Opinión

Voltar á Idade Media, non grazas

O Rei emérito fixo dúas regularizacións tributarias. Por 700.000 euros e por 4,5 millóns de euros. Fixo esas dúas regularizacións tributarias porque non estaba formalmente investigado pola fiscalía ou inspeccionado pola Axencia Tributaria. Fixo esas dúas regularizacións porque as dúas institucións con maior poder de inxerencia e gravame nas vidas e facendas dos cidadáns miraron para outra parte. 

Estas regularizacións realizáronse en 2020 e 2021, anos despois da súa abdicación, e por tanto, cando só conserva o seu privilexio de aforado, mais non a inimputabilidade pola súa condición de monarca, o que o salvou das responsabilidades penais no escándalo da percepción das comisións do AVE á Meca. 

A cidadanía española (e a prensa estranxeira) está atónita ante semellante e insólita conduta. O noso país ten cotas de economía mergullada de máis do 20% do PIB, o dobre da media europea. O dano reputacional ao deber xurídico e moral de contribuír ao sostemento dos gastos públicos é incalculable. A gravidade da conduta acrecéntase pola identidade das dúas institucións involucradas: dúas institucións esenciais en democracia e que ostentan os maiores poderes de inxerencia na esfera patrimonial e persoal dos cidadáns que poden verse arruinados patrimonialmente por unha e privados de liberdade deambulatoria por outra.

Adicionalmente o prexuízo para as arcas públicas é notorio: as multas establecidas no artigo 305 do Código Penal (CP) son do tanto ao séxtuplo: máis de 24.000.000 euros. E, segundo parte da doutrina, a regularización voluntaria do artigo 305 CP podería impedir a posterior persecución do delito de branqueo de capitais regulado no artigo 301, que contempla multas do tanto ao triplo. En definitiva, o grave dano causado por esa conduta omisiva de senllas institucións consiste un ataque mortal ao principio de legalidade tributaria. 

Cómpre recordar que tras moitos séculos de escuridade, no ano 1.188 no Reino de Asturias, Galicia e León creouse a primeira constitución medieval. O imperio cultural anglosaxón fai pasar por primeira constitución a Carta Magna que os nobres ingleses fixeron asinar ao príncipe Xoan Sen Terra, no ano 1.215. Todos fomos nenos e lembramos a película de Disney, onde uns bandoleiros bondadosos, escondidos nos bosques de Sherwood, de nome Robin Hood, Little John e Fraile Tuck, roubaban aos recadadores de impostos do pérfido príncipe Juan para repartir o botín entre os pobres. 

Pero o certo é que o mérito á primeira constitución medieval non é inglés, senón astur, galaico e leonés: ese mérito corresponde ás Cortes de León de 1188, é dicir, 27 anos antes de que se promulgase a Carta Magna. 

En 2013 a Unesco recoñeceunas no Programa Memoria do Mundo como "o testemuño documental máis antigo do sistema parlamentario europeo".

As Cortes constituíronse co clero, a nobreza e os representantes das cidades Nelas recoñécese a inviolabilidade do domicilio, da correspondencia, a necesidade de convocar Cortes para facer a guerra ou declarar a paz, e para impoñer tributos. Nacera o principio de legalidade tributaria. Os impostos impóñense e recadan de acordo cunha lei aprobada nas cortes, suxeita ao principio de igualdade. 601 anos antes do principio de legalidade penal, que require dunha lei escrita e aprobada nas cortes para tipificar un delito, xa nacera o principio de legalidade tributaria. 

Por iso, cando a fiscalía e a Axencia tributaria, en lugar de procesar o rei emérito por delito fiscal, miraron para outro lado, non só torceron o morro; tamén devolveron ao pobo español á idade media. Por iso a Asemblea Republicana de Vigo interpuxo a querela contra a Fiscalía e a Axencia Tributaria. Porque non queremos que nos devolvan á Idade Media.

Comentarios