Opinión

Referentes e futuro

Pasou Eurovisión sen moita ledicia para a candidata impulsada por Televisión Española. A cita fixo pensar en como pasa o tempo: vai máis dun ano da eclosión do efecto Tanxugueiras no Benidorm Fest, o valor da innovación a partir da cultura propia amosou que se pode “arrasar” dentro e fóra da Galiza sendo nós propios e propias. Para un país cunha lingua miniorizada a cuxa normalización tanto corazón e esforzo dedican galegas e galegos conscientes de selo, é fundamental ter referentes. Persoas que nos distintos ámbitos sociais empregan o galego para desenvolver a súa vida e a súa profesión, que crean desde a súa cultura e sementan esperanza para ela.

E pasa o tempo! Esta cuarta feira na marcha de Queremos Galego en Vigo lembrei as manifestacións do 17 de Maio da infancia coa familia e o estraño que se facía o 18 de maio cando, após o feriado, tocaba voltar ao colexio onde ninguén na aula falaba na lingua propia, mesmo a profesora de Primaria impartía as horas de galego en español como se dunha lingua estranxeira se tratar. “Ahora vamos a hacer un dictado: A cadeira está ao carón da mesa”, diría.

Con todo, había referencias inesquecíbeis, aquel profesor que daba aulas “aos maiores” e con cuxos libros comezamos a gostar da lectura, Agustín Fernández Paz, que despois nos acompañou no instituto e fíxonos “xonquis” dos libros en galego.

Referentes, porque unha lingua para estar viva precisa referencias que a empreguen na política, na ciencia e na divulgación, nas artes, na industria... Referentes que, para selo e chegar á xente máis nova, necesitan da lanzadeira que son os medios de comunicación comprometidos co país.

Esta cuarta feira, ademais do Día das Letras Galegas tamén se conmemorou o Día contra a LGBTfobia. As referencias son precisas, aquí de novo, para amosar ao mundo a normalización das identidades e o orgullo de ser e de sentir, rachar os estigmas e ondear bandeiras de liberdade.

Comentarios