Opinión

Non me veñan con contos... da historia

Foi George Orwell quen nunha das súas columnas para a revista británica Tribune, escribía aquela coñecida frase que hoxe vemos ata nas cuncas de Mister Wonderful, "A historia escríbena os vencedores". Nos tempos de globalización que nos toca vivir podemos saber que está a facer no mesmo momento calquera celebridade do outro lado do Atlántico, pero a nosa propia historia non está no Instagram, e como nos descoidemos un pouco máis xa nin figurará nos libros de texto dalgunha optativa perdida da ESO.
Con propia historia refírese un á historia dos que non foron vencedores coma para escribir, moitas veces nin tan sequera para aprender a facelo. En definitiva, a tradición do pobo e dos nosos antergos, que aínda que presente para unhas xeracións, é totalmente descoñecida para o mal alcumado "futuro do país". Futuro poida que si, pero do país dende logo que non, pois o desleixamento do propio faise cada vez máis presente nas novas xeracións, e o autoodio está por declararse mal endémico da terra dos alalás.

Quen escribe estas liñas non ten máis que dezasete primaveras e estuda Bacharelato e non hai mellor estudo demoscópico do futuro que analizar a microsociedade dun instituto. Nesta microsociedade a relixión predominante é unha absurda nota de corte da ABAU, e iso fai que cando un profesor de Historia de España menciona que na Galiza tamén tivemos unha primeira república o sector máis ortodoxo proteste insistentemente que iso non comulga coa doutrina da sacra selectividade. E coma este, miles de exemplos máis, que rozan o absurdismo.

Descoñecer a nosa historia ten graves consecuencias, moitas inmediatas. O resultado de ser un pobo emigrante debería ser, sen dúbida, ter unha empatía colectiva cara todos os migrantes que intentan entrar en Europa. Mais como a gran maioría ignora o que padeceron en América e despois en Europa os seus devanceiros, séntense ameazados por estes iguais. Se soubesen o que o minifundio trouxo ao país durante séculos non defenderían valados, tapias nin cancelas.

A nosa cultura leva décadas sendo folclorizada, no peor sentido da palabra. Os gobernos desbotan a propia tradición e prefiren apoiar outro tipo de iniciativas máis "innovadoras". E o que lle queda ao propio é relegarse ás asociacións culturais do país, que practicamente sen apoio intentan difundir o noso acervo cultural. Con todo, a solución a estes problemas non é tan só investir en cultura de calidade e dar un verdadeiro apoio económico. O importante é formar e concienciar o pobo de que o seu patrimonio inmaterial ten un valor incalculable e que é misión de todos conservalo.

A nosa historia non só son os saberes, as tradicións e a cultura, tamén o patrimonio físico. Por desgraza este aínda se coida menos, outra vez máis polo descoñecemento e polo pouco que se dá a saber da arquitectura popular. Un servidor escoitaba a dúas persoas falar diante dun afamado mosteiro picheleiro acerca do horrenda que estaba a súa fachada caleada de branco, do "auténtico" que estaba antes en pedra. Se alguén se molestara en ensinar á xente as diferencias entre un muro de cantería e outro de cachotería, o que cuestionarían sería a moda de deixar a pedra á vista, que só dá problemas de humidades. Non é boa idea cuestionar os arquitectos do pasado, que si tiñan en conta a historia, e traballaban co espazo e co clima.

A globalización fai de amplificador da historia dos vencedores para, unha vez máis, mudar o propio polo foráneo. No século XIX desbotouse o traxe tradicional pola moda europea, no XX os tellados cambiáronse por lousa imitando as casas alpinas e no XXI ás regueifas chámanselle batallas de galos. O inimigo do propio non é o estranxeiro, non se trata de realizar unha purga, senón de pór en valor o que temos para poder seguir sendo, non só consumindo. Esta angueira non lle corresponde aos docentes da secundaria, e menos aínda é culpa do seu alumnado. É un drama social que deben afrontar os poderes políticos e a sociedade en conxunto. Para que a nosa historia e, en definitiva, nós cheguemos aos que virán despois debemos conservar o que se nos deixou en herdanza durante séculos. A nosa historia silenciada merece ser contada e sobre todo merece contarse ben, pois non é ficción, é a nosa realidade, a realidade pasada que vive en nós e por nós. A historia dos vencedores tivo xa moita cota de pantalla, agora tócalle á nosa historia, tócanos a nós.

Comentarios