Opinión

Relatos de Pascua

"O perigo da historia única" é o título dun discurso (TED Talk) da escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adiche: "Sempre tiven a impresión de que é imposible coñecer debidamente un lugar ou unha persoa sen coñecer todas as historias deste lugar ou desta persoa. A consecuencia do relato único é a seguinte: privar as persoas da súa dignidade. Dificultarnos coñecer a nosa común humanidade". Estas palabras resoan na miña memoria dando razón á miña experiencia con Guinea Ecuatorial e o feito de ser familia acolledora. Deste pequeno territorio africano, que lle outorgou Portugal a España no 1778 e que foi colonia española dende 1883 ata independizarse no 1968, pouco sabemos. A maioría das persoas esquecemos  a historia que nos uniu. Algo de importancia tivo cando un dos seus idiomas oficiais é o español.   

Coñecín algo desta historia a través da Fundación NEPP de Barcelona. O fundador desta ONG, Domingo Ribas, colaboraba como médico nunha leprosería sita en Micomiseng, onde vivían enfermos e, nalgúns casos, tamén as súas familias. Alí bateu cunha nena de dez anos, Alivis, afectada de tuberculose ósea, cunha deformación na columna que lle condicionaba  a mobilidade. Ao non poder ser tratada  no seu país, formularon a posibilidade de operala en Barcelona e posibilitar a súa recuperación. A súa familia aceptou. Non dispuña de medios para afrontar tratamentos nin coidados. A vida da nena antes de vivir na leprosería foi a de andar coa nai dun lado a outro buscando a subsistencia diaria, sen poder escolarizarse. Só en casos moi especiais a ONG NEPP tomaba  a decisión de  trasladar nenas e nenos por cuestión de saúde. No proceso intervimos nós, como familia de acollida. Neste caso ía ser como mínimo un ano. Había que facerse cargo de todas as necesidades que a estancia implicaba. Atención médica, escolarización e necesidades básicas. Tendo en conta que case non asistira á escola en Guinea, o proceso de adaptación foi duro e precisou de moito reforzo escolar. Durante este tempo chegou outra nena guineana para operarse. Estivo dous anos coa nosa familia e despois volveu ao seu país. No caso de Alivis, solicitou á súa nai que a deixase quedar para continuar estudando xa que sería difícil poder facelo se regresaba. Aceptada a proposta iniciáronse os trámites de acollemento de longa duración. Finalmente, estivo seis anos na nosa familia nos que non se resolveu o trámite de acollemento ata dous meses antes de que cumprise a maioría de idade. É dicir, pasou seis anos en situación ilegal. Ao cumprir 18 anos, xestionouse un permiso de residencia que lle foi concedido por un ano, grazas a estar estudando. Pouco despois súa nai biolóxica enfermou e Alivis regresou a Guinea para coidar dela. Caducoulle o permiso de residencia e cando quixo volver a España, porque as súas circunstancias empeoraran, non lle permitían saír do país. Solicitou un visado que lle foi denegado continuadamente durante seis anos. Despois de pagar varias veces conseguiu regresar a España e reincorporarse á nosa familia, o que lle posibilitou afrontar o futuro para ela e máis para o fillo que tivera. Empezou de novo os trámites para obter o permiso de residencia. Todo un viacrucis que durou cinco anos debido aos diferentes atrancos que lle poñían, sen ter conta de todo o tempo que vivira con nós. Foi fundamental a  axuda prestada pola ONG Teranga e a persoa que lle fixo un contrato de traballo por un ano, difícil de conseguir para calquera. Mentres, o seu fillo, nado en España, de 5 anos xa, é un neno "sen papeis" .

No traballo social, existe colaboración entre Administración Pública responsable de prestar servizos, ONG especializadas e voluntariado, de cara a acadar resultados que melloren a vida das persoas. A burocracia é o principal atranco. En tempo de Pascua quero pensar que é posible que desaparezan obstáculos cando hai vontade política. Queda demostrado na rapidez con que se tramita unha Tarxeta Básica para persoas en extrema vulnerabilidade e tamén o permiso de residencia e traballo para as refuxiadas ucraínas. Alégrome, esperando que poidan resucitar outros expedientes que quedaron enterrados.                            

   

Comentarios