Opinión

Be Water

Comecei a escribir Be Water (Cuarto de Inverno, 2019) cando aínda nin se chamaba así por mor dun certame cuxa temática tiña que ser a auga. Para min supuña un reto, coller un elemento tan básico e tan cotiá e contar algo sobre el que puidese ser interesante. E é que a auga, sobre todo nun lugar como Galicia, é un ben no que, por abundante, moitas veces nin reparamos. Construímos encoros para ter subministro, canalizámola para levala ás casas, bebémola e comémola en diferentes alimentos a diario. Está aí sempre que a necesitamos, a billa non detén o seu fluxo ata que se pecha. Pola contra, o ouro —escribía esta novela mentres nas rúas pechaban a moreas os negocios do Compro ouro que abriran durante a crise. Nunca subestimes o poder do subconsciente na escrita dunha novela— ten o valor que ten en parte grazas á cantidade limitada que del existe na Terra. Que pasaría, pregunteime entón, se coa auga acontecese outro tanto? Se houbese a mesma cantidade de auga que de ouro, quen ía preferir un colar ou un anel a un vaso do prezado líquido?

A partir de aí, as preguntas viñeron soas. Como se sobrevive nun mundo sen auga? Que pasa coas concesións dos mananciais que existen? Non se supón que a auga é de todas, un dereito universal? Como sería pagar con auga, se esta fose o ben máis prezado da humanidade? E, sendo eu muller que sofre a menstruación unha vez ao mes, a pregunta que máis me atormentaba de todas: como pode alguén asearse nesas circunstancias?

As diferencias de xénero existen no mundo con auga no que vivo e así se evidencian neste hipotético mundo sen ela. Coido que a presentación da novela, Iolanda coa súa filla de case un ano no momento en que lle vén a regra e case non ten auga nin para beber, non digamos xa para lavar e asearse, é unha das cousas que fai que Be Water pareza crible. Ese futuro xa é agora. Na Colmea, estrutura soterrada onde viven os habitantes da Terra tras o Gran Cataclismo, estipúlanse os cobros de auga segundo o sexo: bioloxicamente, un home con características equivalentes ás dunha muller necesita máis líquido ca ela, así o din todos os manuais sobre nutrición consultados. Tamén aparecía o caso das embarazadas, que necesitaban máis que as que non o estaban. Moi ben, díxenme, pois póñolles medio litro máis a eles e un incremento proporcional a elas no caso de estaren preñadas. E entón pensei nos ventres de alugueiro. Que é o que fai que alguén queira pasar por iso? Hai algún caso, ínfimos, de mulleres que xestaron no lugar dunha filla ou unha irmá. Hai tan poucos que xa non lembro se son inventados. E logo están as máis: as que usan o seu útero porque non teñen outra cousa coa que comerciar. Se iso pasa na realidade, por cartos, como non ía pasar na Colmea por auga?

Xamais se me ocorrería a historia de Be Water de non ser por aquel certame cuxa temática era a auga. Nos últimos tempos escoitei algunha crítica sobre os concursos literarios “con apelido”. Certame de Fulano Mengano de Igualdade, certame de Pepiña Pérez do Rural, certame de Mortadelo Morcego de Igualdade. Para min, pola contra, son uns excelentes disparadores creativos. Be Water ía para libro sobre a auga e rematou por ser moito máis, tocando outras temáticas que tan sequera era quen de imaxinar cando comecei a escribilo: a desigualdade de xénero, mais tamén de riqueza; a estratificación cada vez máis ríxida da sociedade —coma esa pirámide da Idade Media que a todas nos explicaron na escola—; a degradación do medio ambiente por parte dos seres humanos e a mercantilización duns recursos que, en teoría, son de todas... Nin eu mesma sei como rematei escribindo sobre iso con tan só unha palabra: auga.

O apelido dun certame non estipula se a novela que premiada é boa ou mala, iso só o poden dicir as lectoras, os lectores e a crítica, que aquí a opinar viñemos todas. Baste dicir que o meu relatiño sobre a auga non gañou, e que grazas a iso reescribín a historia e Be Water veu a luz coma o que agora é: unha novela que en 2022 terá unha segunda parte. Grazas a todas as persoas que ma pedistes: sen vós, a auga seguiría sendo só iso, auga.

Comentarios