Opinión

Ser moza, muller e galega supón unha triple discriminación

"D'aquelas que cantan as pombas e as flores, todos din que teñen alma de muller, pois eu que n'as canto, Virxe d'a Paloma, Ai!, de que a terei?" Así cuestionábase Rosalía nos seus tempos ao verse lonxe dos estereotipos establecidos no romanticismo. 

"D'aquelas que cantan as pombas e as flores, todos din que teñen alma de muller, pois eu que n'as canto, Virxe d'a Paloma, Ai!, de que a terei?" Así cuestionábase Rosalía nos seus tempos ao verse lonxe dos estereotipos establecidos no romanticismo. Daquela non sabía de que tiña alma e hoxe todas as mozas galegas sabemos que de precursora do feminismo galego. Aínda que na maioría dos libros de texto de ensino primario e medio é a escritora chorona do Romanticismo. As que nos adentramos na súa vida e obra coñecemos que detrás de tantas bágoas e morriña agóchase unha loita continua contra as inxustizas ás mulleres galegas e a identidade de Galiza, hoxe por desgraza, bastante vixentes. O Estado español e a sociedade colonizada négannos o dereito de autodeterminación, mais nós, incansabéis loitadoras, decontado, pisaremos terra liberada.

A nosa loita feminista non é de fai catro días, foron moitas as mulleres que reivindicaron melloras e igualdade para todas ao longo da historia de Galiza, mais a súa invisibilización por parte das institucións e os medios masmedia é de traca. As que participamos activamente e compartimos tempo e espazo con diversas mulleres concienciadas do atraso ao que estamos sometidas, sabemos que nesta frente todas somos necesarias e imprescindibles se queremos avanzar e conquerir un mundo onde todas e todos teñamos os mesmos dereitos e oportunidades, xuntas somos quen de até parar reformas de lei, no mes de decembro enchemos as rúas de indignación e berros. Conseguimos frear a reforma da lei do aborto, un novo intento por parte da dereita reaccionaria de desposuírnos do noso dereito, a decidir, mais ficando alerta á posible aplicación de consentemento materno/paterno ás mozas de 16 e 17 anos que queiran decidir sobre o seu corpo. Decidimos todas! 

Formar parte dun colectivo onde nós somos as que falamos, decidimos, compartimos, loitamos e vencemos batallas diarias ao patriarcado é unha dose grandísima de forza e autoestima, sen dúbida. Síntome moi orgullosa de todas as compañeiras de reivindicacións destes últimos anos, de todo o conquerido, mais téñense que incorporar moitas máis, todas as galegas deben implicarse nesta batalla colectiva.    

Ser moza, muller e galega supón unha triple discriminación. Nacemos nun mundo aínda deseñado a medida polo patriarcado, onde a pesares de maior concienciación, edúcannos baixo patróns establecidos difíciles de erradicar, fannos estudar para ser coidadoras, educadoras, ou operarias en precariedade que intentan conciliar a súa vida laboral ca familiar, a maioría das veces imposible, e finalmente as mulleres vémonos na obrigación de decidir entre a nosa carreira profesional e a familia. Sen esquecernos do calvario polo que todas pasamos algunha vez nos nosos postos de traballo: discriminación salarial, acoso laboral e sexual, imposibilidade de conciliar, contratos temporais "lixo", falta de recoñecemento de titulacións, etc... Por se fose pouco, ademais de todo isto, vivimos no País da emigración: Se escolles formarte, ao rematar os estudos: titulos e maletas, se decidides entrar no mercado laboral: precariedade e maletas, se es emprendedora e decides traballar por conta allea: débedas e maletas. Todas as posibilidades que temos as mozas galegas son as maletas e arriar polo mundo de impulso aventureiro e mobilidade exterior. "Iste vaise i aquela vaise e todos, todas se van; Galicia sin homes e mulleres quedas que te poidan traballar." A historia repítese, mais os tempos son chegados e se o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega e o 1 de maio, Día do Internacionalismo Proletario saímos á rúa como clase obreira defendendo os nosos dereitos e as nosas conquistas laborais, o 8 de marzo debe converterse no día de loita de todas as mulleres traballadoras e non nunha homenaxe estéril ás que nos teñen tan afeitas as institucións. 

Comentarios