sábado 04.07.2020

8M: consellos que poden cambiar o mundo

As mobilizacións do día 8 de marzo mereceren transformarse en conquistas para a muller a curto prazo. Os pulmóns que se sumaron á folga esixen que a inxustiza sexa reparada sen agardar ao ano que ven. Sen dúbida, as fendas da desigualdade non van ser arranxadas a golpe de regulamento. Pero as leis e os orzamentos públicos poderían axudar a que a igualdade avance máis. Unha das demandas que máis resón tivo nas mobilizacións foi a necesidade de elevar o número de mulleres que ocupan postos de responsabilidade nas empresas. A conquista desas cadeiras, nas que se amolloa tanto poder de decisión, é crítica para que as mobilizacións produzan un cambio. A ocupación deses postos por mulleres podería axudar a que os cambios cheguen antes. Os que máis se precisan. Os urxentes (fendas salariais, acceso á promoción, CV cegos, asoballamento,...). A súa materialización esixe que os homes, pola súa banda, contribúan con convencemento a este reparto de poder. Que deixen sitio.

Porén, se o ascenso das mulleres aos postos de dirección non contribúe a desenvolver as mudanzas, con políticas de igualdade reais, a decisión só será un cambio de cromos. Se botamos un ollo aos consellos de administración das grandes empresas nas que hai mulleres decatámonos que os mesmos nomes, arredor dunha ducia e media, ocupan as poucas cadeiras nas que o xénero feminino repousa o seu talento. Os consellos de administración teñen a misión de velar polos resultados das empresas. Pero tamén deberían velar por que as políticas de diversidade de xénero conduzan o papel da muller, o seu rol, a súa retribución, as súas posibilidades de promoción, ao lugar que merecen. Se reparamos nas empresas nas que están sentadas e xulgamos os resultados, a sensación é que o seu paso polos consellos deixa unha colleita de cambio cativa. Insuficiente para o urxente que é -como escribiu a profesora Lola Ferreiro hai semanas no semanario Sermos- “despatriarcalizar moitas rutinas” dentro das empresas. As empresas necesitan máis nomes de muller para conseguilo. Para acelerar os cambios. 

Por iso, cando as mulleres reclaman, e outros sumámonos á reivindicación, ocupar máis poder de decisión, convén reparar en quen. Que non se senten sempre os mesmos nomes arredor de mesas que seguen sen ver a desigualdade como un problema urxente. Que as que se senten velen polo cambio. Polas fendas máis urxentes. Só hai que botar un ollo para clamar por elas e dicir que no seu nome, non. O único consello, de seguro que innecesario, que lle daría a unha muller que vai ocupar unha posición de poder salientábel nunha empresa é que crea que o seu nome pode axudar máis que ningún a que as fendas da desigualdade se reduzan nun dos ámbitos nos que máis se incrementaron os últimos anos. As rodas do 8M non se poden parar.  

comentarios