Opinión

O fenómeno Tanxugueiras

Vimos de asistir a un fenómeno non inaudito, mais si anómalo canto menos. A apertura de telexornais e diarios por grupos de música tradicional galega é un fito que ocorre como os eclipses totais, cada moitos anos. Durante un par de semanas non se falaba doutro tema. A palabra Tanxugueiras chegou ata o Parlamento Español.

Polémicas a parte, conseguiron unha ola de esperanza na música tradicional que se viu reflectida nas inscricións de novo alumnado a aulas de música e baile tradicional, xornadas, concertos... Sobre todo nun gran pulo de novos públicos que eran totalmente alleos á nosa música tradicional. E é que para min ese foi o gran premio que elas acadaron. Achegaren a música tradicional, evidentemente actualizada ao presente e a unha xeración que non vía referentes da súa idade na música tradicional levada a estilos completamente contemporáneos. Agora vemos mozos e mozas que soamente escoitaban música en inglés presumir de ser seguidoras das Tanxugueiras.

Tres mozas que veñen do asociacionismo cultural. Dun tecido vencellado á cultura de raíz. Que emprenderon o camiño dende a base, e con esforzo e traballo foron chegando ata onde era impensable. Tres mulleres fortes e libres, que hoxe colgan o cartel de cheo nunha sala en Galicia na que ata a data era impensable ter un concerto de pandeireteiras, ou festivais por todo o territorio do Estado Español. Ben certo é que hai que facer unha pequena matización xa que a meirande parte dos concertos son de grandes festivais, mais en territorios con linguas cooficiais nas que existe unha apertura de miras a nivel cultural e unha sororidade presumiblemente maior. Ogallá sirva de precedente para velas xirando por todo o mundo. Ogallá vexamos o día en que a nosa música sexa un fenómeno de masas.

Outros viñeron antes: Milladoiro, Leilía, Berrogüetto, Carlos Núñez... Era tempo de termos outras referentes novas. E ogallá veñan moitas máis.

Neste senso temos que salientar un detalle que a nós, como Asociación da Música e do Baile de Tradición Galega, non se nos pode escapar. Como comentaba anteriormente, elas teñen destacado en entrevistas o seu pasado dentro do asociacionismo. Debemos facer ver ás institucións galegas a inmensa tarefa que as asociacións están a facer en prol da creación dunha rede cun potencial inaudito e dun valor patrimonial excelso.

Fálase moito hoxe en día de grandes fondos europeos como os Next Generation para cubrir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, nos que algúns dos piares mais destacables son o rural, educación de calidade e inclusiva... Precisamos un compromiso real das administracións de cara a nosa cultura. Non só concertos de quen xa ten medios para conseguilos, que tamén, pero axudas para todos eses anos de compromiso desinteresado e altruísta acadado polas asociación culturais de base, que tanto teñen feito pola salvagarda, protección e difusión do noso patrimonio material e inmaterial. Precisamos fondos para impulsar un arquivo de material sonoro e visual como é o APOI, que non só dependa do bo facer de Concha, Sergio e un reducido grupo de traballo. Precisamos potenciar museos onde se recolla o noso traxe tradicional que tan rico e tantas variedades ten. Precisamos estudos regrados en máis puntos do territorio e a todos os niveis, para non termos que emigran para ter un mestrado en música tradicional. Estas e moitas outras son cousas que ven reivindicando a Asociación de Gaiteiras Galegas dende hai anos e que veñen sendo rexeitadas por unha administración que da as costas no día a día, pero que están en primeira fila para aplaudir cando ocorren cousas como o falado anteriormente.

Temos o deber como asociación de reivindicar todo ese coñecemento que nos teñen legado especialmente todas esas mulleres. Todas esas magníficas pandeireteiras e bailadoras que en moitos casos fan que hoxe en día sexamos  que somos. Porque si, somos a Asociación da Música e o Baile de Tradición Galega, ese sobrenome que engloba toda a nosa música e baile tradicional e que dende a  xunta directiva loitamos día a día  por manter viva.

Comentarios