Opinión

Cultura underground

De Juan Piñeiro din que posúe unha vasta cultura

De Juan Piñeiro din que posúe unha vasta cultura. “É un home progresista; coido que políglota; le moitos libros e sempre na súa lingua orixinal ”. Esa foi a información telefónica fornecida por una amiga común... 

Presentáronmo hai aproximadamente un mes e quedamos nunha libraría para falarmos dunha eventual colaboración profesional. Acodín á cita e atopeino revolvendo na sección de clásicos. Xusto despois de saudármonos, comezou a esbardallar sobre o “paletismo rampante” -esa foi a expresión que utilizou- nun país, onde non era posíbel atopar a un ilustre como Shakespeare na súa versión orixinal, é dicir, en inglés. Sorrín e concordei co ideal que suporía podermos ter acceso a unha literatura no idioma xenuíno no que foi escrita.  “Sería como rastrexar non só no mundo interior de quen escribe, senón na cultura propia da comunidade á que pertence” –engadín con entusiasmo. Neste punto, decidiu ollar fixamente para min. Trocou o castelán co que me falara até ese instante e pasou a un deliberado galego engolado para iniciar conversa relativa ao asunto profesional, motivo do noso encontro.

Antes de saír, Juan Piñeiro mercou un libro. Era El lápiz del carpintero do noso Manuel Rivas. Inmediatamente visualicei como o “paletismo rampante”, anteriormente invocado polo meu interlocutor, cabalgaba sobre un inmenso boomerang e lle estouraba na face.

Basta cultura.

A concelleira encargada dos mercados municipais dunha cidade galega está empeñada en “modernizar” a praza de abastos existente nesa súa vila. A concelleira soña coa foto da futura inauguración diante do que será o novo edificio “emblemático” –tal e como ela califica a futura reforma- e con tal fin contrata o proxecto a unha famosa multinacional, seica especializada neste eido. Por “modernizar”, a concelleira entende a simple reforma construtiva (o continente).  As cuestións referentes ao seu contido nin se lle pasan pola cabeza… Se acaso, a creación dun chamativo logo e… listo!

Transcorreron tres anos daquela foto ilustrativa dunha nosa concelleira autosatisfeita - e con ela de todo un goberno municipal-. Resultado: un “mamotreto” impersoal, igualiño aos que podemos contemplar nunha cidade tan lonxana como Memphis, mais inserido nun contorno urbano de grande personalidade autóctona: materiais construtivos foráneos pouco adecuados para o clima da cidade; pingueiras procedentes da cuberta … E respecto do interior, clamorosa  ausencia de sistemas de formación, xestión, planificación e marketing  precisos para unha boa comercialización dos produtos de calidade da terra. Escasa capacidade de atracción de oferta complementaria, propia da centralidade de tales espazos… En fin… Un desastre!

Inmediatamente visualicei como o “paletismo rampante”, anteriormente invocado polo meu interlocutor, cabalgaba sobre un inmenso boomerang e lle estouraba na  face

A concelleira viaxa agora convidada a Catalunya para asistir a un congreso especializado na remodelación de mercados municipais e fica muda frente a unha praza como a de Santa Caterina. Todo un exemplo de combinatoria entre tradición e modernidade. A destacar, o esplendor das súas cubertas, remedando as ondas do mar ao máis puro estilo gaudiano; a súa innovadora e eficaz xestión; a conversión dun entorno degradado en zona de especial habitabilidade e rendibilidade económica, por mor dunha nutrida afluencia turística ávida de contemplar espazos diferentes e con personalidade.

A concelleira retorna á súa cidade. Pensa en contratar unha empresa que adorne o exterior do citado edificio cun aquel motivador para eventuais visitantes. E dirixe os seus ollos a unha empresa de cerámica holandesa para darlle lustre á fachada cuns relevos baseados na mitoloxía grega, que lle custan ao erario un ollo da cara.

Hoxe, o xornal máis lido da cidade, abría cunha enorme foto a súa portada. Nela, podíase ver ao Alcalde coa eficiente concelleira ao seu carón. A máxima autoridade a ollar para o grupo da oposición municipal e o rictus autocompracente nos labios a delatar a súa temperamental inclinación prepotente. Durante a inauguración do edificio, dous medievais maceiros franqueaban ridiculamente as portas da malograda praza de abastos.

Máis abaixo, na portada do mesmo xornal - case a pé de páxina- anunciábase que a nosa máis senlleira empresa especializada en artesanía de cerámica industrial – Sargadelos- entraba en concurso de acredores.

Cosmopolitismo.

Carme Celas, propietaria dunha tenda de mobles na cidade da Coruña, flipa con Praga. Alá viaxou xa en dúas ocasións e pregoa que nesta Semana Santa vai recuncar. Unha cidade con tanta personalidade convida a pasear polas súas rúas “cheas de historia”… afirma, en estudada pose evocadora, tal e como recitan os catálogos turísticos desa fermosa urbe… 

Carme Celas, propietaria dunha tenda de mobles na cidade da Coruña, flipa con Praga. Alá viaxou xa en dúas ocasións e pregoa que nesta Semana Santa vai recuncar

Iso si, Carme Celas aínda non cruzou a Ponte Pasaxe para desfrutar dun reparador paseo pola Muralla de Lugo, esa cidade “tan triste e provinciana” –repite, invariábel-, desde que lle ouviu semellante frase a un deseñador de moda instalado no edificio máis cool do seu barrio.

Mainstream.

Pepe Lago, militante do PP, di que os nacionalistas galegos son moi cerrados; que están ensimesmados e que o nacionalismo se cura viaxando -frase que aprendeu do seu perspicaz xefe de filas- … Por iso el viaxa todos os veráns por España, facendolle honra á marca idem. Á súa muller dálle polo exotismo e gosta da alta cociña de deseño; a ser posíbel xaponesa. El tenta adaptarse; mais ao segundo día, comeza a deambular polas rúas da localidade de turno, na procura do consabido restaurante galego, porque onde se poña un polbo á galega ou un bo caldo -aínda que for en verán-, non hai nada…

Turismo…

Ernesto Vázquez cumpriu antonte 50 anos. Moitos foron os parabéns recibidos persoalmente polo seu aniversario (a Deus grazas, os seus amigos non habitaban no Facebook). A celebración tivo como colofón un multitudinario xantar-enchenta sufragado por el. E é que Ernesto Vázquez é un home de posíbeis. 

Segue a gobernar o mesmo partido político e Ernesto a chuchar das subvencións das institucións

Un día alá atrás, recén obtido o graduado escolar, chantou diante do seu pai e comunicoulle que non quería estudar máis. O seu proxenitor, falou co Alcalde da súa vila e ao pouco tempo entrou a traballar no concello de auxiliar administrativo. A ousado non había quen lle gañase e listo era como un allo, así que aos vintedous anos foi nomeado xerente dunha cooperativa agrícola, integrada por mil cincocentos cooperativistas. Milagrosamente, a antedita sociedade perdurou e Ernesto Vázquez converteuse hoxe nunha referencia vilega, ademais dun home adiñeirado. Os logros, iso si, cativos: vinteoito anos de cooperativismo e cero produto elaborado. Nin queixos; nin iogures … nada de nada!. A cambio da suor e o traballo, unhas negociacións imposíbeis cunha voraz industria láctea e unha inexistente industria agroalimentaria capaz de crear postos de traballo para unha vila que, paseniñamente, se desertiza e expulsa a mocedade cara ao que semella unha fatídica e recorrente emigración. Iso si, todo controlado. Segue a gobernar o mesmo partido político e Ernesto a chuchar das subvencións das institucións para instalar, agora un economato; agora unha gasolineira para o autoconsumo das persoas integrantes da “súa” cooperativa… Todo iso en claro menoscabo económico das micro-empresas locais, ás que lles detrae clientela.

Mais, tutti-contenti. A connivencia na improdutividade reforza o poder do vello caciquismo e Ernesto sabe que a xeración dunha industria cooperativa esixiría dunha xerencia cualificada que o deixaría sen tan lustroso posto. Por iso, a xestión da miseria é a mellor solución para a súa queda e para o omnipresente sistema caciquil ao que serve e do que se serve.

Previsíbel impaís.

Cultura underground.

Comentarios