Opinión

Mártires

Asociacionismo, colectivos memorialistas, institucións e formación políticas lembran hoxe as galegas e os galegos que foron represaliados polo franquismo, un exterminio, o levado a cabo polo ultraespañolismo e o fascismo que deixou Galiza sen o mellor dunha xeración. Un Día da Galiza Mártir, o de hoxe, 17 de agosto de 2023, que lembra o asasinato do ideólogo e líder nacionalista galego Alexandre Bóveda, morto por amar a súa terra, fusilado polos franquistas na Caeira, Poio.

Porén, o imprescindíbel movemento asociativo e político que mantén viva a memoria de tantas e tantos galegos que foron asasinados, castigados ou que tiveron que exiliarse por defender a democracia e unha Galiza libre e próspera, contrasta coa falta de apoio institucional por parte da Xunta da Galiza a cuestións fulcrais como a declaración oficial do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. Unha declaración que cada ano que non se acomete como tal, doe e avergoña este pobo, 87 anos despois do golpe de Estado fascista. É máis, houbo que esperar até este mesmo ano para que o Parlamento galego acollese –en xuño– o acto institucional de homenaxe a Alexandre Bóveda e ás vítimas galegas do franquismo que foi aprobado por unanimidade da Cámara en 2006 e que foi petición reiterada en 2021.

A reparación das vítimas non estará ademais completa até que non se acabe de investigar e sacar á luz todos os nomes e vidas que foron truncadas polo franquismo, e para iso, alén da vontade de familiares e investigadoras e investigadores, é necesaria unha aposta decidida do Goberno galego para financiar e apoiar tales cometidos porque non se lles devolverá á vida, mais polo menos é obriga das xeracións que hoxe habitamos na Galiza recuperar a memoria, mantela viva e render tributo a quen nos precedeu no traballo por Galiza e pola liberdade.

Comentarios