Opinión

Para a proximidade non hai fronteiras

Sentimos e vivimos en Galiza o fenómeno acontecido coas Tanxugueiras como noso. Emocionounos e fíxonos rebulir. Tocou vilas e cidades, galegofalantes e non. En moitas partes do Estado e na diáspora, persoas galegas e non galegas  tamén sentiron o fenómeno das Tanxugueiras como seu. E daquela, que hai na canción Terra e nelas para cinguir realidades tan diferentes e para emocionar tanto? 

A cosmopolitización maniféstase dende abaixo e pon en contacto realidades diversas a nivel universal

Hai propostas que querendo ou sen querer chegan a suceso insospeitado polo simbolismo a nivel mundial. Por que a canción Clandestino de Manu Chao, as de Anita Tijoux ou o Bella Ciao emocionan e sentímolas como nosas? Que une as Tanxugueiras co seu canto e proposta artística con tanta xente tan diversa e afastada? Posiblemente a proximidade. A proximidade da empatía, de ser mulleres de perto, a proximidade de velas como propias por traducir a tradición a unha proposta contemporánea que chegou a todos os públicos. A proximidade pola falla de prexuízos que existe en moitas persoas que vai alén do que diversas ideoloxías e ollares diferentes queren promover dende cotos centralistas e miserables odios cara o diferente. Porque seguramente a sociedade estatal, non só a galega, como individuos separados, tería menos prexuízos dos que pensamos se tivese igualdade de oportunidades, por exemplo, para aprender, escoitar, ter a posibilidade de coaprender as catro linguas cooficiais. Que fermoso e que rico sería, que destrutor de clixés, que integrador de realidades plurais. Entenderiamos moito máis as culturas propias ou doutras persoas, a historia común ou separada, porque entender ao outro é o primeiro chanzo para a tolerancia e o respecto entre os Pobos. Quero aprender galego, dicíame un amigo de Cuenca. Recibín moitas mensaxes estes días como seguro moitas e moitos de vós, como recibiron as galegas na revolución cibernética que se produciu co canto, co concurso, coa indignación. Dende Honduras vin a actuación no hall dun hotel en Tegucigalpa e xuntáronse vinte persoas a aplaudir ao escoitar. Non, non hai fronteiras cando algo toca. 

O sociólogo alemán Ulrich Beck diferencia entre o cosmopolitismo e a cosmopolitización. O cosmopolitismo imponse dende arriba e pretende unificar, como man do capitalismo. A cosmopolitización maniféstase dende abaixo e dende dentro na vida diaria e, a diferenza do imposto, imperativo cosmopolita, pon en contacto dende abaixo realidades diversas a nivel universal. Iso foi o que pasou con Terra, que rachou as fronteiras dos prexuízos pola proximidade do que se di, como se canta e toca por estas pandeireteiras cheas de vida; a lingua materna universalizada e entendida como motivo de orgullo e, sobre todo, a identificación que aconteceu cando unha inxustiza move os marcos a nivel sentimental. Por iso traspasou fronteiras territoriais, ideolóxicas, sociais e tamén mentais. 

Por que non podo aprender galego en Teruel, éuscara en Cádiz ou catalán en Galiza?

Queridas Tanxugueiras, fixestes moito por moita máis xente do que pensades, abrindo a nosa cultura ao mundo, tocando a pel da sensibilidade e a proximidade do auténtico, porque cando algo é de verdade, claro que non hai fronteiras. As fronteiras están nas mentalidades do capitalismo das hiperprodutoras, no negocio, no mercado da uniformidade, nos muros da incomprensión forzada para dividir as culturas. Co voso canto, co aturuxo universal vibraron moitas conciencias ao longo do Estado. Por que non podo aprender galego en Teruel, por que non podo aprender éuscara en Cádiz, porque non podo aprender catalán en Galiza? Preguntas que apareceron nos múltiples comentarios que provocou este fenómeno, que deixan latente os anceios de saber, a falla de prexuízos no individual que mencionaba antes, non condicionada polos estereotipos, permeable. A música segue, é tempo de tocar outra foliada para os Pobos.

Comentarios