Opinión

Galiza existe

Vimos de comprobar, coa resolución da Xunta Electoral do pasado martes, até onde chega o interese en ocultar o BNG nesta campaña electoral. Até que punto somos molestos. E até que punto é certo o noso lema: somos o voto que lles doe.

Vimos de comprobar, coa resolución da Xunta Electoral do pasado martes, até onde chega o interese en ocultar o BNG nesta campaña electoral. Até que punto somos molestos. E até que punto é certo o noso lema: somos o voto que lles doe. A decisión de amordazar o BNG, de vetar a nosa presenza nos medios públicos galegos, é un ataque antidemocrático sen precedentes na política galega, ao que estamos a responder con firmeza, rebeldía e dignidade. Non nos van calar. Somos molestos, sabémolo. E ímolo seguir sendo. 
 
Somos molestos porque dicimos abertamente NON á UE realmente existente. Porque levamos moitos anos dicíndoo, rompendo sen medos o consenso obrigatorio, cuestionando o pensamento único fronte a este europapanatismo dogmático no que vivimos e ao que contribuíron a grande maioría de forzas políticas do decrépito réxime español, de dereita a esquerda. Nós dixemos e dicimos NON, porque esta Europa do capital non nos vale. Estivemos en contra da entrada de España na CEE no 86, pola forma na que se negociou e as consecuencias que ía ter para Galiza. Estivemos en contra de Maastricht no 92. E pedimos o voto contrario ao Tratado para a Constitución Europea no 2004. Non cremos nesta Europa antidemocrática e antisocial na que goberna o diñeiro e obedece a política, un proxecto creado e orientado, desde as súas orixes, para servir aos intereses do grande capital, reducir os dereitos das persoas e limitar a capacidade de decidir dos pobos. Buscan emancipar as decisións económicas do control democrático. Buscan impoñer as políticas neoliberais que nos empobrecen como sociedade, transformando os dereitos colectivos en oportunidades de negocio e de lucro para uns poucos.

"A resolución da xunta electoral mostra até que punto é certo o noso lema: somos o voto qu elles doe"

A dependencia, un pésimo negocio

Somos molestos porque afirmamos, sen medos nin vacilacións, que a dependencia política da UE e de España é un pésimo negocio para Galiza. Esa dependencia, esa falta de capacidade para decidir sobre o noso, condena o noso futuro e couta as nosas posibilidades de nos desenvolver, económica e socialmente, a partir dos nosos propios recursos. Somos unha nación rica, cun potencial enorme en moitos sectores chave, e porén estamos a padecer un proceso gravísimo de desmantelamento industrial e desertización económica, cun impacto social que cómpre cuantificar máis alá dos números e das estatísticas. Mais os datos falan por si mesmos. Temos un 23 % de desemprego, máis de 100.000 mozas e mozos tiveron que emigrar desde 2007, 650.000 galegos e galegas viven en risco de exclusión social, hai 100.000 fogares nos que todos os seus membros están no paro, o proceso de declive demográfico avanza imparábel… 

Non é unha maldición divina. O saqueo de Galiza ten responsábeis, e estámoslles a facer fronte. Mais tamén ten punto final e resposta necesaria: a soberanía, a capacidade de decidir sobre o noso. A capacidade de garantirmos, a partir de nós mesmas, o dereito a vivir e traballar na propia terra, con dignidade. A capacidade para podermos desenvolver políticas ben diferentes, co centro nas persoas e non na banca. Políticas confrontadas ás hoxe imperantes, que nos chegan impostas desde a UE e son aplicadas -como bos criados do poder- polos gobernos español e galego. Gobernos e partidos, digámolo xa, que traizoan os intereses xerais dos seus pobos para atender as esixencias dos poderes económicos aos que serven, para os que traballan, que os financian e que finalmente os recompensan. 
Somos molestos, finalmente, porque se o BNG está, Galiza está. É máis que un lema de campaña. É percepción social asentada e tamén realidade contrastada e contrastábel. Galiza existe politicamente como nación cando ten representantes nacionalistas nas diferentes institucións. Galiza é visualizada como territorio con identidade propia, en Madrid e en Bruxelas, a través da presenza de voces propias, sen ataduras a forzas estatais, que fan valer os seus intereses. De aí tamén tanto interese en que o BNG non estea. 

Molesta o BNG porque molesta a existencia de manifestacións políticas independentes, autodeterminadas, libres, que sexan evidencia da propia existencia política de Galiza como nación. Non da Europa do capital, non da España monárquica ou federal, senón da vontade política dunha Galiza libre, democrática e social. Compárense os ataques que recibiu o BNG nesta campaña co trato que recibiron outros. Non molestan as retóricas baleiras, molestan as traxectorias e os feitos. Molesta a nosa vontade de seguirmos a ser un país en pé. 

"Non queremos ser marca branca de ninguén, non queremos nin precisamos tutelas de Madrid. Galiza pode". 

Nós dicimos NON, pero somos as do SI. As do SI a outra vida posíbel. As do Si a dar volta ás cousas. Ás do SI a aprender cada día, a mellorar cada día, a traballar cada día, a facer medrar cada día a nosa paixón por transformar o noso entorno, en claves de xustiza social, de benestar, de dereitos e liberdades. Somos galegas e galegos que cremos no noso país e confiamos nas súas capacidades. Non queremos supeditarnos a ninguén, ser marca branca de ninguén, non queremos nin precisamos tutelas de Madrid. Galiza pode. 

Somos das e dos agredidos por esta Europa do capital e por esta España que nos nega, mais non estamos derrotadas. Hai partido, porque hai quen non se resigna. O medo aínda pode, efectivamente, cambiar de bando. Para iso nos xuntamos, como as formigas –que canta Calle 13-, en espazos que estamos a comprobar que lles doen. Cunha campaña que está a romper o muro de silencio, feita sen créditos bancarios, sen envíos postais, con mordaza mediática… unicamente co esforzo e o compromiso do noso corpo social e o apoio das persoas e colectivos, valiosísimas, que conforman a plataforma Avante Galiza e o manifesto Os Pobos Deciden. No poden con nós, porque temos do noso lado a forza da Galiza que non se resigna, da  Galiza rebelde que quere ter futuro, da Galiza que sabe que, decidindo sobre o noso, defendemos o de todas e todos. 

Vivir quere dicir tomar partido, escribiu Gramsci nun artigo que é referencia nestes tempos. Hai gañas de responder ao poder que nos rouba e nos empobrece. Hainas na Galiza e tamén no resto do Estado, cos Pobos Deciden. Tomemos partido. Sexamos partisanas do presente, galegas e galegos libres que se rebelan, zapatistas do sur de Europa, pobo que se levanta. Frente ao casino europeo no que a banca sempre gaña, creemos escola de vida desde as persoas e os pobos, na defensa das nosas vidas e do noso futuro. O 25M, BNG – Os Pobos Deciden. Porque Galiza existe, aínda que lles doa, aínda que lles moleste.  

Comentarios