Opinión

De “ayatollahs”, pirolas e democracia

Coñecín a Siniestro Total por razóns estritamente familiares, non polo meu gusto polo punk-rock. Como os meus recursos eran escasos había que escoitar o que había. Había moito de Siniestro Total. Recoñezo que despois de moito insistir acabou por gustarme, a pesar de non compartir moita da linguaxe ou mensaxes empregadas polo grupo vigués. Son consciente da crítica mordaz e  inconformismo que pretendían transmitir. Seguramente por iso, non deixa de sorprenderme que sexan referencia das intervencións do PP no Parlamento, concretamente a coñecida “ayatollah no me toques la pirola (más)”.

"Un Parlamento máis cativo é funcional para o discurso que cuestiona a democracia. É tamén contribución do PP galaico ao discurso centralizador que abandeira o PP"

A cita podería ser mera anécdota, exabrupto no fragor do debate ou saída de ton, de non darse nun contexto concreto no que zoan tempestades que desacreditan a democracia e favorecen o caldo de cultivo de saídas autoritarias. Temos expresións abondosas desta deriva. A última, o Proxecto de Lei de Seguridade Cidadá. Por certo, non deixo de pensar no sarcasmo de quen titula ás leis do PP, a represión e recorte de liberdades é agora seguridade!. A manipulación habita na linguaxe, a democracia limitada non pode cualificarse como democracia.

Na Galiza, Feijóo e o PP tamén contribúen a esta tarefa. A proposta de recortar o Parlamento Galego é clara. Non ten a ver coa crise, é ideoloxía  en estado puro, golpismo legal. Un Parlamento máis cativo é funcional para o discurso que cuestiona a democracia. É tamén contribución do PP galaico ao discurso centralizador que abandeira o PP. Para que queremos un Parlamento Galego? No fondo, para este Presidentiño que padecemos, ben nos chegaría ser delegación do goberno central!

"A estratexia do PP é clara: deteriorar a imaxe pública do Parlamento, degradar as persoas que ocupan cargos de representación directa".

Mais os recortes na democracia e a centralización precisan tempo para consumarse. Temos denunciado moitas veces como se deteriora un servizo publico -ou arruína unha empresa pública- para logo xustificar a súa privatización ou peche. É unha historia vella e repetida. A mesma sensación teño co Parlamento Galego. A estratexia do PP é clara: deteriorar a imaxe pública do Parlamento, degradar as persoas que ocupan cargos de representación directa. Consumado o proceso a eliminación será sinxela, case fenómeno natural.

Unha última aclaración. Que ninguén lea este artigo como loa acrítica a esta sistema. Tampouco defensa do Parlamento Galego na  súa configuración e papel político actual. Moito menos complacencia ante os erros que se cometen. Son evidentes as limitacións e carencias. Mais póñome a tremer cando vexo a unha suposta esquerda – radical ou non- colaborar e contribuír a desfeita. Non acredito que a radicalidade  sexa o insulto ou a mala educación, tampouco a soberbia. Mais quen sabe, seguramente estou trabucada. O público gusta máis de “ayatollahs” e “pirolas”... e eu, mais unha vez penso “menos mal que nos queda Portugal!”.

Comentarios