Opinión

A forza da mobilización social

O luns tivo lugar unha vitoria da sociedade civil fronte á política privatizadora do PP, unha vitoria que non por parcial deixa de ter unha enorme importancia. A decisión xudicial de decretar a suspensión cautelar do proceso de privatización de seis hospitais públicos na Comunidade de Madrid, desestimando todos os recursos do goberno rexional e das empresas adxudicatarias, ten moito que ver coa loita desenvolvida pola sociedade madrileña que, cos sectores profesionais da asistencia sanitaria á cabeza, vén esixindo na rúa –e con masivas mobilizacións- o mantemento dunha sanidade pública, gratuíta e de calidade.

Onte tivo lugar unha vitoria da sociedade civil fronte á política privatizadora do PP, unha vitoria que non por parcial deixa de ter unha enorme importancia. A decisión xudicial de decretar a suspensión cautelar do proceso de privatización de seis hospitais públicos na Comunidade de Madrid, desestimando todos os recursos do goberno rexional e das empresas adxudicatarias, ten moito que ver coa loita desenvolvida pola sociedade madrileña que, cos sectores profesionais da asistencia sanitaria á cabeza, vén esixindo na rúa –e con masivas mobilizacións- o mantemento dunha sanidade pública, gratuíta e de calidade. É un trunfo da razón fronte á especulación; un trunfo dos dereitos socias, do ben común, fronte ás pretensións de enriquecemento duns poucos. Como o foi tamén a vitoria dos cidadáns e cidadás do barrio de Gamonal en Burgos, que coa súa mobilización fixeron recuar ao goberno municipal no seu intento por levar adiante unha obra inxusta e innecesaria e da que ían tirar enormes beneficios os especuladores amigos.

"De non ter sido pola mobilización social, non se tería impedido a instalación dunha fábrica de papel tisú en Lourizán nin se tería conseguido condenar a ENCE e ELNOSA pola comisión dun máis que evidente delito ecolóxico continuado e por danos á saúde das persoas". 

E en Pontevedra temos tamén exemplos de cómo a cidadanía acaba impondo a súa razón na rúa e nos tribunais de xustiza, de cómo a mobilización foi quen de frear os intentos do poder por consolidar na Ría un modelo especulador e privatizador do ben común. De non ter sido pola mobilización social, non se tería impedido a instalación dunha fábrica de papel tisú en Lourizán nin se tería conseguido condenar a ENCE e ELNOSA pola comisión dun máis que evidente delito ecolóxico continuado e por danos á saúde das persoas. 

Pero estas “pequenas” vitorias puntuais son moito máis que iso; teñen que selo. Teñen que servir de exemplo tamén para toda a sociedade civil, que debe tirar conclusións. A cidadanía ten que tomar conciencia do seu poder, ten que saber da forza da unidade e da mobilización, algo que para moitas persoas pode soar a novo pero que sempre foi o motor que levou a mudar as cousas. 

"A mobilización social debe acabar por impoñer a racionalidade do saneamento e a recuperación da Ría fronte ao modelo económico da irracionalidade e da primacía do beneficio particular en detrimento do dereito xeral"

Sei que corren malos tempos; que os poderosos saben como utilizar a situación económica actual en beneficio propio; que saben como amedrentar e paralizar á sociedade civil axitando as pantasmas do paro e da destrución de emprego, para seguir impondo unha política que non persigue máis que o mantemento dos seus privilexios. A destrución do medio ambiente, da calidade de vida das persoas, dos recursos naturais e dos postos de traballo derivados da súa explotación racional, serán sempre “danos colaterais” da posta en práctica do seu modelo de industrialización, un modelo que quedou en evidencia ao non ser quen –tan sequera- de crear a riqueza e os postos de traballo que prometía.

Temos que saber que, por máis difícil que poida parecer a situación, a mobilización social debe acabar por impoñer a racionalidade do saneamento e a recuperación da Ría fronte ao modelo económico da irracionalidade e da primacía do beneficio particular en detrimento do dereito xeral, socialmente máis xusto e economicamente máis eficaz. Hoxe máis que nunca é necesaria a mobilización social. Por dignidade e por xustiza, a sociedade civil rematará por gañar a loita pola desaparición do complexo ENCE-ELNOSA da Ría.

Comentarios