domingo 11/04/21

Neofalante

Véxome outra vez na necesidade de compartir algunhas opinións referentes ao meu idioma, o galego nacional, do que –recoñézoo– son neofalante por decisión repentina adoptada hai cousa de cincuenta anos.

Lonxe da miña intención invadir campos específicos de expertos, pero a proxección social e política do idioma é asunto apto para todos os públicos. Non preciso ser físico titulado para asegurar que se me chimpo desde o sexto andar da miña vivenda, esmendréllome, aínda ignorando os newtons do impacto.

Pois tamén no tema do idioma percibo que imos lanzados a velocidade uniformemente acelerada cara ao trompazo final, cuxos efectos serían de envergadura suficiente para desartellar a estrutura nacional de Galicia, por iso de que “se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”.

Veume este pensamento tras a lectura dun recente artigo de Pilar García Negro, no que desacredita a pertinencia do termo neofalante aplicado ao caso galego, mais non porque en Galicia non haxa falantes ex novo, senón ao contrario, porque –segundo a autora– tamén aqueles que accederon a el por vía hereditaria e consuetudinaria e o usan desde sempre, en canto pasan a facelo conscientemente convértense en tan neos como os que o adquiriron por aprendizaxe.

Debo discrepar. A sorprendente afirmación abre a porta a un camiño sen saída: o de lexitimar todo experimento a que se someta o noso idioma, coa escusa de non existir un galego popular e patrimonial (o galego común estudado por Carballo Calero), pois todos eses falantes que forman parte da tradición milenaria da transmisión directa non estarían facendo uso dun idioma, senón dunha “fala” invertebrada. O galego xa non ten historia; hai que inventalo. Entón, efectivamente, de ter éxito tal cousa (unha quimera), todos seríamos neofalantes dese invento.

Deixando a un lado que a fin de contas todo idioma é unha fala adoptada por unha nación, o que agora pretendo é confirmar a existencia de neofalantes e de falantes naturais do galego.

E afírmoo ante todo porque salta á vista con percepción clara e distinta, método aceptado por Descartes como criterio suficiente de certeza: eu mesmo son neofalante. Na miña casa non se falaba galego e un bo día eu decidín facelo. Tiven que aprendelo, lendo toda a literatura ao meu alcance e falando coa xente; con eses que falaban o galego “mamado”, práctica alimentaria que cría un idioma robusto. E coma min milleiros de novos falantes (ou sexa, neofalantes).

É verdade que a meirande parte dos falantes naturais padecen os efectos corrosivos da diglosia, vertente do autoodio, mais non se trata dun “virus” inoculado nas estruturas do idioma, senón das feridas infrinxidas pola desproporcionada acometida do castellano no longuísimo proceso da dependencia. Afecta ao uso do idioma, pero pouco (ou polo menos lentamente) ás súas estruturas internas, que o falante mantén con sorprendente integridade nos campos da fonética, da sintaxe e do léxico patrimonial. Feridas doadas de curar de acadarse unha situación de normalidade (política, social, lingüística). Superando a diglosia non se converte en neofalante; o que se produce é a normalización do uso.

Polo contrario, o virus estase estendendo mediante a homologación doutra diglosia complementaria da anterior e converxente con ela nos efectos finais: a que pretende reducir o galego ao nivel de fala menor dentro doutro sistema, neste caso o portugués, infectando o galego con termos alleos, inasumibles para o falante natural, fomentando a falsa idea de existir un paradigma culto (o portugués, paveramente chamado galego internacional) do que o galego (o nacional) vén sendo unha forma dialectal, válida para o uso doméstico ou local, pero non para máis altos cometidos. Pura diglosia!

A diferenza da outra, esta contáxiase de maneira subrepticia. É un virus mutado, devastador e difícil de combater, porque antes de nada cómpre identificalo.

Temos idioma propio, sustentado nunha aínda forte implantación popular, acrecentado por unha potente tradición literaria e de fácil acceso para todos. Ningún outro pode ocupar o seu lugar. Comprométenos a obriga histórica de dignificalo como o noso idioma nacional.

comentarios