Opinión

Eu, ti, ela, nós e o fascismo

A falta de vivenda non existe para a Xunta, o problema non está para eles na ausencia de políticas de vivenda pública e aluguer social, senón nos okupas, dixeron no Parlamento. Ven o problema nos topes dos prezos dos alugueres. E aluden así ao libremercado. Isto lembroume unha das miñas primeiras contradicións co neoliberalismo. 2003, aulas de 4º da ESO, a xente de Galiza Nova viñera repartir ao instituto unhas voandeiras para anunciar unha manifestación contra os recheos na ría de Vigo. "Pois eu apoio os recheos porque de maior quero ter un iate aparcado en Vigo", dixérame unha rapaza de clase. Recordo agora ese "eu" fronte ao "nós", ese "eu" e "dáme igual as implicacións", o soño americano importado na Galiza.

Un soño americano, o neoliberalismo, que florece agora en Europa. Aínda que o auxe experimentado pola dereita no Estado español foi freado na Galiza o 28-M, cun crecemento inferior ao da media estatal nas municipais e un resultado que a deixaría en minoría nunha translación das eleccións municipais a unhas nacionais ou estatais, vivimos un impulso internacional do neoliberalismo e a ultradereita. A armadura mediática dos poderes económicos está a crear un relato e unha hexemonía cultural asentada no individualismo do "sálveme eu". E nun contexto de crise, os fascismos están á alza ante un progresismo que tira de parches para mitigar o empobrecemento sen dar a volta á tixola e promover mudanzas estruturais.

O auxe do "eu" para impugnar o colectivo bebe dese soño americano sumado a unha cultura do "éxito material", de "evitar conflitos" ou  a cultura da cancelación -para non confrontar politicamente- co obxectivo de que a realidade social non perturbe a burbulla individual. Vestiuse o necesario benestar persoal coa alienación e o apartarse do colectivo. Os tempos van ir disto, de sermos unha mesma e un mesmo ao tempo que un colectivo, sermos pobo galego, Galiza, fronte á presentación dun "eu" afastado de todo, que deixa vía libre ao fascismo.

Comentarios