Opinión

Xaque a Rusia?

No actual xogo de xadrez mundial Washington, e os seus peóns europeos, están ensaiando novas modalidades de derrubamento de gobernos rebeldes en países considerados estratéxicos para garantir a hexemonía do Capitalismo Financeiro Internacional. É o denominado “golpe suave” da Einstein Intitution estreado coas revolucións de cores, promovidas e financiadas por George Soros na pasada década. 

No actual xogo de xadrez mundial Washington, e os seus peóns europeos, están ensaiando novas modalidades de derrubamento de gobernos rebeldes en países considerados estratéxicos para garantir a hexemonía do Capitalismo Financeiro Internacional. É o denominado “golpe suave” da Einstein Intitution estreado coas revolucións de cores, promovidas e financiadas por George Soros na pasada década. Este modelo consta de cinco etapas e levouse a cabo con precisión na Ucraína. Comezou coa promoción de malestar social mediante campañas dos medios de comunicación de masas fomentando a culpabilidade irracional do gobernante a derrubar. Neste caso o presidente Ianukóvich foi acusado de non querer acercarse a Europa debido ás presións de Rusia. Os prexuízos anti-rusos dunha parte dos ucraínos resultou un terreo abonado para o éxito desta etapa. A seguir promoveuse a mobilización social para deslexitimar e acosar ao goberno. Para incrementar a tensión inícianse medidas de forza como tomas de edificios públicos que dean a sensación de que o poder estase esborrallando. Simultaneamente organízanse actos violentos nos que se implicará ao goberno, mellor se hai vítimas. Por último prodúcese a fractura institucional comprando a deputados e militares para poder visualizar o cambio legal do réxime coa intervención directa da organización armada se é necesario. E todo isto acompañado de medidas internacionais de deslexitimación e illamento económico e político das autoridades para facilitar a intervención final e lograr o obxectivo largamente esperado.

"Washington, e os seus peóns europeos, están ensaiando novas modalidades de derrubamento de gobernos rebeldes en países considerados estratéxicos para garantir a hexemonía do Capitalismo Financeiro Internacional".

Para darlle credibilidade a toda a operación de derrubamento compre unha adecuada cobertura informativa terxiversando e manipulando a situación co obxecto de captar o apoio da opinión pública nacional e internacional. Esta intoxicación informativa deu excelentes resultados nas primaveras árabes e en Libia. Ante esta guerra dos media só un observador crítico e medianamente informado está en condicións de refutar todo este feixe de mentiras e manipulacións, pero non aqueles que só se fixan nos titulares e na televisión. 

Todos puidemos ver o desfile de centos de manifestantes enmascarados e armados con cascos militares, escudos, barras de aceiro e moreas de pedras arrincadas da famosa Praza Maidán. Pero só os observadores críticos e obxectivos puideron saber da existencia dunha montaxe televisiva onde se simulou un maltrato policial a manifestantes cando en realidade algún dos falsos policías era un coñecido opositor disfrazado co uniforme oficial da policía ucraína, sen contar as ducias de activistas islamitas vidos de Chechenia e Siria, estraños aliados dos cristiáns ortodoxos ucraínos. Mais os asaltos á edificios públicos, a comisarías e depósitos de armas foi tratado superficialmente como se os culpábeis fosen as autoridades gobernativas.

As consecuencias da situación en Ucraína veñen de lonxe e teñen a ver coa atropelada transición —na década dos 90 do pasado século— do modelo soviético ao voraz sistema capitalista. Nesa transición, liderada polo ex-soviético Leonid Kuchma, o país perdeu inicialmente preto do 60% do seu PIB, ademais de caer nunha avultada taxa de inflación. Xunto a ese grave deterioro económico implantouse un sistema administrativo cun alto nivel de corrupción apoiada nunha privatización masiva de propiedades públicas a favor da nova nomenclatura e baixo tutela occidental. Esta nova estrutura política foi o resultado do reparto do poder entre o vello establishment pro-ruso e os pro-occidentais, coincidindo co liderado de cada grupo na parte oriental e occidental do país, respectivamente. Ucraína tivo unha razoábel recuperación —tamén con Kuchma— a partir do 2000, pero á UE interesáballe un goberno decidido a integrar rapidamente á fértil e poboada Ucraína na Unión Europea converténdoa nun dócil cliente das multinacionais europeas e americanas como ocorrera con outros países do leste. 

Así foi como —nun intento de apartar definitivamente o sector pro ruso do poder— Occidente, lanzou en 2004 a “Revolución Laranxa” que instalou no poder a Víktor Iúshchenko como presidente e a Iúlia Timoshenko de primeira ministra. Sen embargo, este experimento fracasou ao pouco converténdose esa etapa nun gran desengano para os ucraínos. Despois duns gobernos de transición chega á presidencia en 2010 Viktor Ianukóvich, con experiencia nos antigos gobernos de Kuchma, mais tamén de Iúshchenko. A dependencia enerxética de Rusia e o duro axuste económico esixido pola UE para a súa integración van perfilando politicamente as opcións de futuro no país ponderando o goberno actual como máis viábel unha posición de colaboración comercial independente con Europa e Rusia sen sacrificar o seu débil tecido económico. 

"Pero nin a posición de equilibrio do goberno ucraíno nin o debate democrático lle interesa á UE nin a Estados Unidos que soñan con instalar a Ucraína na OTAN e poñer a Rusia de xeonllos"

Pero nin a posición de equilibrio do goberno ucraíno nin o debate democrático lle interesa á UE nin a Estados Unidos que soñan con instalar a Ucraína na OTAN e poñer a Rusia de xeonllos. Os americanos levan moito tempo minando as institucións ucraínas —políticas, económicas e militares— tecendo unha ampla rede de contactos e complicidades. Unha parte poderosa da oligarquía dese país está moi ligada a Occidente como é o caso de Viktor Pintchuck, xenro do ex-presidente Kuchma. Este individuo, un magnate do aceiro de Ucraína, fixo a súa fortuna na transición ao capitalismo na década dos '90. Fundou a Pintchuk Foundation que mantén profundos lazos de colaboración coa Clinton Global Initiative. Os Clinton utilizan esta fundación para facilitar a globalización económica e condicionar aos líderes nacionais dos países emerxentes para que non sexan un obstáculo aos seus designios. Pintchuk fundou tamén a Yalta European Strategy cuxo obxectivo principal é integrar a Ucraína na Otan. Por tanto, o que está ocorrendo na Ucraína forma parte desa estratexia.

Se o Presidente Víktor Ianukóvich non é un exemplo de político inmaculado —en calquera caso é o presidente democrático elixido pola maioría dos ucraínos en 2010 fronte a todos os demais candidatos nunhas eleccións libres—, que dicir dos abandeirados da democracia do Euromaidán. Algúns dos seus referentes son o antigo colaborador nazi Stepán Bandera e outros símbolos hitlerianos. O ex boxeador Vitali Klichkó, financiado polo partido de Merkel, ou o ultra de tendencia nazi Oleg Tiagnibok do movemento Svoboda poden ser considerados como un exemplo de demócratas? Poden considerarse demócratas aqueles que forzan un cambio constitucional baixo ameazas directas de morte aos deputados da Rada? Poden considerarse demócratas aqueles que destitúen ao Presidente, sen respectar a Constitución, tomando de forma ilexítima o poder? Poden considerarse demócratas aqueles que non respectan os acordos como ocorreu o pasado 22 en Kiev? Este proceso golpista é un bo exemplo de como Occidente avalía as mobilizacións populares segundo en que país ocorran. Se suceden na UE ou en USA os manifestantes máis ou menos violentos son considerados radicais, extremistas ou mesmo terroristas. Se ocorren noutro país —como en Ucraína, Rusia, Siria ou Venezuela— alí son considerados simples cidadáns ou loitadores pola democracia. Aínda que leven cascos e armas, mallen na xente ou tomen violentamente edificios públicos.

"Se o Presidente Víktor Ianukóvich non é un exemplo de político inmaculado, que dicir dos abandeirados da democracia do Euromaidán. Algúns dos seus referentes son o antigo colaborador nazi Stepán Bandera e outros símbolos hitlerianos".

Como vemos o problema ucraíno vai máis alá dun conflito estritamente nacional. Os intereses en xogo nunha zona fronteiriza entre Occidente e Rusia poden desencadear un conflito internacional de consecuencias incalculábeis. Rusia non se vai quedar quieta e, se non hai un acordo de consenso cos rusos, esa zona está condenada a converterse nun campo minado para quen queira meter os fociños. O actual despregue de tropas rusas na parte occidental, fronteiriza con Ucraína, é unha advertencia de que o ocorrido non vai quedar así. O feito de que Ianukóvich siga reivindicándose coma presidente do país e pedise protección a Putin aboa a idea de que Rusia vai xogar todas as súas bazas, que non son poucas e non só no aspecto militar. Farao, especialmente, no plano económico no que Ucraína é extremadamente débil e dependente de Moscú. Que pasarán coas exportacións ao mercado ruso (25% do total ucraíno)? Ou no mercado enerxético no que Ucraína importa unha cantidade próxima ao 100% do gas que necesita? Estes datos evidencian a necesidade dunha relación de amizade mutuamente vantaxosa como intentaba o goberno derrocado. Veremos nos próximos días se os xogos de guerra das voraces transnacionais occidentais —que queren as ricas minas de ferro e aos millóns de ucraínos para ampliar o seu negocio nun contexto de crise do sistema económico mundial— son quen de poñer de xeonllos a Moscú. 

Comentarios