dos postos de traballo indirectos como son os camioneiros  (falsos) autónomos que traballan para ENDESA, e que defina novas oportunidades de emprego creadas a partir de novas formas de produción enerxética renovable e o desenvolvemento da tecnoloxía asociada áa dita produción.

O PP insiste en que o futuro só pasa por reinventar a propia central cando As Pontes emite un terzo das emisións de gases de efecto invernadoiro e está dentro das 20 industrias máis contaminantes da UE. Para nós o futuro enerxético está na xeración distribuída, moitos e pequenos producindo preto de onde se consume. É o modelo da democratización enerxética, que implica tamén a fin do oligopolio, que son os privilexios que neste caso segue a defender o PP. Non se trata só de carbón ou renovables, se non de se a enerxía segue en mans duns poucos ou pasa as mans da maioría.

Por iso non se poden repetir modelos caducos. A proposta Feijóo de financiar con decenas de millóns de euros máis ano tras ano a ENDESA, Iberdrola ou Naturgy non lles garante nada aos traballadores. Garante o lucro para os seus propietarios, beneficiarios bip das políticas deseñadas por PP e PSOE. Tamén garante que se incremente a factura da luz dos contribuíntes ao tempo que esas mesmas forzas protestan pola situación da industria electrointensiva.

Estamos diante do fracaso do modelo industrial de Galicia. Nestes momentos o noso país está inzado de conflitos laborais, o que afonda na inseguridade e na frustración de moitas. Precisamos un horizonte de transformación para a transición ecolóxica, sabendo que padecemos unha urxente emerxencia climática, como leva décadas denunciando o movemento ecoloxista baseado en informes e estudos científicos. Os que deron e dan as costas a ese problema son os verdadeiros responsables desta situación.

Abrindo este debate con seriedade e determinación, procurando repartir e non concentrar nuns poucos a riqueza é onde atoparemos futuro para os traballadores de As Pontes, para os camioneiros que agora están nunha situación de angustia, para Ferrolterra e para Galicia. Máis futuro para este país pasa por rematar cos privilexios de ENDESA e cos vendedores de fume de San Caetano, que venden falsas esperanzas mentres enriquecen con cartos públicos aos seus amigos.

Comentarios