Opinión

A (casta) castiza

Non é fácil transmitir a idea da condición periférica e dependente na que Galiza se insire no Estado español

Non é fácil transmitir a idea da condición periférica e dependente na que Galiza se insire no Estado español, e de como isto dificulta enormemente o noso desenvolvemento. A pesares de que en ocasións esta situación de dependencia reflíctese de maneira evidente, as máis das veces as manifestacións prodúcense de xeito moito máis sutil, camuflado entre as supostas “asépticas” leis de mercado -como é o caso que nos vai ocupar- o que dificulta unha percepción maioritaria desta condición.

A crise económica puxo en evidencia a existencia dunhas elites políticas e económicas que campan ás súas anchas no Estado español, controlando esferas de poder fundamentais que usan para beneficio propio, chuchando os recursos de todos ben a través dunha férrea rede corrupta, ben a través da non menos importante corrupción legalizada. Algúns déronlle en chamarlle “casta”, unha conceptualización que, alén de varias obxeccións no emprego deste termo que non son obxecto deste artigo, resulta incompleta, xa que se esquece unha dimensión fundamental que define a esta elite, e non é outra que a territorial, posto que capitalidade do Estado e a estrutura centralista do mesmo son o instrumento necesario para reproducir o seu poder. 

Non se trata dunha característica conxuntural, ligada ao actual momento histórico, senón que é un elemento inherente á propia configuración do Estado Español. Varios autores citan a especial relevancia que ten a elección de Madrid como capital da corte. As principais capitais europeas situáronse en lugares con acceso ao transporte marítimo ou fluvial, xa que até tempos recentes era o medio de transporte máis rápido e seguro, favorecendo así os intercambios comerciais, a chegada de innovacións, etc. A excepción foi Madrid, que está a centos de quilómetros das redes comerciais fluviais. Outro dato que ilustra a anomalía desta escolla é que se trata, despois de Andorra la Vella, da capital europea situada a maior altitude, claro exemplo do illamento e da dificultade dos seus accesos. Cando Felipe II decide que Madrid fose a capital do reino, esta nin tan sequera era a vila máis importante da Meseta, outro exemplo da vontade de alonxamento dos centros de maior dinamismo económico e  comercial que tivo esa escolla.

A expresión gráfica máis simbólica desta casta castiza atopámolo no palco do Santiago Bernabeu, onde poder económico e político pechan os grandes amaños

Este illamento definiu unha capital de claro tinte cortesano, situada á marxe dos fluxos comerciais, de ideas e das innovacións, un contexto que configurou o carácter fortemente reaccionario das elites españolas. Polo tanto, o xeito de acadar o éxito económico é gozar de proximidade á corte e do seu favor, unha maneira de prosperar que apenas se veu alterada ao longo dos séculos. É unha estrutura de poder que sobreviviu fose cal fose a forma de goberno, posto que non cambiou de maneira substancial a estrutura e andamiaxe do Estado Español. 

Así é como se veu desenvolvendo o que varios economistas deron en chamar “capitalismo de amiguetes”, ou tamén, e máis apropiado, “capitalismo castizo”, baseado na obtención de beneficios en base á proximidade e aos favores ao poder capitalino, e esta sigue sendo a forma de capitalismo dominante no Estado español, no cal a estrutura territorial é neste caso de importancia “capital”. 

Esta dinámica histórica topa un novo punto de inflexión durante a ditadura franquista, caldo de cultivo ideal para perpetuar o modelo: centralismo político e grandes doses de autarquía económica que provocan que todos os intereses económicos pasasen invariabelmente polas estruturas de poder do réxime situadas en Madrid. Así, o franquismo sentou as bases que caracterizan na actualidade este modelo secular, con regulacións ad hoc, concesións aos amigos, portas xiratorias, etc.

Do mesmo xeito que a Transición non resolveu a acomodación da realidade plurinacional do Estado Español, impedindo ás nacións ter capacidade para decidir sobre o encaixe institucional e as relacións económicas co conxunto, tampouco mudou esta grotesca modalidade do xa de por si inxusto sistema de produción capitalista actual, continuando a perfecta harmonía entre un férreo poder político centralista do Estado e os lobbies económicos madrileños.

O Borbón Juan Carlos aplicouse a fondo en manter e perpetuar este modelo creando unha simbiose perfecta entre o seu poder, os seus intereses económicos e os do seu círculo, entre eles o presidente de OHL, Villar Mir, ao que nomeou marqués; Manuel Pardo, implicado no escándalo das torres KIO, cuxo fillo, Borja Prado, é o actual presidente de Endesa, Gerardo Díaz Ferrán e un largo etc., nun relato salpicado de múltiples escándalos e íntima relación con múltiples ditaduras, especialmente árabes. 

Os principais problemas que Galiza ten na actualidade teñen a raíz común na dependencia do deseño económico do entramado capitalista "castizo"

O proceso de venda de empresas públicas tamén se encadrou neste modelo. Abonda recordar a Aznar nomeando ao seu compañeiro de pupitre Juan Villaronga presidente da privatizada Telefónica. Na actualidade a súa manifestación máis evidente podemos vela na composición do IBEX-35, cheo de empresas dependentes das regulacións estatais ou da concesión de obra pública. Así, atopámonos con petroleiras privatizadas como Repsol, grandes expoñentes das portas xiratorias como bancos e eléctricas, ao tempo que dependentes do BOE. Tamén están as construtoras de obra pública e prestadoras de servizos, como Sacyr, ACS e FCC, totalmente dependentes do favor político. Teñen todas elas en común que están radicadas na proximidade ao poder político, constituíndo un forte lobbie madrileño cun inmenso poder dentro do Estado español. 

A expresión gráfica máis simbólica desta casta castiza atopámolo no palco do Santiago Bernabeu, onde poder económico e político pechan os grandes amaños. Igual de simbólica xorde ACS, a empresa que preside o tamén presidente do Real Madrid, Florentino Pérez. A filial desta construtora, Dragados, comezou beneficiándose de man de obra escrava dos presos durante o franquismo. Na actualidade, un dos principais accionistas da construtora é a familia March, descendente de Juan March, un dos grandes financiadores do golpe de Estado franquista. A empresa foi das grandes beneficiadas na expansión da obra pública no Estado español -nomeadamente autovías e alta velocidade- ao tempo que dos favores do poder financeiro.

As excepcións a estas empresas no IBEX 35 son escasas e proveñen fundamentalmente da periferia do Estado, sendo empresas con contido industrial e non dependentes de regulacións ou decisións políticas discrecionais sobre o sector. Sirva o caso de Inditex como exemplo. Coas moitas pegas que se lle pode poñer ao seu modelo de negocio, non é unha delas que o seu medre e posición actual se deba a unha relación privilexiada co poder e unhas decisións políticas feitas á súa medida.  

Este deseño secular é unha das principais causas de que un páramo no medio da Meseta, sen recursos naturais, sen capacidade de xeración enerxética e sen unha situación xeográfica acaída para os intercambios económicos teña nestes momentos a maior renda per cápita do Estado. Así o vixente modelo uniforme político, institucional e territorial baseado na “indisolúbel unidade de España” ten unha base material económica, ao responder aos deseños destas elites castizas, que planifican economicamente en función dos seus intereses ao tempo que exaltan os sentimentos de unidade e patriotismo español, pois é esta articulación do Estado a que garante o seus grandes beneficios. 

Nos últimos tempos en moitas ocasións desacreditouse a reivindicación de soberanía para Galiza argumentando que nun momento de crise o importante é centrarse na problemática social e do traballo no canto de “cuestións identitarias”. Esa afirmación esquece que, sen dúbida, os principais problemas que Galiza ten na actualidade –a falta de traballo, os recortes nos servizos públicos, as eivas no apoio a investimentos produtivos- teñen a raíz común na dependencia do deseño económico do entramado capitalista “castizo”, que nos outorga un papel subordinado aos seus intereses e frea as nosas potencialidades. A principal solución segue a ser ter soberanía e capacidade de decisión para podermos debuxar unha estratexia económica propia que non sexa dirixida desde os lobbies madrileños e polo tanto xere riqueza económica en Galiza. Avanzar na xustiza social é tamén avanzar na loita contra este deseño estatal centralista.

Comentarios